DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44075

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de xullo de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Serra de Mazaira (agás Quintela) e Plantío, e o de Serra de Abaixo, no concello de Castro Caldelas.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Serra de Mazaira (agás Quintela) e Plantío, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Mazaira (agás Quintela) e Tronceda, e o de Serra de Abaixo, pertencente á CMVMC da parroquia de Tronceda, no concello de Castro Caldelas, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC das parroquias de Mazaira (agás Quintela) e Tronceda e a da parroquia de Tronceda presentaron sendas solicitudes (Rexel 2022/2414491 e 2022/2414597, respectivamente) coas que solicitaban a aprobación dun deslindamento entre elas.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

Segundo. Posteriormente, o 15.9.2023, a CMVMC da parroquia de Tronceda presentou unha nova solicitude (Rexel 2023/2534491) coa que achegaba a seguinte documentación:

– Acta-informe de deslindamento.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Castro Caldelas.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 25 de setembro de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Serra de Mazaira (agás Quintela) e Plantío pertencente á CMVMC das parroquias de Mazaira (agás Quintela) e Tronceda, e o MVMC Serra de Abaixo, pertencente á CMVMC da parroquia de Tronceda.

Porén, neste caso non se trata dun deslindamento ao uso onde as partes avinzan unha serie de puntos que definen unha liña estremeira, senón dunha adxudicación de predios enteiros onde o monte Serra de Mazaira (inicialmente atribuído á parroquia de Mazaira -agás Quintela-) e o monte Plantío (inicialmente atribuído á parroquia de Tronceda) quedan agora na pertenza das parroquias de Mazaira (agás Quintela) e Tronceda; mentres que o predio o monte Serra de Abaixo segue na pertenza da parroquia de Tronceda, ben que agora separado do predio Quintela.

As superficies dos MVMC Serra de Mazaira (agás Quintela) e Plantío e Serra de Abaixo, unha vez aprobado o deslindamento, serían de 539,88 ha, e de 484,03 ha, respectivamente.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Serra de Mazaira (agás Quintela) e Plantío, pertencente á CMVMC da parroquia de Mazaira (agás Quintela) e Tronceda, e o MVMC Serra de Abaixo, pertencente á CMVMC da parroquia de Tronceda, no concello de Castro Caldelas.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de xullo de 2024.

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense