DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44078

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de xullo de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común da Espasa, e o de Vilar, no concello de Chandrexa de Queixa.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) da Espasa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da Espasa, e o de Vilar, pertencente á CMVMC da parroquia de Vilar, no concello de Chandrexa de Queixa, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 15.5.2023, a CMVMC da Espasa presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/1450951) coa que solicitaba a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Vilar.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Actas de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Chandrexa de Queixa.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 29 de setembro de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC da Espasa, pertencente á CMVMC da Espasa, e o MVMC de Vilar, pertencente á CMVMC da parroquia de Vilar, desde o vértice 0 (o situado máis ao NE) ata o vértice 45 (o situado máis ao SO), ao longo dun tramo situado entre os vértices 7 e as inmediacións do 9 dun deslindamento xudicial entre os dous MVMC.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC da Espasa, pertencente á CMVMC da Espasa, e o MVMC de Vilar, pertencente á CMVMC da parroquia de Vilar, no concello de Chandrexa de Queixa.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 9 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense