DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 29 de xullo de 2024 Páx. 44751

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xullo de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común San Mamede, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 8.7.2022, a CMVMC de San Mamede de Hedrada presentou unha solicitude (REXEL núm. 2022/1796689) de revisión de esbozo do MVMC de San Mamede, no concello de Vilariño de Conso.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea xeral do día 24.2.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable, o día 9 de novembro de 2022, en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro estremeiras con particulares, así como algunhas outras lindeiras con comunidades de montes veciñas; en concreto, revísanse os tramos lindeiros cos MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira e De Soutelo, onde concorren tamén procedementos de deslindamento, e co MVMC de Hedrada, onde concorre unha solicitude de revisión de esbozo da comunidade propietaria deste último.

No resto de veciñanzas, o perímetro mantense segundo a dixitalización actual do esbozo contido na carpeta-ficha, incluído un tramo estremeiro co monte Invernadeiro, o cal ten a condición de monte patrimonial da comunidade autónoma.

A superficie do MVMC de San Mamede, unha vez revisado o esbozo, sería de 690,50 ha fronte ás 709 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 2,6 %.

Tendo en conta o anterior, emítese infórme favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de San Mamede, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares e máis nunha parte da veciñanza co MVMC de Hedrada (2º tramo). Quedarían pendentes de definir ou deslindar os restantes tramos lindeiros co MVMC de Hedrada (1º e 3º tramo) así como tamén cos MVMC de Pradoalbar, de Soutogrande, de Sabuguido e co monte patrimonial Invernadeiro.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de novembro de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 12 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense