DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 29 de xullo de 2024 Páx. 44788

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 15 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas á LAT 132 kV evacuación PE Airas, sita no concello de Mondoñedo (Lugo) e promovida por Fergo Galicia Vento-Alfoz, S.L.U. (expediente 009/2011 AT).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 15 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas á LAT 132 kV evacuación PE Airas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Outorgar autorización administrativa previa relativa ao proxecto da LAT 132 kV evacuación do PE Airas, no concello de Mondoñedo (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento-Alfoz, S.L.U. (expediente 009/2011-AT).

2. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución LAT evacuación PE Airas, redactado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1.898 do ICOIIG e asinado o 20.6.2023, xunto coa declaración responsable.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da LAT 132 kV evacuación do PE Airas, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro), en relación coas parcelas recollidas no anexo desta resolución.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, antes do inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración. O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono das instalacións, de conformidade co disposto na DIA. Polo anteriormente exposto, este órgano substantivo fixa en 11.392 € a contía do aval, dos que 4.557 € corresponderán á fase de obras e 6.835 € á fase de desmantelamento.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo da redacción dunha acta de comprobación pola inspección ambiental, conforme establece o referido Decreto 455/1996.

A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo, e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que o promotor acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna, de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 10.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá levar a cabo unha prospección minuciosa para constatar a presenza ou ausencia de especies do Catálogo galego de especies ameazadas e, no caso de detección, comunicaráselle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través do seu Servizo de Patrimonio Natural de Lugo, xunto coas medidas que se propoñan.

3. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano cartográfico as built en formato shape das instalacións do expediente.

4. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

5. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións deste expediente e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións deste expediente, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

6. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 10.11.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.6.2011, Fergo Galicia Vento, S.L., en diante o promotor, presentou ante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, actual Consellería de Economía, Industria e Innovación, a solicitude da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica LAT 132 kV evacuación parque eólico Airas, no concello de Mondoñedo (expediente 009/2011 AT).

2. Pola Resolución do 31.8.2017, da Xefatura Territorial de Lugo, en diante xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, e declaración de impacto ambiental da instalación eléctrica LAT 132 kV evacuación parque eólico Airas.

3. O 9.9.2020, o promotor presentou ante a xefatura territorial a modificación substancial do proxecto inicial, consistente no cambio do modelo dos apoios metálicos de celosía e a ampliación da zona de protección da liña, o que motivou un cambio nas servidumes sobre o trazado.

4. O 25.11.2020, desde esta dirección xeral solicitouse a relación de organismos que deben consultar a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en diante órgano ambiental, e mais á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O 26.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo comunicou a relación de organismos que se deben consultar, e o 9.3.2021 o órgano ambiental comunicou a apertura dun novo expediente ambiental que recolle as modificacións presentadas, indicando que o proxecto se sometería a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, e remitiu a relación dos organismos aos cales se deberían solicitar os informes de carácter ambiental.

5. O 21.5.2021, esta dirección xeral remitiu a documentación do expediente á Xefatura Territorial de Lugo por ser a unidade tramitadora e para os efectos de que se continuase coa tramitación ata a remisión do expediente completo, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. Mediante o Acordo do 2.6.2021, da xefatura territorial, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución LAT de evacuación do parque eólico Airas.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (en diante DOG) núm. 112, do 15.6.2021, por un prazo de trinta (30) días e, na mesma data, no xornal El Progreso. Así mesmo, foi exposto ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Mondoñedo, segundo o certificado asinado o 2.8.2021, onde non se presentou ningunha alegación. Asemade, o dito acordo estivo exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo, conforme o certificado asinado o 4.8.2021, e no portal de transparencia da actual Consellería de Economía, Industria e Innovación para a súa consulta pública polo tempo regulamentario.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Ademais do anterior, desde a xefatura practicáronse as correspondentes notificacións individuais aos titulares coñecidos de bens e dereitos afectados da solicitude de declaración de utilidade pública.

7. O 5.7.2021, a xefatura territorial, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e o previsto nos artigos 127, 131 e 146 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (en diante, RD 1955/2000), remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (en diante Begasa). Os informes recibidos foron remitidos ao promotor para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 22.7.2021 e achegado o 26.7.2021, Deputación Provincial de Lugo o 3.8.2021 e achegado o 10.8.2021, e Begasa o 2.8.2021 e achegado o 4.8.2021.

8. Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución foi dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 5.7.2021, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria, a xefatura territorial iniciou o trámite de consultas aos seguintes organismos: Concello de Mondoñedo, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio. Ao respecto dos restantes organismos, o promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

10. Simultaneamente, o 5.7.2021, a xefatura territorial iniciou o trámite de consultas sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Delegación do Goberno, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Servizo de Enerxía e Minas e Instituto de Estudos do Territorio.

11. O 6.9.2021, desde a xefatura territorial achegouse ao promotor un requirimento de emenda para a corrección ou aclaración das cuestións expostas de conformidade coas distancias mínimas indicadas.

O promotor modificou o inicio e final da liña para cumprir coas distancias aos aeroxeradores do PE Figueiras, así como cos aeroxeradores do PE Mondoñedo.

12. O promotor, con data 8.8.2022, presentou modificación da documentación ante a remisión dos trámites de consultas, información pública e o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural do 30.6.2022. Esta modificación determinouse como non substancial baseada no punto 4 da LAT 09 do RD 223/2008.

13. O 12.5.2022, o promotor presentou ante esta dirección xeral a solicitude de aplicación do procedemento de urxencia baseándose na declaración do Consello da Xunta de Galicia da declaración de iniciativas empresariais prioritarias (en diante IEP) dos parques eólicos Figueiras, Canedo e Airas, e ao formar parte a LAT 132 kV evacuación PE Airas das infraestruturas de evacuación dos devanditos parques eólicos.

14. O 23.5.2022, mediante resolución desta dirección xeral declarouse a tramitación de urxencia do procedemento administrativo correspondente á LAT 132 kV evacuación PE Airas (expediente 009/2011-AT), de acordo co establecido no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

15. O 7.7.2022, a xefatura territorial, logo de rematar a tramitación do expediente citado e de conformidade co disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiu o expediente do proxecto a esta dirección xeral para continuar coa súa tramitación.

16. O 28.11.2022, a Consellería do Medio Rural, desde a Dirección Xeral de Defensa do Monte, achegou á xefatura territorial o informe técnico sobre o estudo de impacto ambiental, que resulta favorable coas indicacións expresadas no informe.

17. O promotor, o 2.2.2023, achegou resposta ao requirimento coa documentación necesaria e modificando a separata que afecta o concello de Mondoñedo, que é a única baixo a súa consideración afectada polo cambio no proxecto enviado a esta dirección xeral o 8.8.2022.

18. A devandita modificación do trazado implica a variación de determinadas superficies de expropiación previstas na RBDA publicada no trámite de IP e, en consecuencia, o 24.3.2023 notificóuselle ao titular desas parcelas, concretamente o Concello de Mondoñedo, os devanditos cambios.

19. O 24.3.2023 solicitóuselle á xefatura territorial o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas conforme o artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, xuntando o oficio da nova documentación necesaria.

O 20.6.2023 o promotor presentou un novo proxecto de execución refundido como contestación ao requirimento da xefatura territorial, que emitiu o 30.6.2023 o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, conforme o artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

20. O 27.4.2023, esta dirección xeral autorizou a transmisión de titularidade do parque eólico Airas, ata agora Fergo Galicia Vento, S.L, e a partir de agora a favor de Fergo Galicia Vento-Alfoz, S.L.U.

21. O 12.7.2023 esta dirección xeral, como órgano substantivo por razón da materia, enviou ao órgano ambiental o expediente ambiental do proxecto para continuar coa tramitación de avaliación de impacto ambiental ordinaria de cara á formulación da DIA. Con carácter previo, o 30.6.2023 o promotor ratificou que toda a documentación achegada ata a data era válida e xuntou unha declaración responsable.

22. Cumprida a tramitación ambiental, o 10.11.2023 o órgano ambiental emitiu a resolución pola que formulou a DIA en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro. O 24.11.2023 publicouse no DOG núm. 224 o Anuncio do 13 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental.

O 14.11.2023, esta dirección xeral comunicoulle ao promotor a devandita resolución solicitándolle a documentación técnica refundida para autorización, que o promotor achegou o 15.11.2023. Posteriormente, o 30.11.2023 o promotor remitiu a esta dirección xeral o Plan de vixilancia ambiental previsto para garantir o cumprimento do exixido no punto 5.1 da DIA en canto á responsabilidade do órgano substantivo.

23. O 15.11.2023, o promotor achega solicitude de cambio de titularidade, ata agora Fergo Galicia Vento, S.L. a favor de Fergo Galicia Vento-Alfoz, S.L.U. Presentou a documentación necesaria e o pagamento da taxa.

24. O 19.12.2023 ditouse a Resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais pola que se autoriza a transmisión de titularidade do expediente da LAT 132 kV evacuación PE Airas, sita no concello de Mondoñedo (Lugo), titularidade de Fergo Galicia Vento S.L, a favor de Fergo Galicia Vento-Alfoz, S.L.U. (expediente 009/2011-AT). O 20.12.2023 remitíuselles a dita resolución ao cedente, ao adquirente e á xefatura territorial.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais