DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 42851

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 169/2024, do 8 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño de tres treitos antigos da estrada EP-3101 e un da estrada EP-3103.

Segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Tomiño e a Deputación Provincial de Pontevedra formalizaron, o 26 de xullo de 2021, un convenio de colaboración para a execución do proxecto denominado Mellora da mobilidade peonil no camiño escolar na EP-3102 ao CEP Pedro Caselles desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+400. A cláusula quinta deste convenio ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia a prol do concello dos seguintes treitos viarios:

• Treito antigo de 63 metros da estrada provincial EP-3101 Tebra – Cristelos, situado á altura do punto quilométrico 0+000 marxe esquerda.

• Treito antigo de 83 metros da estrada provincial EP-3101 Tebra – Cristelos, situado á altura do punto quilométrico 3+200 marxe esquerda.

• Treito antigo de 114 metros da estrada provincial EP-3101 Tebra – Cristelos, situado á altura do punto quilométrico 3+900 marxe esquerda.

• Treito antigo de 55 metros da estrada provincial EP-3103 Cristelos – Burgueira, situado á altura do punto quilométrico 0+800 marxe dereita.

Os treitos antigos das estradas EP-3101 e EP-3103 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1 a prol do Concello de Tomiño.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño dos seguintes treitos antigos, das estradas EP-3101 e EP-3103 da rede de estradas da Deputación Provincial de Pontevedra:

Denominación

p.q.

Lonxitude (Km)

Treito antigo da EP-3101 Tebra-Cristelos

0+000 ME da EP-3101

0,063

Treito antigo da EP-3101 Tebra-Cristelos

3+200 ME da EP-3101

0,083

Treito antigo da EP-3101 Tebra-Cristelos

3+900 ME da EP-3101

0,114

Treito antigo da EP-3103 Cristelos-Burgueira

0+800 MD da EP-3103

0,055

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Tomiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas