DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 24 de xullo de 2024 Páx. 44102

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 170/2024, do 1 de xullo, polo que se crea e se regula a Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

I

No Diario Oficial de Galicia número 94, do 21 de maio de 2021, publicouse a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O artigo 33 da Constitución española prevé a función social do dereito de propiedade. Neste marco constitucional o obxectivo da Lei 11/2021, do 14 de maio, é loitar contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar a base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural. Así mesmo, a citada lei resulta aplicable ás terras agroforestais, prioritariamente a aquelas que se encontren en situación de abandono ou infrautilización, e a asentamentos de poboación en zonas rurais e explotacións agropecuarias localizados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, esta lei ten como finalidade a recuperación das terras agrarias de Galicia para uso agrícola, gandeiro e forestal, sen limitarse a enunciar estes valores con carácter xenérico, senón que forman parte fundamental das medidas e das propostas contidas no seu articulado. Así, o apoio á actividade agrícola e aos ingresos das explotacións agrarias familiares e, nomeadamente, ás mulleres agricultoras, o fomento da aplicación de prácticas agrícolas que contribúan ao mantemento dos ecosistemas e incrementen a capacidade de adaptación ao cambio climático, o fomento da xestión forestal sustentable e activa, e a loita contra a degradación e o abandono dos solos agrarios son á vez cuestións transversais presentes na lei e eixos fundamentais do Pacto verde europeo, moi especialmente da Estratexia «Da granxa á mesa» incluída nel, así como da Acción polo Clima e da nova Estratexia forestal da Unión Europea.

Respecto aos obxectivos xerais desta lei, recollidos no artigo 2, cabe destacar, entre outros, a prevención e loita contra o abandono das terras agroforestais, establecendo medidas de recuperación, agrupación, redimensionamento, mellora estrutural e de infraestruturas que faciliten a súa mobilización para uso agroforestal e prestando atención especial ao fomento da constitución de iniciativas de xestión e aproveitamento conxunto das terras recuperadas. Así como a coordinación das actuacións das diferentes administracións que teñan relación directa ou indirecta coa xestión das terras agroforestais, a loita contra o seu abandono, a obtención de datos útiles para esas finalidades e a creación dun fondo documental e unha rede de intercambio de datos e información que contribúa a ese fin.

II

A Lei 11/2021, do 14 de maio, non só se configura como un instrumento para facer fronte ao reto demográfico, ao promover a recuperación de asentamentos poboacionais que progresivamente veñan reducir o problema do despoboamento do rural, senón que tamén constitúe unha aposta clara pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, na medida en que facilita a mobilidade e dispoñibilidade de terras e crea unhas condicións de desenvolvemento das iniciativas de emprendemento agrogandeiro e forestal máis equitativas entre xéneros.

Por outro lado, os problemas ambientais e da crise climática, obrigan a produción agraria a evolucionar cara a un modelo máis sustentable e respectuoso co ambiente, e tamén cara a un aproveitamento dos recursos endóxenos compatible cunha produción ordenada, sustentable e funcional. E a iso é ao que tende, entre outras cuestións, a formulación da nova PAC e das medidas e incentivos nela incluídos, que darán apoio de modo transversal aos mecanismos e instrumentos regulados na Lei 11/2021, do 14 de maio.

III

No que se refire aos instrumentos para a mobilización de terras, a lei reforza o papel do Banco de Terras como instrumento público de intermediación na mobilización da terra agraria, reducindo así trámites administrativos, impulsando a súa axilización e converténdoo na figura fundamental para o desenvolvemento dos novos instrumentos de recuperación da terra agraria. Así mesmo, créase o Banco de Explotacións co fin de garantir a remuda xeracional e de facilitar o contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais e persoas interesadas nelas. Dentro tamén dos procedementos de mobilización de terras, defínense as permutas de especial interese agrario como un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas, calquera que sexa a súa localización no territorio.

Igualmente, con esta lei propóñense novos mecanismos para a recuperación da terra agraria: polígonos agroforestais, aldeas modelo e actuacións de xestión conxunta. Estas figuras permiten recuperar as terras agrarias en situación de abandono ou infrautilización e pór de acordo as persoas titulares e as interesadas na posta en produción a través, fundamentalmente, do recurso ao arrendamento voluntario, por prezos e prazos acordados entre as partes, a permuta ou a compravenda para casos particulares.

Por unha banda, os polígonos agroforestais perseguen a mellora da estrutura territorial das explotacións, así como a posta en produción de áreas de terra agroforestal con capacidade produtiva que están en estado de abandono ou infrautilización ou ben que contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos que se encontran en estado de abandono.

Pola outra banda, as aldeas modelo configúranse como un instrumento de carácter voluntario, mediante o cal se levan a cabo actuacións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego.

No tocante ás actuacións de xestión conxunta, cabe destacar que se caracterizan pola realización dos procesos de xestión por parte das persoas propietarias ou titulares de dereitos de uso ou aproveitamento a través das súas agrupacións, sen incorporar procedementos de reestruturación da propiedade.

IV

En consonancia coa transcendencia do cumprimento dos obxectivos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, para o axeitado desenvolvemento rural de Galicia, a disposición derradeira oitava da dita lei preveu a creación, mediante decreto, da Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei 11/2021, do 14 de maio, de cara a un proceso de mellora da aplicación desta lei.

En consecuencia, mediante este decreto créase a comisión de que se trata e regúlanse a súa composición, funcións e réxime xurídico.

Este decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A adecuación ao principio de necesidade fundaméntase na satisfacción do interese xeral, ao que responde a elaboración periódica dun informe de avaliación sobre as actuacións de recuperación da terra agraria de Galicia, o que permitirá valorar o grao de consecución dos obxectivos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, e propor as estratexias axeitadas para corrixir as deficiencias que se observen.

En aplicación do principio de eficacia, mediante o decreto establécese unha fórmula que permitirá o seguimento efectivo da aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio.

En canto ao principio de proporcionalidade, a regulación prevista é a indispensable para garantir a satisfacción do interese público perseguido, isto é, o acaído seguimento da aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio.

En canto ao principio de seguridade xurídica, o texto é coherente co ordenamento xurídico aplicable. En particular, atende ao previsto na disposición derradeira oitava da Lei 11/2021, do 14 de maio, e non crea incerteza nin dúbida acerca dos seus efectos e da súa aplicación. A norma é clara en relación cos intereses xuridicamente tutelados, conta cun contido preciso e uns efectos predeterminados.

O principio de transparencia queda garantido, xa que na parte expositiva do decreto se identifica a súa finalidade e, por outra parte, promoveuse a participación activa na elaboración do texto, a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, na fase de normativa en tramitación.

Ademais, a norma prevé que o informe de avaliación sobre as actuacións realizadas pola axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural sobre a recuperación da terra agraria se remita bianualmente ao Parlamento de Galicia, a través do que a sociedade se fará eco do alcance da aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio.

En canto ao principio de eficiencia, esta norma procura conseguir unha mellor xestión dos recursos públicos mediante unha regulación sinxela que non suporá incremento do gasto público.

En conclusión, pode afirmarse que os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficaciencia quedan atendidos na norma de que se trata, que nace da necesidade de atender o mandato legal da disposición derradeira oitava da Lei 11/2021, do 14 de maio.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear a Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, así como a regulación da súa composición, das súas funcións e do seu réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

A Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é un órgano colexiado de seguimento e avaliación da aplicación da citada Lei 11/2021, do 14 de maio.

Esta comisión estará adscrita á consellería competente sobre o desenvolvemento rural, a través da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural.

Artigo 3. Réxime xurídico

A Comisión rexerase pola lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, polo previsto na disposición derradeira oitava da Lei 11/2021, do 14 de maio, polas disposicións deste decreto, polas normas contidas na sección terceira do capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e, de ser o caso, polo regulamento de réxime interior de que se dote a Comisión.

Artigo 4. Funcións

A Comisión terá as seguintes funcións:

a) Remitir bianualmente ao Parlamento de Galicia un informe de avaliación sobre as actuacións realizadas pola axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural en materia de recuperación da terra agraria. O informe referirase ás actuacións da citada axencia en relación a cada título da Lei 11/2021, do 14 de maio. Así mesmo, terá un punto específico referido á aplicación da citada Lei 11/2021 desde a perspectiva da igualdade entre mulleres e homes.

b) Coñecer os informes de control da xestión económico-financeira, tales como auditorías, emitidos polos órganos de control externo e interno, tales como a Comisión da Unión Europea, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

c) Analizar os recursos persoais, materiais e orzamentarios de que dispón a Administración autonómica para a aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio, así como o seu escenario plurianual, e a súa idoneidade para a consecución dos obxectivos da Lei 11/2021.

d) Propor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas na aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio.

Artigo 5. Composición

1. A composición da Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, será a seguinte:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Secretaría.

d) Vogalías.

2. A Presidencia correspóndelle á persoa titular da Presidencia da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural, que será suplida, de ser o caso, pola persoa que ocupe a Vicepresidencia.

3. A Vicepresidencia correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural, que será suplida, de ser o caso, pola persoa que ocupe a vogalía designada en representación da citada axencia.

4. A Secretaría correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural, que será suplida, de ser o caso, pola persoa que ocupe a vogalía designada en representación da citada axencia.

5. Os/as vogais titulares da Comisión, para quen se designará cadanseu suplente, serán:

a) Unha persoa en representación da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente sobre o desenvolvemento rural, designada pola persoa titular dese centro directivo.

b) Unha persoa en representación do centro directivo competente sobre planificación forestal, designada pola persoa titular dese centro directivo.

c) Unha persoa en representación do centro directivo competente sobre defensa do monte, designada pola persoa titular dese centro directivo.

d) Unha persoa en representación do centro directivo competente sobre produción agropecuaria, designada pola persoa titular dese centro directivo.

e) Unha persoa en representación do centro directivo competente sobre igualdade, designada pola persoa titular dese centro directivo. Esta persoa será a encargada de elaborar os contidos para o punto específico de igualdade do informe.

f) Unha persoa en representación da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural, designada pola persoa titular da Dirección Xeral desta.

g) Unha persoa experta ou especialista relacionada co desenvolvemento rural, procedente do eido universitario, designada pola persoa titular da Presidencia da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural.

h) Unha persoa experta ou especialista relacionada co desenvolvemento rural, procedente do eido académico, designada pola persoa titular da Presidencia da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural.

i) Unha persoa experta ou especialista relacionadas co desenvolvemento rural, procedente do eido dos colexios profesionais, designada pola persoa titular da Presidencia da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural.

6. Na composición da Comisión e das subcomisións procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 6. Obrigas

As persoas que compoñen a Comisión terán as seguintes obrigas:

a) Asistir ás sesións ás cales sexan convocadas e participar nos seus debates.

b) Adecuar a súa conduta ás normas contidas neste decreto e ás directrices e instrucións que, no seu desenvolvemento, acorde o pleno da Comisión.

c) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións e informacións que se traten na Comisión.

Artigo 7. Funcionamento da Comisión

1. A Comisión funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de subcomisións para o estudo de temas concretos. No acordo de creación farase constar a composición, as funcións e as finalidades da subcomisión.

2. A Comisión poderá nomear persoal consultor e asesor externo, que colaborarán na súa condición de persoas expertas en áreas específicas de coñecemento. Estas persoas expertas non poderán ser as persoas que, conforme o artigo 5, formen parte da Comisión. Na súa participación nas reunións da Comisión ou das subcomisións, as persoas expertas disporán de voz, pero non de voto.

3. O pleno da Comisión reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao ano. As sesións extraordinarias serán convocadas pola Presidencia, por propia iniciativa ou por proposta da maioría das persoas que compoñen o pleno.

Artigo 8. Quórum e adopción de acordos

1. O pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta das persoas que o compoñen. De non alcanzarse este quórum, o pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, 15 minutos máis tarde da hora prevista para a primeira, coa asistencia da terceira parte das persoas que o compoñen. Nos dous casos é indispensable a presenza das persoas que ocupan a presidencia e a secretaría ou, de ser o caso, da persoa que as substitúa.

2. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que, estando presentes todas as persoas que compoñen a Comisión, acorden a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

3. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. En caso de empate, a Presidencia decidirá co seu voto de calidade.

Artigo 9. Actas

De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da Secretaría e contará co visto e prace da Presidencia. Na acta faranse constar, como mínimo, a relación de asistentes, o lugar, a data e a hora da sesión, os asuntos da orde do día, os puntos principais das deliberacións, os resultados das votacións e os acordos adoptados.

Artigo 10. Carácter gratuíto da participación

A participación nas reunións da Comisión terá carácter gratuíto e non dará lugar á compensación económica nin ao pagamento de axudas de custo.

Artigo 11. Tratamento de datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal que realice a Comisión no desenvolvemento das súas funcións efectuarase de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional única. Gastos

As actuacións da Comisión non xerarán incremento dos créditos orzamentarios da axencia pública autonómica competente sobre o desenvolvemento rural.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente sobre o desenvolvemento rural para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural