DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 24 de xullo de 2024 Páx. 44122

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 16 de xullo de 2024 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G).

O 11 de xaneiro de 2022 publicouse no número 6 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, e proceder á súa convocatoria coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas co financiamento dos gastos nos anos 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento BS403G).

A presente modificación ten por obxecto incrementar o crédito en 295.800 € na anualidade 2024 na aplicación orzamentaria 38.02.312B.470.0 para incrementar a prima debido ao aumento, nos últimos anos, do índice de prezos ao consumo (IPC) e a establecer unha compensación da prima durante os períodos de baixa de maternidade ou paternidade na dita anualidade 2024.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G).

A Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403G), queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 2, referido ao financiamento, queda redactado como segue:

«Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 5.041.800 €, desagregados da seguinte maneira:

Aplicación

Importe 2022

13.02.312B.470.0

1.306.800

13.02.312B.770.0

13.000 €

Total

1.319.800 €

Aplicación

Importe 2023

11.02.312B.470.0

1.597.200

11.02.312B.770.0

8.500 €

Total

1.605.700 €

Aplicación

Importe 2024

Importe total anualidades

38.02.312B.470.0

2.110.800

5.014.800 €

38.02.312B.770.0

5.500 €

27.000 €

Total

2.116.300 €

5.041.800 €»

Dous. O número 2 do artigo 4, referido á natureza e contido das axudas, queda redactado como segue:

«2. Para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos destinarase unha prima de 24.200,00 €/ano. Para a anualidade 2024 a prima será de 27.800 €.

Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade na anualidade 2024 da persoa titular do recurso aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante o período que dure a dita baixa, se concorren as seguintes condicións:

a) A casa niño continuará ofrecendo unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto, deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.

b) A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos, o día 24 e o día 31 de decembro e un mes cada doce, no que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

c) Salvo as excepcións contidas na letra anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a persoa titular da casa niño no caso de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables.

d) A atención prestada nas casas niño comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentado de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene tales como cueiros, toalliñas ou cremas.

e) As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa persoa titular da casa niño que estea a desenvolver o proxecto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano no que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.

f) Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas. Para os efectos desta orde, as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocuparán dúas prazas, e non poderá, en ningún caso, haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade ou, de existir, que os nenos/as estean en lista de agarda e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade os fillos/as das titulares das casas niño, e, deseguido, se as houber, os fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo de acceso ás prazas coas puntuacións establecidas no anexo V».

Tres. O número 3 do artigo 16, referido á xustificación da axuda, pasa a ser o número 4 e o número 3 queda redactado como segue:

«3. Para xustificar a axuda nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa titular do recurso achegarase o parte de baixa correspondente».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade