DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 11 de xullo de 2024 Páx. 41775

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 166/2024, do 1 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vigo, da estrada provincial EP-2003 Coruxo-Canido, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+624.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Xunta de Goberno local do Concello de Vigo, na sesión ordinaria do día 3 de marzo de 2023, solicitou á Deputación Provincial de Pontevedra a transferencia de titularidade da estrada provincial do Vao EP-2003.

O Pleno da Corporación Provincial, o día 29 de decembro de 2023, aprobou o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vigo, da estrada provincial EP-2003 Coruxo-Canido, de 1.624 metros de lonxitude, a cal discorre integramente polo termo municipal de Vigo e ten a denominación de estrada do Vao no rueiro municipal do concello.

A estrada EP-2003 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo, cando menos, equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de xullo de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Vigo, da estrada provincial EP-2003 Coruxo-Canido, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 1+624:

Estrada

Denominación da estrada

PQi

PQf

Lonx. (km)

EP-2003

Coruxo-Canido

0+000

1+624

1,624

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Vigo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas