Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 12 de decembro de 2002 Páx. 17.091

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 11 de decembro de 2002 pola que se establecen medidas que complementan as axudas establecidas na Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A Orde do 18 de novembro de 2002, modificada pola Orde do 3 de decembro de 2002, establece as medidas transitorias urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, co obxecto de palia-las repercusións máis inmediatas sobre a actividade pesqueira e marisqueira.

Estas medidas urxentes contemplan axudas para os mariscadores, tripulantes e armadores dos buques que tiveran que cesa-la súa actividade como consecuencia do cesamento da actividade pesqueira e marisqueira provocada pola contaminación producida.

Agora ben, o mantemento no tempo das circunstancias que deron orixe a estas medidas urxentes, obriga a que teña que considerarse a ampliación destas axudas a outras actividades, que non sendo extractivas, si se ven seriamente afectadas pola prolongada inactividade pesqueira e marisqueira da zona afectada pola vertedura do buque Prestige.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán acollerse ás presentes axudas os colectivos que, cumprindo o establecido no artigo seguinte, a continuación se definen:

-Redeiros e colaboradores familiares de embarcacións.

-Persoal laboral das confrarías.

-Operarios das lonxas e fábricas de xeo.

-Comercializadores de primeiro nivel que poidan amosa-la súa dependencia do recurso afectado.

Artigo 2ª

Será requisito obrigatorio para poder acollerse ás axudas:

-Que tivesen que paralizar completamente as súas actividades, como consecuencia da inactividade pesqueira e marisqueira, decretada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e

-Que tivesen o seu ámbito de actividade vinculado á zona xeográfica, ós portos e ás confrarías de pescadores, incluída, en cada momento, na zona de peche decretada.

Artigo 3ª

O período máximo cuberto por esta orde será coincidente co período de vixencia da Orde do 18 de novembro de 2002, modificada pola do 3 de decembro de 2002, é dicir, durante un período de seis meses, tódolos días naturais, que poderá ser prorrogado no caso de que as circunstancias así o recomenden, comezando desde o día 18 de novembro de 2002.

As axudas establecidas para cada un dos grupos será de 30 euros por día de inactividade:

Estas imputaranse ós conceptos orzamentarios 12.03.614.B.480.90. e 12.03.614.470.90

Artigo 4º

Para acollerse ás referidas axudas os afectados deberán presentar unha solicitude dirixida ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, xunto coa seguinte documentación:

* En tódolos casos:

-Solicitude normalizada do anexo I.

-Declaración xurada (segundo o anexo II).

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o aboamento da axuda

* Cada caso en particular:

Caso dos redeiros e colaboradores familiares de embarcacións:

-Copia cotexada do boletín TC1/20, do pagamento das cotas da Seguridade Social inmediatamente anterior á prohibición da pesca e o marisqueo.

* Caso do persoal laboral das confrarías de pescadores.

-Certificación da confraría conforme o traballo que se realiza para a mencionada confraría.

-Copia cotexada dos TC do último mes controlado, inmediatamente anterior á prohibición da pesca e o marisqueo.

* Caso dos operarios de lonxa e fábricas de xeo:

-Copia cotexada dos TC do último mes controlado ou do último boletín TC1/15, do pagamento das cotas da Seguridade Social, anterior á prohibición da pesca e o marisqueo.

-Certificación do responsable da lonxa, conforme o solicitante desenvolve a actividade no establecemento.

* Caso dos comercializadores de primeiro nivel.

-Copia cotexada dos TC do último mes controlado ou do último boletín TC1/15 do pagamento das cotas da Seguridade Social anteriores á prohibición da pesca e o marisqueo.

-Certificación do responsable da lonxa ou lonxas, ou documento cotexado de ter autorización para realiza-la actividade de comprador (non necesario, no caso de traballadores por conta allea)

-Certificación detallada expedida polo responsable da lonxa ou lonxas das zonas onde desenvolva a súa actividade, das compras realizadas no último trimestre.

Toda a documentación deberá ser presentada antes do 20 de decembro de 2002, nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Calquera variación nas circunstancias declaradas polos beneficiarios destas axudas deberá ser notificada de inmediato.

Artigo 5º

Á vista das solicitudes presentadas, e logo da proposta do director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, resolverá o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 6º

Estas axudas serán incompatibles con:

1. A realización polo perceptor de calquera actividade laboral, durante o período establecido.

2. O recoñecemento do dereito á protección por desemprego e co resto das prestacións do sistema

da Seguridade Social, non compatibles co traballo do beneficiario.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados nesta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito, existentes no momento en que foron producidos aqueles actos.

Segunda.-No caso de que as circunstancias varíen no que respecta á extensión das áreas, poderá modificarse a zona afectada, e polo tanto, os portos nos que estes sectores terán dereito á percepción das axudas así como as modalidades de pesca implicadas.

Neste suposto, facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para dicta-las normas necesarias para amplia-lo alcance desta orde ás novas circunstancias.

Terceira.-Facúltase, así mesmo, o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional

Única.-As medidas que se establecen nesta norma ningún caso supoñen recoñecemento de responsabilidade da Comunidade Autónoma polos referidos danos e adóptanse sen prexuízo do dereito que asiste a Comunidade Autónoma para reclamar dos responsables os importes das indemnizacións que corresponda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos