DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 43948

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Resolución do 22 de xullo de 2024 de concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sustentabilidade (código de procedemento PE130B).

BDNS (Identif.): 776192.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia así como as súas federacións; tamén poderán ser persoas beneficiarias as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector do mar, sempre que sexan entidades titulares de plans de xestión para recursos marisqueiros xerais no ano 2024 con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunhas axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade das entidades asociativas do sector mediante a achega de fondos para manter a operatividade destas entidades e velar así pola viabilidade da actividade marisqueira e pesqueira que se viu comprometida polas perdas de produción ou minoración dos ingresos económicos percibidos durante o período dos meses de outubro e novembro de 2023, e que pon en risco a asunción dos custos básicos operativos da súa actividade. Código de procedemento PE130B.

Terceiro. Norma reguladora

Resolución do 22 de xullo de 2024 de concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sostibilidade (código de procedemento PE130B).

Cuarto. Contía

1. A contía das axudas destinadas ás federacións de confrarías de pescadores de Galicia será de 12.500 € por federación.

2. Para o resto de entidades beneficiarias:

• A contía mínima da axuda fíxase nunha cantidade de 4.000 € por entidade beneficiaria.

• Para aquelas entidades manifestamente dedicadas e, polo tanto, dependentes da actividade do marisqueo, a contía da axuda será, sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, equivalente ao 5 % da caída do valor económico das producións dos recursos marisqueiros xerais, tanto a pé como desde a embarcación, asociadas a cada entidade nos meses de outubro e novembro de 2023 respecto ao mesmo período de 2022.

• Fíxase en todo caso unha contía máxima da axuda de 20.000 € por entidade beneficiaria.

Para os efectos do establecido nos puntos anteriores, entenderase por entidades manifestamente dedicadas ao marisqueo aquelas entidades en que a porcentaxe dos seus socios dedicados aos recursos marisqueiros xerais (mariscadores a pé xunto cos buques nese porto base que no seu permex teñan a arte de marisqueo) sexa igual ou superior ao 40 %.

Quinto. Comprobación e publicación

1. A Consellería do Mar, logo de consultar o Rexistro de Confrarías e das súas federacións, creado polo artigo 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, así como a lista das entidades titulares dos plans de xestión de recursos marisqueiros xerais, publicará coa resolución unha relación provisional de persoas beneficiarias que poderán acollerse a esta axuda.

2. Na devandita relación especifícase para cada unha delas a contía da axuda que lle corresponde en aplicación do establecido no punto sexto da resolución e segundo os datos facilitados para estes efectos, polo Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar

Sexto. Forma e lugar de presentación da aceptación

1. As persoas beneficiarias incluídas na relación provisional do anexo e aquelas outras entidades que non figuren nela, no caso de non estar de acordo co nel reflectido, disporán dun prazo de 5 días naturais, contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para achegar as alegacións e documentación que xulguen oportunas.

2. A unidade tramitadora procederá á revisión das alegacións e/ou documentación presentada, e procederá á resolución destas nun prazo máximo de 10 días hábiles desde a finalización do prazo sinalado no punto anterior.

3. Transcorrido o prazo sinalado no punto 2, unha vez resoltas as correspondentes alegacións á lista provisional, emitirase unha lista definitiva que se fará pública no seguinte enderezo https://mar.xunta.gal/gl/de-interese/novidades

4. As persoas beneficiarias incluídas nesta relación definitiva disporán dun prazo de 10 días, contados desde o día seguinte ao da publicación desta relación definitiva para aceptar a axuda.

5. As persoas beneficiarias incluídas na lista definitiva deberán presentar por escrito esta aceptación, segundo o formulario que se xunta á resolución (anexo I) e no cal se indicará o número de conta para o aboamento da axuda. A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do devandito formulario normalizado do anexo I e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

6. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar