DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43032

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Miño (expediente IN407A 2023/578-1).

Expediente: IN407A 2023/578-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: ampliación de potencia de CT Carantoña (15C394).

Concello: Miño.

Feitos:

1. O día 21.12.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de atender unha solicitude de ampliación de potencia de 30 a 43,64 kW.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentouse o proxecto de execución denominado Ampliación de potencia de CT Carantoña (15C394), asinado o día 30.11.2023 por Susana Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial eléctrica, número de colexiada 2.033 da Coruña.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Non se solicitou o informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren afeccións.

4. O día 31.5.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017 polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar da Granxa, no concello de Miño, e as súas características técnicas son as seguintes:

Cambio de máquina de 100 kVA a 160 kVA do CT Carantoña (15C394), alimentado pola liña de media tensión PED-709 e con relación de transformación de 15.000/400 V.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 13 de xuño de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña