DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43028

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ferrol (expediente IN407A 2023/372-1).

Expediente: IN407A 2023/372-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: adecuación do centro de transformación Pazos-15CM94 (Ferrol).

Concello: Ferrol.

Feitos:

1. O día 24.8.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada. Para atender o crecemento previsto da demanda na zona, proxéctase aumentar a potencia do centro de transformación e renovar a aparellaxe polo fin da súa vida útil.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, entregan o proxecto, que inclúe memoria, planos e presuposto, e que comprende os seguintes documentos:

1. Proxecto de execución denominado adecuación do centro de transformación Pazos-15CM94 (Ferrol), asinado o 24.5.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, n° colexiado 2.980 de Vigo.

2. Anexo ao proxecto para adecuación do centro de transformación Pazos-15CM94 (Ferrol), asinado polo mesmo enxeñeiro o 23.5.2024.

3. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ao Concello de Ferrol como entidade afectada. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co informe presentado no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 30.5.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación.

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas.

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Pazos, no concello de Ferrol, e as súas características técnicas son as seguintes:

• Reforma do centro de transformación de caseta alta tipo rural Pazos-15CM94 (expediente IN407A 2016/967-1) alimentado pola SMR-723 a 15 kV:

– Aumento de potencia do transformador de 160 a 250 kVA.

– Substitución da aparellaxe actual e instalación dun bloque de celas modulares con telecontrol 4L+1P manobra exterior.

– Tramo de liña pertencente á LMTA desde a subestación de Santa Mariña de 15 kV, de 11 metros de lonxitude, condutor RHZ112/20 kV 240 mm2 Al, coa orixe en conxunto terminal exterior e pararraios autoválvulas para instalar en fachada e final en cela de liña para instalar.

– Tramo de liña pertencente á derivación LMTA a CT Torilla-15AM95 de 15 kV, de 11 metros de lonxitude, condutor RHZ1 12/20 kV 240 mm2 Al, coa orixe en conxunto terminal exterior e pararraios autoválvulas para instalar en fachada e final en cela de liña para instalar.

– Reforma e adecuación do interior do centro de transformación: novas portas de acceso, nova bancada, adecuación do pocete de recollida de aceite, etc.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

–Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 13 de xuño de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña