DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 43931

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2024 de concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sustentabilidade (código de procedemento PE130B).

Antecedentes:

Desde mediados de outubro ata mediados de novembro de 2023 tivo lugar un episodio extraordinario de precipitacións que se prolongou en moitos puntos, principalmente da metade oeste, durante máis de 30 días seguidos, e que provocou que nesas semanas as cantidades totais de chuvia superaran, en amplas zonas da vertente atlántica, os 1.000 l/m2, o que supuxo, en moitos casos, que esa auga doce acabase sendo descargada nas rías galegas, co consecuente descenso da salinidade da auga mariña ata niveis mortais para o marisco, especialmente entre os bivalvos de interese comercial. En consecuencia, numerosos bancos marisqueiros situados nos fondos das rías galegas sufriron uns efectos devastadores, que provocaron unha diminución severa da súa produción.

O 20 de novembro de 2023 a Consellería do Mar presentou na Delegación do Goberno de Galicia unha solicitude de declaración como zonas afectadas gravemente por esta situación de emerxencia derivada destas incesantes precipitacións que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro, pedindo que se habiliten as axudas necesarias para compensar, de forma completa e inmediata, ao sector afectado as perdas ocasionadas pola mortalidade severa nas poboacións de bivalvos de interese comercial. A mediados do mes de maio, case cinco meses despois desta petición, o Goberno Central acaba de anunciar que a solicitude de zona catastrófica non foi tramitada.

No ámbito da produción primaria no sector do mar, existen entidades corporativas que realizan actividades e operacións relacionadas coa pesca e o marisqueo e nas cales as persoas traballadoras do mar están integradas. As actividades realizadas por estas entidades, como poden ser a xestión colectiva dos recursos ou a súa primeira venda, resultan fundamentais para que as devanditas persoas traballadoras poidan organizarse e adaptarse e facer fronte aos constantes cambios que se producen nos seus recursos e ao ámbito de coordinación e funcionamento interno. Na actualidade, derivada desta excepcional situación anteriormente descrita, todas estas entidades están sometidas en maior ou menor medida a unhas tensións organizativas e económicas que comprometen a súa viabilidade, ao ter que facer fronte cada vez máis a situacións imprevisibles atendendo ás necesidades duns socios con cada vez menos recursos para darlle sostén.

Ademais destas entidades, existen no caso das confrarías de pescadores, un nivel de organización superior, as federacións de confrarías de pescadores que aínda que non realizan actividades nin operacións directamente relacionadas coa pesca e a acuicultura, si teñen un importante papel na organización sectorial, tendo que realizar, como mínimo, as funcións encomendadas polo artigo 69 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, entre as que se atopan a representación das confrarías que as integran, ser órganos de consulta e colaboración coa Administración, a contribución ao mellor desenvolvemento do sistema socioeconómico ou a prestación de asesoramento técnico e xurídico. Polo tanto, as federacións, elementos clave para o traballo que se vai realizar de cara á recuperación do sector marisqueiro e pesqueiro, ao depender das confrarías que as integran, están tamén a sufrir un efecto arrastre da situación excepcional que estamos a atravesar.

Tendo en conta que a solicitude de declaración dos bancos marisqueiros dos concellos costeiros de Galicia como zonas afectadas gravemente pola situación de emerxencia derivada destas incesantes precipitacións, que tiveron lugar desde mediados de outubro ata mediados de novembro, non vai ser atendida polo Goberno central, tal e como anunciou recentemente, considérase necesario adoptar, de cara a velar pola viabilidade do sector do mar de Galicia, medidas inmediatas e extraordinarias de apoio público para garantir a sustentabilidade das súas entidades asociativas, que se viron afectadas polo efecto arrastre das perdas no sector marisqueiro o que lastra as posibilidades para recuperar a produción e, avogar así, polo abastecemento dos produtos do mar á poboación e por coadxuvar a reforzar a senda de crecemento do noso país.

Por ese motivo, a Consellería do Mar considera necesario articular axudas directas e estas entidades para que poidan seguir a traballar pola sustentabilidade da actividade marisqueira e pesqueira.

Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunhas axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade das entidades asociativas do sector do mar mediante a achega de fondos para manter a operatividade destas entidades que se viu comprometida polos graves acaecementos ambientais que provocaron perda de actividade durante o período de outubro e novembro de 2023 e que pon en risco a asunción dos custos operativos básicos da súa actividade.

Estas axudas tramitaranse coa maior celeridade administrativa posible para que as entidades organizativas do sector do mar en Galicia poidan soportar a tensión económica e organizativa que están sufrindo como consecuencia desta situación excepcional e que, de non ter medios para realizar as súas funcións, podería derivar mesmo en abandono da actividade por parte dos seus integrantes. Polo tanto, son necesarias estas medidas de apoio a estas entidades para así garantir a viabilidade da actividade marisqueira e pesqueira.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De conformidade co Decreto 50/2021, do 23 de xuño, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle a este órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia propoñer e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, industrias pesqueiras e conserveiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo, cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, salvamento marítimo, loita contra a contaminación e planificación e actuacións portuarias, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder aos outros organismos da Comunidade Autónoma.

No exercicio das ditas competencias, a Consellería asumirá a concesión e pagamento de axudas extraordinarias ás confrarías de pescadores, así como as súas federacións; estas axudas tamén irán dirixidas a cooperativas do mar, asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector do mar, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros xerais no ano 2024 en réxime de coxestión e que teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, e estarán dirixidas a fornecer as devanditas entidades de fondos de capacidade de sustentabilidade fronte ao incremento dos custos operativos básicos da súa actividade que está a supoñer esta situación excepcional que estamos a atravesar.

Segunda. A concesión destas axudas realizarase de forma directa de conformidade co establecido no artigo 22.2.c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao acreditarse razóns de interese público, social, económico e humanitario que dificultan a súa convocatoria pública.

Estas axudas, excepto as destinadas ás federacións de confrarías de pescadores, ampáranse no réxime de minimis previsto no Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro de 2023, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012 no que respecta ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos. O importe total das axudas de minimis por beneficiario non poderá exceder os 40.000 € durante un período calquera de tres exercicios fiscais.

Vista a Lei 38/2003, do 17 de novembro, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de conformidade coas competencias que me atribúe o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro. Procedemento

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concesión directa, conforme o previsto no artigo 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os artigos 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e finalidade da axuda concedida

1. Esta resolución ten por obxecto a concesión directa dunhas axudas de carácter extraordinario destinadas a garantir a sustentabilidade das entidades asociativas do sector mediante a achega de fondos para manter a operatividade destas entidades e velar así pola viabilidade da actividade marisqueira e pesqueira que se viu comprometida polas perdas de produción ou minoración dos ingresos económicos percibidos durante o período dos meses de outubro e novembro de 2023, e que pon en risco a asunción dos custos básicos operativos da súa actividade (código de procedemento PE130B).

Terceiro. Compatibilidade con outras modalidades de axudas

Esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou dos organismos internacionais das cales puidesen beneficiarse as persoas destinatarias da axuda.

Cuarto. Crédito orzamentario

Estas axudas faranse efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2024

46.03.723A.470.0

370.000 €

46.03.723A.481.0

50.000 €

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores de Galicia, así como as súas federacións; tamén poderán ser persoas beneficiarias as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector do mar, sempre que sexan entidades titulares de plans de xestión para recursos marisqueiros xerais no ano 2024 con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

3. O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 do capítulo VI ou das obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª co capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, impedirá ás confrarías de pescadores de Galicia e ás súas federacións ser beneficiarias de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo.

Sexto. Contía da axuda

1. A contía das axudas destinadas ás federacións de confrarías de pescadores de Galicia será de 12.500 € por federación.

2. Para o resto de entidades beneficiarias:

• A contía mínima da axuda fíxase nunha cantidade de 4.000 € por entidade beneficiaria.

• Para aquelas entidades manifestamente dedicadas e, polo tanto, dependentes da actividade do marisqueo, a contía da axuda será, sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, equivalente ao 5 % da caída do valor económico das producións dos recursos marisqueiros xerais, tanto a pé como desde a embarcación, asociadas a cada entidade nos meses de outubro e novembro de 2023 respecto ao mesmo período de 2022.

• Fíxase, en todo caso, unha contía máxima da axuda de 20.000 € por entidade beneficiaria.

Para os efectos do establecido nos puntos anteriores, entenderase por entidades manifestamente dedicadas ao marisqueo aquelas entidades en que a porcentaxe dos seus socios dedicados aos recursos marisqueiros xerais (mariscadores a pé xunto cos buques nese porto base que no seu permex teñan a arte de marisqueo) sexa igual ou superior ao 40 %.

No que respecta ás entidades a que se refire o punto 2, en todo caso respectarase o establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión modificado polo Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura, de xeito que o importe total das axudas de minimis concedidas a cada entidade beneficiaria non exceda os 40.000 € no exercicio fiscal en curso xunto cos dous exercicios anteriores ao da presente solicitude.

Sétimo. Relación de persoas beneficiarias

1. No anexo desta resolución, logo de consultar o Rexistro de Confrarías e das súas federacións, creado polo artigo 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, así como a listaxe das entidades titulares dos plans de xestión de recursos marisqueiros xerais, recóllese a relación provisional de persoas beneficiarias que, por reuniren os requisitos previstos no punto quinto, poderán acollerse a esta axuda.

2. Na devandita relación especifícase para cada unha delas a contía da axuda que lle corresponde en aplicación do establecido no punto sexto desta resolución e segundo os datos facilitados, para estes efectos, polo Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar.

Oitavo. Prazo de presentación da aceptación da axuda

1. As persoas beneficiarias incluídas na relación provisional do anexo e aquelas outras entidades que non figuren nela, no caso de non estar de acordo co nel reflectido, disporán dun prazo de 5 días naturais, contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para achegar as alegacións e documentación que xulguen oportunas.

2. A unidade tramitadora procederá á revisión das alegacións e/ou documentación presentada e procederá á resolución destas nun prazo máximo de 10 días hábiles desde a finalización do prazo sinalado no punto anterior.

3. Transcorrido o prazo sinalado no punto 2, unha vez resoltas as correspondentes alegacións á listaxe provisional, emitirase unha lista definitiva que se fará pública no seguinte enderezo https://mar.xunta.gal/gl/de-interese/novedades

4. As persoas beneficiarias incluídas nesta relación definitiva disporán dun prazo de 10 días, contado desde o día seguinte ao da publicación desta relación definitiva, para aceptar a axuda.

5. A non aceptación da axuda no prazo indicado suporá a renuncia a ela.

Noveno. Forma e lugar de presentación da aceptación

As persoas beneficiarias incluídas na lista definitiva deberán presentar por escrito esta aceptación, segundo o formulario que acompaña a esta resolución (anexo I) e no que se indicará o número de conta para o aboamento da axuda. A aceptación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do devandito formulario normalizado do anexo I e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa aceptación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Décimo. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar co formulario de aceptación da axuda (anexo I) a seguinte documentación:

a. Nomeamento de representante, cando proceda.

b. Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais da entidade e da escritura de constitución, con excepción das confrarías e das súas federacións que permitan a consulta establecida na letra h) do punto décimo primeiro desta resolución.

c. Copia do poder de representación do representante legal da persoa solicitante para os efectos da aceptación desta axuda, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

d. De ser o caso, certificación do secretario da entidade do acordo do órgano de goberno respecto á aceptación da axuda ou, dependendo do tipo de entidade, documentación equivalente que permita realizar a comprobación deste aspecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesa ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. Formará parte do formulario de aceptación da axuda a declaración de outras axudas de minimis recibidas durante o exercicio fiscal en curso e os dous exercicios anteriores ao da presente solicitude.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario de aceptación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para tramitar estas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

a. DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante.

b. NIF da entidade solicitante.

c. Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d. Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e. Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f. Consulta de concesións pola regra de minimis.

g. Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h. No caso das confrarías de pescadores e das súas federacións, consulta dos estatutos depositados no Servizo de Apoio e Relación coas Organizacións Sectoriais da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

i. No caso das confrarías de pescadores e das súas federacións, consulta do cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 do capítulo VI ou das obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª co capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso das persoas interesadas para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Resolución e pagamento da axuda

1. As resolucións de concesión ou denegación da axuda poderán ditarse sucesivamente a medida que se vaia verificando que toda a documentación que exixe o punto décimo desta resolución é correcta e está completa.

2. O pagamento da axuda efectuarase no número de conta bancaria achegada polo beneficiario xunto coa aceptación da axuda.

3. Na resolución de concesión informarase á persoa beneficiaria sobre o importe da axuda e o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28.6.2014, L 190/45).

Décimo terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación do formulario de aceptación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación do formulario de aceptación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Reintegro das axudas

Conforme o establecido no artigo 40.1.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederá o reintegro da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Décimo sexto. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta resolución estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas de Galicia, polo que as persoas beneficiarias quedan obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo oitavo. Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Décimo noveno. Impugnación

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses desde a mesma data, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

ANEXO

Relación de persoas beneficiarias e contías correspondentes

Entidade

Axuda (€)

Asociación de Confrarías da Ría de Vigo

4.000

Asoc. mariscadoras de San Cosme-Barreiros

4.000

Asociación de mariscadores e mariscadoras de Cariño

4.000

Confraría de Ribadeo

4.000

Confraría de Foz

4.000

Confraría de Burela (Cervo)

4.000

Confraría de San Cibrao (Cervo)

4.000

Confraría de Celeiro (Viveiro)

4.000

Confraría do Vicedo

4.000

Confraría do Barqueiro

4.000

Confraría de Espasante

4.000

Confraría de Cariño

4.000

Confraría de Cedeira

4.000

Confraría de Ferrol

4.000

Confraría de Barallobre (Fene)

4.000

Confraría de Mugardos

4.000

Confraría de Ares

4.000

Confraría de Pontedeume

4.000

Confraría de Miño

4.000

Confraría de Sada

4.000

Confraría de Lorbé (Oleiros)

4.000

Confraría de Mera (Oleiros)

4.000

Confraría da Coruña

4.000

Confraría de Caión

4.000

Confraría de Malpica

4.000

Confraría de Corme (Ponteceso)

4.000

Confraría de Laxe

4.000

Confraría de Camelle (Camariñas)

4.000

Confraría de Camariñas

4.000

Confraría de Muxía

4.000

Confraría de Fisterra

4.000

Confraría de Corcubión

4.000

Confraría do Pindo (Carnota)

4.000

Confraría de Lira (Carnota)

4.000

Confraría de Muros

17.936

Confraría de Noia

20.000

Confraría de Portosín (Porto do Son)

8.060

Confraría de Porto do Son

8.656

Confraría de Aguiño (Ribeira)

4.072

Confraría de Ribeira

4.000

Confraría de Palmeira (Ribeira)

4.000

Confraría da Pobra do Caramiñal

4.000

Confraría de Cabo de Cruz (Boiro)

8.392

Confraría de Rianxo

16.190

Confraría de Carril (Vilagarcía)

4.000

Confraría de Vilaxoán (Vilagarcía)

4.000

Confraría de Vilanova

4.000

Confraría da Illa de Arousa

4.000

Confraría de Cambados

4.000

Confraría do Grove

4.000

Confraría de Portonovo (Sanxenxo)

4.000

Confraría de Sanxenxo

4.000

Confraría de Raxó (Poio)

9.256

Confraría de Pontevedra

20.000

Confraría de Lourizán (Pontevedra)

13.174

Confraría de Marín

4.000

Confraría de Bueu

4.000

Confraría de Aldán-O Hío (Cangas)

4.000

Confraría de Cangas

4.000

Confraría de Moaña

4.000

Confraría de Arcade (Soutomaior)

4.000

Confraría de Redondela

4.000

Confraría de Vigo

4.000

Confraría de Baiona

4.000

Confraría da Guarda

4.000

Confraría de Vilaboa

4.000

Agrupación mariscadores Río Anllóns

4.000

Coop. Ría de Arousa-Abanqueiro

4.000

Agrupación Santa Helena de Baldaio

4.000

Federación Provincial de Confrarías da Coruña

12.500

Federación Provincial de Confrarías de Lugo

12.500

Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra

12.500

Federación Galega de Confrarías de Pescadores

12.500

missing image file
missing image file
missing image file