DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 11 de xullo de 2024 Páx. 41787

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2024 pola que se convoca un curso de prevención de riscos laborais específicos no ámbito da prevención e extinción de incendios forestais.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Central Sindical Independente e de Funcionarios de Galicia (CSIF Galicia) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Estas edicións do curso están dirixidas ás persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, aos delegados e ás delegadas de prevención, de recursos preventivos, que traballen ou traballasen nas categorías ou especialidades propias do SPIF na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvan ou poidan desenvolver tarefas e actividades na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como os/as bombeiros/as forestais, bombeiros/as forestais condutores/as, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, bombeiros/as forestais condutores/as de motobomba, emisoristas/vixilantes do SPIF, operador codificador de datos do SPIF entre outros, e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 29 de xullo de 2024.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 54, 981 54 62 57 e 981 54 63 35 en horario de atención ao publico (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

As persoas interesadas serán seleccionadas de acordo cos seguintes criterios:

1. Persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que participe ou tivese participado no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios forestais, conforme o colectivo de destinatarios especificados na base primeira desta convocatoria.

2. A orde de inscrición na correspondente actividade formativa.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas e excluídas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e CSIF Galicia

1. A EGAP e CSIF Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lle corresponde a ambas as dúas entidades prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e CSIF Galicia resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e CSIF Galicia garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV24074.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Prevención de riscos laborais específicos no ámbito da prevención e extinción de incendios forestais.

1. Obxectivos.

O persoal que participa directa e/ou indirectamente no desenvolvemento de tarefas de defensa e/ou extinción de incendios, á parte da necesaria información e formación en materia de prevención de riscos laborais que deben recibir en cumprimento daquelas obrigas legais as que están sometidas as empresas e/ou entidades nas que prestan os seus servizos, requiren dunha formación complementaria e especializada neste ámbito de intervención debido aos especiais riscos aos que está sometida a referida actividade.

Neste contexto, tendo en conta o artigo 20 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais en colación co Real decreto 1031/2011, do 15 de xullo, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de tres cualificacións profesionais da familia profesional Seguridade e Medio Ambiente, este curso está relacionado coas cualificacións asociadas e unidades de competencia que se describen e especialmente ligado co módulo formativo MF1970_2 sobre a xestión a nivel básico da prevención de riscos laborais no ámbito da prevención e extinción de incendios forestais.

A seguridade do persoal é a premisa fundamental que debe guiar todas as accións de defensa e extinción de incendios forestais. Existen certas normas, protocolos e recomendacións cuxa aplicación durante os traballos de extinción son especialmente útiles para manter en todo momento as condicións de seguridade do persoal que participa nas operacións.

No ámbito da seguridade e ambiente, é necesario coñecer os diferentes riscos ligados as condicións de seguridade, ambiente e organización do traballo, así como dos propios riscos específicos que pode ocasionar no propio organismo das persoas traballadoras.

Para iso tamén se prevé que o persoal que asista a estes cursos adquira unha formación dos sistemas elementais de control dos riscos laborais colectivos e individuais; que coñeza os principais plans de emerxencia e evacuación, así como os equipos de protección individuais co fin de verificar as accións de prevención de riscos laborais propostas.

Así, co presente curso preténdese achegar os coñecementos necesarios para a xestión a nivel básico da prevención de riscos laborais no ámbito da prevención e extinción de incendios forestais.

2. Destinatarios/as.

Estas edicións de curso están dirixidas ás persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego, os delegados e delegadas de prevención, de recursos preventivos, que traballen o traballasen nas categorías ou especialidades propias do SPIF na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvan ou poidan desenvolver tarefas e actividades na defensa, prevención e/ou extinción de incendios forestais, tales como os/as bombeiros/as forestais, bombeiros/as forestais condutores/as, bombeiros/as forestais xefes/as de brigada, bombeiros/as forestais condutores/as de motobomba, emisoristas/vixilantes do SPIF, operador codificador de datos do SPIF, entre outros.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 16 horas.

– Contido:

I. Riscos ligados ás condicións de seguridade, ao ambiente de traballo e á organización do traballo.

II. Sistemas elementais de control de riscos. Protección colectiva e individual:

2.1. Accións de prevención.

2.2. Técnicas de medida.

2.3. Utilización de equipos.

III. Riscos específicos no organismo motivado polos incendios forestais. Os riscos xerados por axentes físicos, químicos e biolóxicos.

IV. Verificación da efectividade de accións de prevención: elaboración de procedementos sinxelos.

V. Plans de emerxencia e evacuación.

VI. Os equipos de protección individual empregados no ámbito de incendios forestais.

– Edicións: 13.

1. A Coruña (I): 2, 3 e 4 de outubro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Fundación Raizame, rúa As Xubias de Arriba, 15, 1º, 15006 A Coruña.

Prazas: 30.

2. A Coruña (II): 21, 22 e 23 de outubro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: sede CSIF, rúa As Xubias de Arriba, 15, 1º, 15006 A Coruña.

Prazas: 30.

3. Lugo (I): 16, 17 e 18 de setembro de 2024. Horario: das 8.45 ás 14.05 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

4. Lugo (II): 23, 24 e 25 de setembro de 2024. Horario: das 15.45 as 21.05 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

Prazas: 25.

5. Lugo (III): 14, 15 e 16 de outubro de 2024. Horario: das 8.45 ás 14.05 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

6. Lugo (IV): 14, 15 e 16 de outubro de 2024. Horario: das 15.45 ás 21.05 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Conde, 2, baixo posterior, 27003 Lugo.

7. Ourense (I): 23, 24 e 25 de setembro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: Consultoría y Formación, rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

8. Ourense (II): 23, 24 e 25 de setembro de 2024. Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Consultoría y Formación, rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

9. Ourense (III): 7, 8 e 9 de outubro de 2024. Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: Consultoría y Formación, rúa Progreso, 141, 32003 Ourense.

Prazas: 25.

10. Pontevedra (I): 18, 24 e 25 de outubro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

11. Pontevedra (II): 28, 29 e 30 de outubro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entresollado, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

12. Pontevedra (III): 28, 29 e 30 de outubro de 2024. Horario: das 16.00 ás 21.20 horas. Lugar: sede CSIF, rúa Marqués Riestra, 18, entrechán, 36001 Pontevedra.

Prazas: 25.

13. Santiago: 9, 10 e 11 de outubro de 2024. Horario: das 9.00 ás 14.20 horas. Lugar: sede CSIF Galicia, Salgueiriños de Abaixo, 7, baixo, 15703 Santiago de Compostela.

Prazas: 25.