DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43050

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, pola que se lle dá publicidade á Resolución do 25 de xuño de 2024 pola que se declara a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) Escrita, Moa e Cerengo.

1. O 25.6.2024, a conselleira do Medio Rural resolveu a declaración da situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) Escrita, Moa e Cerengo, e ordena a súa publicación no DOG como medio de notificación da dita resolución ás posibles persoas interesadas conforme o previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A inexistencia de comunidade e, polo tanto, de persoas interesadas coñecidas obriga á publicación conforme o citado artigo 45 da Lei 39/2015, que dispón:

Artigo 45. Publicación

1. Os actos administrativos serán obxecto de publicación cando así o establezan as normas reguladoras de cada procedemento ou cando o aconsellen razóns de interese público apreciadas polo órgano competente.

En todo caso, os actos administrativos serán obxecto de publicación e esta fornecerá os efectos da notificación nos seguintes casos:

a) Cando o acto teña por destinatario a unha pluralidade indeterminada de persoas ou cando a Administración considere que a notificación efectuada a un só interesado é insuficiente para garantir a notificación a todos, e será, neste último caso, adicional á individualmente realizada.

b) Cando se trate de actos integrantes dun procedemento selectivo ou de concorrencia competitiva de calquera tipo. Neste caso, a convocatoria do procedemento deberá indicar o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, e carecerá de validez as que se leven a cabo en lugares distintos.

2. A publicación dun acto deberá conter os mesmos elementos que o artigo 40.2 respecto das notificacións. Será tamén aplicable á publicación o establecido no número 3 do mesmo artigo.

Nos supostos de publicacións de actos que conteñan elementos comúns, poderán publicarse de forma conxunta os aspectos coincidentes, e especificáronse soamente os aspectos individuais de cada acto.

3. A publicación dos actos realizarase no diario oficial que corresponda, segundo cal sexa a Administración da que proceda o acto para notificar.

4. Sen prexuízo do disposto no artigo 44, a publicación de actos e comunicacións que, por disposición legal ou regulamentaria deba efectuarse no taboleiro de anuncios ou edictos, entenderase cumprida pola súa publicación no diario oficial correspondente.

Polo anteriormente exposto, RESOLVO facer pública a resolución citada:

«Antecedentes

1. O 28.11.1977, o Xurado Provincial de MVMC clasificou o monte Escrita, Moa e Cerengo a favor dos veciños dos lugares de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, da parroquia de Soutordei, no concello de Ribas de Sil.

2. En canto aos antecedentes da comunidade propietaria do monte, o Servizo de Montes de Lugo, o 29.8.2023, informa do seguinte:

2.1. Que na Sección Provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común de Lugo constan os seguintes datos:

• A constitución da comunidade formalizouse o 27.4.2002 coa aprobación dos seus estatutos e a elección dun órgano de goberno. En aquel momento, o censo de comuneiros estaba formado por catro persoas.

• Desde esa data, figuran diferentes rexistros que manifestan unha situación estatutaria regular da comunidade. Así mesmo, ao longo dos anos o censo de comuneiros foi en diminución ata que no ano 2018 pasa a estar formado por dúas persoas.

• Desde o ano 2018 ata 2022, o censo oscila entre un e dous comuneiros. En todos os certificados presentados figura Agenor Ojea Álvarez como un dos comuneiros, ata o seu falecemento o 19.3.2022.

• O 21.3.2022, Iago Álvarez Artímez, constituído en asemblea xeral, certifica que é o único comuneiro que queda para formar a comunidade propietaria do MVMC Escrita, Moa e Cerego.

2.2. Que no ano 2023 a información recibida no Servizo de Montes resultou moi contraditoria:

• O 20.1.2023, ten entrada unha certificación relativa a unha asemblea do 14.1.2023 en que a comunidade aproba un censo de comuneiros formado por cinco persoas e elixe xunta reitora. O certificado indica expresamente que Iago Álvarez Artímez non é comuneiro por non residir en ningún dos pobos a favor dos cales se clasificou o MVMC.

• O 12.2.2023, Iago Álvarez Artímez certifica que el é o único comuneiro da comunidade.

2.3. Coa finalidade de esclarecer a situación da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, o 29.3.2023, desde o Servizo de Montes, foron solicitados os seguintes informes:

• Ao Distrito Forestal Terra de Lemos, sobre a habitabilidade das vivendas dos lugares de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas.

• Ao Concello de Ribas de Sil, sobre información censual das persoas que manifestan formar a comunidade do monte veciñal.

2.4. O 4.4.2023 tivo entrada un escrito do Concello de Ribas de Sil no que informa que o lugar de Ferreirúa non existe na actualidade; e que ningunha das persoas que din ser comuneiras se atopan censadas nos lugares de Filgueira, Fraga, Lousadela ou Portas.

2.5. O 18.5.2023 tivo entrada o informe do Distrito Forestal Terra de Lemos en que se constata que non hai residentes en ningún dos lugares anteditos. Que os últimos residentes habitaron en Lousadela hai máis dun ano. En canto á habitabilidade das vivendas, cita unha no lugar de Portas, que é ocupada ocasionalmente, e outra en Fraga, utilizada pola asociación de cazadores.

3. Tras recibir os citados informes, o Servizo de Montes de Lugo notificou a Iago Álvarez Artímez con DNI ***6753**, única persoa que figuraba no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común no censo de comuneiros da Comunidade Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, que se daba de baixa a comunidade do rexistro por non estar debidamente acreditada a súa existencia, ao non ter constancia de ningunha persoa que reúna a condición de persoa veciña comuneira prevista na lei. Non consta a presentación de ningún recurso contra a baixa da comunidade no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

4. Tendo en conta o anterior, no informe do Servizo de Montes de Lugo do 29.8.2023 comunicouse á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal a baixa no Rexistro de MVMC da Comunidade Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas por non estar debidamente acreditada a súa existencia, e informouse da necesidade de iniciar o procedemento de xestión cautelar do MVMC Escrita, Moa e Cerengo previsto na Lei 13/1989.

Consideracións legais e técnicas

1. A condición de comuneiro está caracterizada pola residencia habitual nas entidades de poboación para as que foi declarado o MVMC. Así vén recollido no artigo 3 da Lei 13/1989, de MVMC, e, máis concretamente, no artigo 61 da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia:

Terán a condición de veciños comuneiros aquelas persoas titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social ao cal tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte.

Os estatutos da comunidade veciñal poderán establecer un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro, a cal, en ningún caso, poderá ser superior a un ano.

Non poderá eximirse o cumprimento do requisito de residencia habitual, salvo causas xustificadas, e sen que a exención poida superar os dous meses en cada ano natural.

2. Tendo en conta os informes recibidos, resulta acreditada a falta de comuneiros na área xeográfica formada polos lugares de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas.

3. O artigo 20, Inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños da Lei 13/1989, establece:

1. En situacións xurídicas de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños titular do monte e ata que, de ser o caso, se reconstitúa a comunidade, a defensa dos seus intereses e a xestión cautelar do monte corresponderán á consellería competente en materia de montes, que actuará como titular provisional do aproveitamento do monte en beneficio da comunidade e ofrecerá esa titularidade provisional ao concello onde se atope o monte.

(...)

3. Considérase que unha comunidade de veciños se atopa en situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños cando concorra algún incumprimento das exixencias de organización das comunidades previstas no título IV do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, ou normativa que o substitúa.

Corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de montes a competencia para declarar a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, por proposta da persoa titular da dirección xeral que teña as atribucións na mesma materia, quen terá a competencia para a iniciación do procedemento.

4. A xestión cautelar efectuarase segundo o desenvolvemento regulamentario e implicará, no caso de que sexa efectuada polo órgano forestal, a obriga de aprobación dun instrumento de ordenación, e, no caso de que sexa efectuada polo concello, a subscrición dun contrato de xestión pública co órgano forestal ou ben a elaboración dun instrumento de ordenación ou xestión forestal.

4. O feito de que ningunha persoa reúna na actualidade a condición de comuneira fai imposible o mantemento dun censo de comuneiros actualizado, ou a constitución dunha xunta reitora, polo que se dan os incumprimentos previstos no número 3 do artigo 20 para a declaración de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños.

5. O artigo 27 da Lei 13/1989, recolle a xestión cautelar dos montes veciñais nos casos de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños:

1. Nos casos de inexistencia, extinción ou desaparición da comunidade de veciños, a dirección xeral competente en materia de montes comunicará a citada inexistencia, extinción ou desaparición ao concello onde radique o monte, ou, se o monte se atopa situado no territorio de máis dun concello, comunicaralla ao concello en que se sitúe a maior superficie do monte. Nesta comunicación, a dirección xeral ofrecerá a súa xestión cautelar ao devandito concello e concederalle un prazo de 3 meses para aceptala ou renunciar a ela. Se o concello renuncia á xestión cautelar ou non contesta dentro do prazo concedido, o monte será xestionado preventivamente pola consellería competente en materia de montes ata que se reconstitúa a comunidade e se cumpran os requisitos para o reinicio da actividade previstos no número 4 deste artigo.

(...)

6. Tendo en conta os antecedentes e consideracións legais e técnicas anteriores, o 24.6.2024, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal formulou a seguinte proposta de resolución:

Unha vez acreditada a falta de comuneiros na área xeográfica formada polos lugares de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, esta dirección xeral propón a declaración da situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) Escrita, Moa e Cerengo, co fin de iniciar o procedemento de xestión cautelar do MVMC Escrita, Moa e Cerengo conforme o previsto nos artigos 20 e 27 da Lei 13/1989.

Vista a anterior proposta formulada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, este centro directivo acorda darlle a súa aprobación nos seus propios termos,

RESOLVO:

Declarar a situación de pendencia por inexistencia, extinción ou desaparición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ferreirúa, Filgueira, Fraga, Lousadela e Portas, propietaria do monte veciñal en man común (MVMC) Escrita, Moa e Cerengo.

Contra o dito acordo poderá interpoñerse recurso de reposición con carácter potestativo, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Notifíquese esta resolución ás posibles persoas interesadas mediante a súa publicación no DOG conforme o previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

O que se publica para os efectos de que as posibles persoas interesadas poidan interpor recurso de reposición con carácter potestativo, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2024

José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal