DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 11 de xullo de 2024 Páx. 41777

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2024 pola que se convocan os cursos do Plan de formación do Servizo Público de Emprego de Galicia para o ano 2024.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Escola Galega de Administración Pública subscribiron un convenio para o desenvolvemento conxunto do Plan de formación do Servizo Público de Emprego de Galicia para o ano 2024.

As actividades formativas incluídas na programación do Plan de formación do Servizo Público de Emprego de Galicia do ano 2024 son as indicadas no anexo deste convenio e están dirixidas exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

As accións formativas que se lle pretenden ofertar ao persoal empregado público por medio deste convenio teñen por obxecto mellorar as súas competencias e que poidan prestar un apoio máis eficaz aos solicitantes de emprego.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

1. Poderá participar nas accións formativas convocadas mediante esta resolución o persoal funcionario e laboral das oficinas de emprego, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como o persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

2. Para as actividades impartidas nunha modalidade que inclúe telepresenza ou teleformación, as persoas interesadas deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As accións formativas que se ofertan para as persoas empregadas públicas teñen por obxecto mellorar as súas competencias e prestar un apoio máis eficaz aos solicitantes de emprego.

Estas actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xullo de 2024.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueles outros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nas anteditas accións formativas serán publicados conforme o detallado na base sexta desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

Os datos de carácter persoal dos participantes nas accións formativas convocadas mediante esta resolución, obtidos polos diferentes servizos públicos de emprego, quedan protexidos polo Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación deses datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), de acordo co establecido nos artigos 2 e 3 , así como pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os referidos datos serán cedidos ao Servicio Público de Empleo Estatal para o exercicio dos poderes públicos que se lle encomendan e en cumprimento das obrigas legais derivadas da aplicación dos fondos do Mecanismo de recuperación y resiliencia.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como oporse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico: <xestion.egap@xunta.gal>.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas e excluídas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia e o seguimento das actividades formativas

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para formalizar a renuncia poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

O prazo para presentar escrito de renuncia iniciarase ao día seguinte do remate do prazo de matrícula e finalizará tres días antes do inicio da actividade formativa.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

a. Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

b. Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

c. Por razóns de conciliación familiar.

d. Por outras causas xustificadas documentalmente.

O feito de non contar co software correspondente a cada actividade e indicado no anexo II desta resolución non se considerará causa xustificada para renunciar fóra de prazo á actividade formativa.

3. A asistencia e o seguimento das actividades formativas:

3.1. Seguimento das actividades presenciais e telepresenciais:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais ou telepresenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3.2. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade

Para poder superar as actividades formativas é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que a titoría propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final, que se realizará en liña.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas e o horario en que estas terán lugar. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e do horario da proba final.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación. As persoas inscritas que completen a acción formativa obterán o certificado oficial correspondente.

Décima. Facultades da EGAP e da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. A EGAP e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e poden suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lles corresponde a ambos os dous organismos prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. A EGAP e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.

3. Naquelas actividades en que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, ou agrupar varias edicións, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

5. A EGAP e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Persoal destinatario

Prazas

Horas

Modalidade

Data de inicio

Data de remate

Data e hora do exame final en liña

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

CV24065

Inscrición das persoas estranxeiras no servizo público de emprego de Galicia

Persoal funcionario e laboral das oficinas de emprego, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; así como o persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

23.9.2024

22.10.2024

25.10.2024 16.30 h

CV24066

Introdución ás prestacións por desemprego

Persoal funcionario e laboral das oficinas de emprego, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; así como o persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

10.10.2024

11.11.2024

15.11.2024 17.00 h

CV24067

Práctica avanzada da intermediación laboral

Dirixidos exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Mixto Teleformación + telepresenza

Teleformación: do 3.10.2024 ao 25.10.2024 Telepresenza: 4, 11, 18 e 25 de outubro das 11.30 ás 14.00 h

30.10.2024 16.30 h

CV24068

Servizos a empresas no SPEG. A prospección empresarial

Dirixidos exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

15.10.2024

14.11.2024

19.11.2024 17.00 h

CV24069

Titorización de vítimas de violencia de xénero

Dirixidos exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

30.9.2024

30.10.2024

4.11.2024 17.30 h

CV24070

Xestión da formación profesional para o emprego

Persoal funcionario e laboral das oficinas de emprego, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

25.9.2024

25.10.2024

30.10.2024 17.30 h

CV24071

Xestión das demandas de emprego no SPEG

Dirixidos exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

22.10.2024

21.11.2024

26.11.2024 16.30 h

CV24072

Xestión das ofertas de emprego no SPEG

Dirixidos exclusivamente ao persoal das oficinas de emprego, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, así como ao persoal da área de emprego das direccións territoriais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

50

30

Teleformación

8.10.2024

7.11.2024

12.11.2024 17.30 h