DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 10 de xullo de 2024 Páx. 41666

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2024, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto do acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se subscribiu o 12 de abril de 2024 entre a representación de USC e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, CC.OO. e CSIF, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

Acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio
para o persoal de administración e servizos laboral fixo da Universidade
de Santiago de Compostela

O artigo 7 do Convenio colectivo para o persoal laboral da administración e servizos da USC, establece que se constituirá unha Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio, para o exame e resolución de cantas cuestións deriven da súa interpretación, vixilancia e aplicación.

Entre as competencias da dita comisión está a interpretación da totalidade do articulado e cláusulas do convenio.

A idade obrigatoria e xubilación foi obxecto de varias modificacións nos últimos anos. Actualmente, a redacción do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social, é a seguinte:

«Artigo 205. Beneficiarios

1. Terán dereito á pensión de xubilación regulada neste capítulo, as persoas incluídas no réxime xeral que, ademais da xeral exixida no artigo 165.1, reúnan as seguintes condicións:

a) Ter cumprido sesenta e sete anos de idade, ou sesenta e cinco anos cando se acrediten trinta e oito anos e seis meses de cotización, sen que se teña en conta a parte proporcional correspondente ás pagas extraordinarias».

Así mesmo, a disposición transitoria sétima do devandito texto normativo, fai referencia á aplicación paulatina da idade de xubilación e dos anos de cotización:

«As idades de xubilación e o período de cotización a que se refire o artigo 205.1.a), así como as referencias á idade que se conteñen nos artigos 152.1, 207.1.a) e 2, 208.1.a) e 2, 214.1.a) e 311.1 aplicaranse de xeito gradual, nos termos que resultan do seguinte cadro».

Ano

Períodos cotizados

Idade de xubilación

2024

38 anos ou máis

65 anos

Menos de 38 anos

66 anos e 6 meses

2025

38 anos e 3 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

66 anos e 8 meses

2026

38 anos e 3 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

66 anos e 10 meses

A partir do 2027

38 anos e 6 meses ou máis

65 anos

Menos de 38 anos e 3 meses

67 anos

A Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio acordou o seguinte:

Primeiro. A Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio, interpretou, por acordo do 18 de xullo de 2023, o artigo 83 nestes termos:

A xubilación anticipada. O persoal fixo afectado por este convenio poderá xubilarse anticipadamente nos termos legais establecidos. Ao persoal que se xubile a partir dos sesenta e tres anos concederáselle unha gratificación, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:

Idade

Mensualidades

60, 61 e 62 (soamente discapacidade >65 %)

24 mensualidades

63 anos

20 mensualidades

64 anos

16 mensualidades

65 anos

12 mensualidades

66 anos

8 mensualidades

Desde a entrada en vigor do dito acordo, púxose de manifesto a diferencia que se está a producir no importe do premio de xubilación para percibir polo persoal cuxa idade de xubilación ordinaria é os 65 anos respecto do que a ten aos 66 anos, independente do número de meses en que adiante a xubilación.

Visto o anterior, cómpre adaptar a interpretación do artigo 83 de cara a implantar un sistema máis equitativo e que se adapte, ao mesmo tempo, ao marco normativo actual. Polo tanto, a Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio, interpreta, por acordo do 12 de abril de 2024, o artigo 83 nestes termos:

A xubilación anticipada. O persoal fixo afectado por este convenio poderá xubilarse anticipadamente nos termos legais establecidos. Ao persoal que se xubile anticipadamente con, como mínimo, dous anos de antigüidade na USC, concederáselle unha gratificación, en función do número de meses que lle resten para acadar a xubilación ordinaria que non poderá ser inferior a 12, por unha soa vez e polo referido feito, de acordo coa seguinte escala:

Número de meses en que anticipa a xubilación

Importe

24 meses

20 mensualidades

18 meses

16 mensualidades

16 meses

14 mensualidades

12 meses

12 mensualidades

Segundo. Polo que se refire á redacción do artigo 86, parágrafo cuarto do citado convenio, por acordo da Comisión Paritaria de Vixilancia e Interpretación do Convenio do 18 de xullo de 2023 interpretou o dito artigo nos seguintes termos:

Xubilación. Ao producirse a xubilación dun traballador que teña como mínimo 15 anos de antigüidade recoñecida, percibirá o importe íntegro de tres mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda dos quince de referencia. A percepción desta cantidade será incompatible coas establecidas no artigo 83.

Acórdase modificar a redacción para incrementar nunha mensualidade o premio á idade de xubilación ordinaria, e a redacción queda nos seguintes termos:

Xubilación. Ao producirse a xubilación dun traballador que teña como mínimo 15 anos de antigüidade na USC, percibirá o importe íntegro de catro mensualidades e unha máis por cada cinco anos ou fracción que exceda dos quince de referencia. A percepción desta cantidade será incompatible coas establecidas no artigo 83.

En mostra de conformidade, asinan o presente acordo en Santiago de Compostela o 12 de abril de 2024.