DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 30 de xullo de 2024 Páx. 44854

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2024 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408I).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 22 de xullo de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia e facultou a persoa titular da dirección xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape aos investimentos en equipamento en Galicia e convocar para o ano 2024 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408I).

A presente convocatoria finánciase con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 7 de agosto de 2024, ás 9.00 horas, e rematará o 10 de outubro de 2024, ás 14.00 horas, agás que antes desa data se produza o esgotamento do crédito.

Terceiro. Créditos

O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Ano 2024

09.A1.741A.7700

3.000.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda no Igape, sen exceder en todo caso o 9 de decembro de 2024; transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Quinto. O prazo máximo de execución e xustificación rematará o 10 de decembro de 2024.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras das axudas aos investimentos en equipamento en Galicia

A Consellería de Economía e Industria é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución, o exercicio de funcións en diferentes materias entre as cales se atopan:

A promoción e dinamización da economía, o impulso e a coordinación da política económica e industrial, así como a revisión da regulación con incidencia na economía.

O apoio xeral ao sector empresarial, fomentando a mellora da competitividade das empresas, incidindo no desenvolvemento tecnolóxico e na innovación, na transformación dixital, na sustentabilidade e na internacionalización.

A coordinación, a planificación, o deseño e a posta en marcha dos mecanismos públicos autonómicos de financiamento empresarial e industrial.

O impulso económico e industrial convértese no eixe fundamental no deseño, elaboración e execución da acción política da Consellería de Economía e Industria, co fin de continuar coa etapa de recuperación do crecemento económico da nosa comunidade autónoma.

Para o exercicio das súas competencias, están adscritas á consellería, entre outras entidades, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un rol fundamental no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O apoio e incentivos ao investimento empresarial constitúe un piar necesario para a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas e, por iso, a Xunta de Galicia, consciente destas circunstancias, decide abordar unha medida dirixida a reducir parcialmente os custos de investimento recentes realizados polas empresas galegas neste mesmo exercicio 2024 cunha axuda dotada con 3 millóns de euros, como primeiro avance no apoio ao investimento empresarial que poderá ser ampliado e evolucionado no futuro próximo cunha liña máis potente de cara a facilitar a modernización tecnolóxica das empresas galegas en todo momento, en función da súa necesidade e decisión de investimento.

Co obxectivo xeral de apoiar as empresas na Comunidade Autónoma e favorecer o mantemento do emprego e a capacidade competitiva, o Igape desenvolve este sistema de apoio a proxectos de investimentos en maquinaria e equipamentos empresariais con ata 300.000 € de axuda por proxecto.

Para acadar estes obxectivos poderanse publicar diferentes convocatorias en concorrencia non competitiva que serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, e xustificarase a súa excepcionalidade polo especial interese en dar o apoio directamente en función dos investimentos asumidos, sen parámetros de avaliación ou discriminación entre proxectos, buscando un efecto inmediato igualitario para calquera investimento abordado polas empresas en Galicia.

Artigo 1. Obxecto

Apoiar a empresa galega nos custos de investimentos en equipamentos subvencionando sobre o volume de investimento en maquinaria, bens de equipamento ou sistemas informáticos.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. As solicitudes, en todo caso, resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude. No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

3. Non se poderán outorgar subvencións por unha contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou dunha transferencia de crédito, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

4. As axudas previstas nestas bases encádranse no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

5. Esta convocatoria finánciase mediante fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas ao abeiro das presentes bases serán compatibles con calquera outra axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado sempre que a intensidade de axuda acumulada non supere o importe da actuación.

2. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape para os mesmos investimentos.

3. Ao estaren as axudas suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións aos mesmos gastos e de calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa destes. En todo caso, coa solicitude de axuda, a persoa solicitante informará no formulario de solicitude de calquera axuda recibida para os mesmos gastos e de calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia, que realicen calquera actividade económica coa excepción das actividades excluídas pola normativa aplicable (Regulamento (UE) nº 2023/2831-Regulamento de minimis):

• A produción primaria de produtos da pesca e da acuicultura.

• A produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar antes do 10 de decembro de 2024 o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

d) As empresas que no momento da resolución da axuda non se atopen ao día de débedas coas distintas administracións: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.

3. As persoas solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de seren persoas beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 5. Conceptos subvencionables, condicións e intensidade de axuda

1. Conceptos subvencionables:

Investimento en activos fixos tanxibles e intanxibles nos que incorra a empresa desde o 1 de xaneiro de 2024 e anteriores á data de solicitude, podendo tamén incluír investimentos que se realizarán con posterioridade á data de solicitude, ata o 10 de decembro de 2024.

• Compra de maquinaria ou bens de equipamento.

• Programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware).

2. Condicións:

O importe mínimo de custo subvencionable total deberá acadar 40.000 €.

Os investimentos en activos fixos, materiais ou inmateriais, deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria e deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Non será subvencionables en ningún caso impostos, xuros e gastos financeiros, e taxas.

3. Intensidade de axuda:

Concederase unha axuda do 40 % ata un máximo de 300.000 € para os custos subvencionables incorridos pola empresa durante o período subvencionable, que abarca desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o remate das actuacións propostas, que non deberá superar en ningún caso o 10 de decembro de 2024.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Formulario previo: dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as persoas interesadas deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Cada empresa, por cada centro de traballo, só poderá presentar unha solicitude de axuda.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Para as entidades suxeitas a inscrición no Rexistro Mercantil: que cumpriu coa obrigación de depósito no Rexistro Mercantil das contas anuais correspondentes ao último exercicio coa obrigación de depósito, segundo os artigos 366 e 368 do Regulamento do Rexistro Mercantil (RD 1784/1996, do 19 de xullo) e o artigo 279.1 do texto refundido de Lei de sociedades de capital.

b) Relación doutras axudas públicas ou privadas recibidas e/ou solicitadas para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

c) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

e) Relación doutras axudas de minimis recibidas e/ou solicitadas nos tres anos previos ao da solicitude da axuda.

2. Solicitude: a solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal daranse por desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:
http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento deberá estar asinado electronicamente por cada un dos autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 7. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

1. Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

2. Para investimentos e gastos realizados antes da data de solicitude de axuda:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer a relación destas no formulario de solicitude.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.

3. Para investimentos proxectados para executar con posterioridade á data de solicitude e ata o 10 de decembro de 2024:

a) Listaxe completa dos gastos e investimentos previstos, que se deberá cubrir no formulario de solicitude.

b) As tres ofertas que deba ter solicitado a persoa beneficiaria en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes requirimentos:

Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables proxectados superen as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que os fornezan.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

4. A persoa beneficiaria deberá presentar a documentación complementaria obrigatoriamente por vía electrónica. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. A persoa beneficiaria responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 7.1. destas bases.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

i) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

j) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

k) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

l) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 10. Órganos competentes

A competencia para a instrución do procedemento de concesión da subvención das solicitudes presentadas correspóndelle a Área de Competitividade do Igape.

A persoa titular da Dirección da Área de Competitividade do Igape é competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes obxecto de tramitación segundo estas bases e nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Instrución dos procedementos, resolución e notificación

1. As solicitudes de axuda serán revisadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á persoa solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico e da documentación presentada.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e ao ser unha convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva, as axudas resolveranse segundo o establecido no artigo 2.2 destas bases reguladoras.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións previstas nas bases, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, darase por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. A Área de Competitividade ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaralla á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, que resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan. Informarase a persoa beneficiaria sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido este, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. As notificacións das resolucións e dos actos administrativos do procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Potestativamente, recurso previo de reposición:

– Ante a persoa titular da Dirección da Área de Competitividade no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento.

– Ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, non se admitirán modificacións.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter a actividade e os investimentos subvencionados durante o período de tres anos desde a data da resolución de concesión da axuda. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da persoa beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Dar publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da empresa ou noutro sitio visible accesible desde a páxina de inicio, e colocando un cartel tamaño A3, como mínimo, ou unha pantalla electrónica equivalente, na entrada das instalacións.

d) Comunicarlle ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados e de calquera axuda en réxime de minimis, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de xustificación da subvención.

e) Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, acreditar que cumpren coa normativa en materia de prazos a provedores, mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

f) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

Artigo 15. Xustificación da execución e do aboamento

1. A xustificación de execución das accións que dan lugar ás subvencións reguladas nestas bases rematarase unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos:

a) Cando todos os investimentos sexan anteriores á data de solicitude de axuda, resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta indicado na solicitude, unha vez comprobada a xustificación dos investimentos realizados presentada coa solicitude.

b) Cando os investimentos previstos non estean realizados ou rematados na data de solicitude, resolverase a concesión da axuda e o anticipo do 100 % da axuda, de acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2009, e unha vez comprobado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nas presentes bases para o seu pagamento. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade, e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión. Neste suposto exímense as persoas beneficiarias da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009. 

Neste caso, a persoa beneficiaria disporá ata o 10 de decembro de 2024 para presentar toda a documentación xustificativa dos gastos e investimentos subvencionados cubrindo o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de xustificación. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluída unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. A persoa beneficiaria deberá presentar a xustificación da execución mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As xustificacións de execución que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao correspondente procedemento de reintegro, no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de xustificación na aplicación informática, a persoa beneficiaria deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que non se presentase no prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará o inicio dun procedemento de reintegro total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de xustificación, a persoa beneficiaria da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase facer unha relación delas no formulario de solicitude de cobramento.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou acuse de recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo nos que conste o cambio empregado.

c) Fotografías dos investimentos realizados instalados no establecemento.

d) Acreditación do cumprimento da obriga de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.c) destas bases.

e) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora.

Artigo 16. Procedemento de reintegro

1. A falta de xustificación ou incumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia do reintegro da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro total, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

f) Non comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien os custos subvencionados ou das axudas recibidas en réxime de minimis.

g) Non acreditar o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores, para subvencións de importe superior a 30.000 €.

3. Reintegro parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tomadas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e debe resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 40 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

4. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 14.a) destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.c) destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

5. Réxime sancionador: ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de subvencións, fiscalización e control

1. O Igape comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

Como mínimo farase unha comprobación in situ nunha mostra aleatoria do 5 % das subvencións concedidas.

2. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes do gasto será de catro anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e o aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 4 anos desde a súa presentación.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións teñen a obriga de subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) nº 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade).

f) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file