DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 5 de xullo de 2024 Páx. 40705

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 28 de xuño de 2024 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais desta consellería.

O Decreto 146/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O dito departamento será o responsable de exercer as competencias e funcións en materia de promoción e difusión da cultura; a protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, e a xestión das actuacións en materia de xuventude, participación e voluntariado. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, e na demais normativa que sexa de aplicación.

Tendo en conta que a acción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude comporta unha concentración de funcións na súa persoa titular, é aconsellable, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos dependentes dela, coa finalidade de garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos implicados e procurar unha xestión áxil e dinámica dos distintos órganos, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización da Administración, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos cidadáns dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Esta orde regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais e dos departamentos territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes atribucións:

a) As funcións que, como órgano de contratación, lle corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

b) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación cos encargos a medios propios, lle corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente.

c) Autorizar e dispoñer os gastos dos servizos da Consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

d) A aprobación das modificacións orzamentarias competencia da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as desconcentracións dos créditos nos departamentos territoriais, as modificacións dos proxectos de gastos entre créditos vinculantes e as redistribucións de crédito, así como a proposta das modificacións orzamentarias de competencia do Consello da Xunta ou da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) Resolver os recursos administrativos, a suspensión da execución dos actos impugnados na vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e a resolución dos expedientes de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables que lle correspondan á persoa titular da Consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto de recurso ou reclamación.

f) A formalización de acordos e convenios en materias propias do seu ámbito competencial, sen prexuízo do establecido no punto sexto, letra b), desta orde.

g) A resolución dos pagamentos anticipados previstos nos convenios.

h) A resolución de autorización de sinatura dos convenios.

i) O exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería en materia de recursos humanos, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación e o nomeamento do persoal eventual, así como autorizar os actos de disposición de créditos, recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento de todo o persoal da Consellería.

j) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica e das persoas titulares dos departamentos territoriais.

k) Autorizar a asistencia do persoal adscrito á Secretaría Xeral Técnica a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

l) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da Consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva da persoa titular da Consellería ou que estea atribuído ou delegado noutros órganos.

m) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

n) O exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

o) O exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia lle atribúe á persoa titular da Consellería, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

p) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e outras administracións públicas e presentar os recursos que, de ser o caso, procedan.

q) Dar resposta aos requirimentos e solicitudes formuladas polo Defensor do Pobo e polo Valedor do Pobo, así como aos requirimentos de información que lle correspondan á persoa titular da Consellería procedentes doutros órganos estatutarios.

r) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Segundo. Delegacións nas persoas titulares da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais da Consellería

Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais as seguintes atribucións:

a) As atribuídas á persoa titular da Consellería pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, respecto dos contratos menores no ámbito das súas competencias, así como as facultades de autorización e disposición dos gastos, recoñecemento de obrigas e proposta dos pagamentos derivados do exercicio desta competencia.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control.

c) Autorizar os gastos e autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento das obrigas e proposta á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública da ordenación dos correspondentes pagamentos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia en relación cos créditos do capítulo 2 dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

d) O exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizar a asistencia do seu persoal adscrito a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

e) O exercicio da competencia para iniciar e resolver, nos seus respectivos ámbitos competenciais, o procedemento sancionador por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

f) A imposición ou as propostas de sanción, así como o inicio do procedemento sancionador e, de ser o caso, tanto a apertura do período de información ou actuacións previas como a adopción de calquera medida de carácter provisional que lle corresponda á persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

g) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Terceiro. Delegacións nos departamentos territoriais

Deléganse nas persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería as seguintes atribucións:

a) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo, ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do persoal da Consellería con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

b) Autorizar os permisos e licenzas do persoal que presta servizos no departamento territorial, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.

c) A competencia para efectuar as contratacións de persoal laboral de duración determinada que se realicen ao abeiro do disposto na lexislación vixente, as cales serán tramitadas e subscritas por eles, logo das autorizacións correspondentes.

d) Autorizar e dispor os gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería por delegación do/da conselleiro/a e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

e) Actuar como órgano de contratación nos contratos administrativos especiais.

f) Respecto dos créditos desconcentrados, exercer as funcións que, como órgano de contratación, lle corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente, así como autorizar e dispor os gastos correspondentes aos ditos créditos, excepto os casos reservados á competencia do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas, solicitando da Consellería de Facenda e Administración Pública a ordenación dos correspondentes pagamentos.

g) Respecto dos créditos desconcentrados, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia.

h) As autorizacións de uso temporal dos bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a persoas físicas ou xurídicas para a realización, sen ánimo de lucro, de actividades que satisfagan fins públicos e non resulten contraditorias coa afectación do ben, por un prazo inferior a un mes, ou para a organización de conferencias, seminarios, presentacións ou outros eventos análogos.

i) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Cuarto. Outras delegacións específicas

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, nas persoas titulares da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos para xustificar, sen prexuízo das competencias dos departamentos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

Quinto. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, o/a conselleiro/a poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde e, así mesmo, poderá acordar a súa revogación.

c) Atribúeselle á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non están expresamente delegadas noutros órganos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

d) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan por medio desta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto das persoas titulares da Secretaría Xeral da Lingua e das direccións xerais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as competencias delegadas contidas nesta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, as persoas titulares das secretarías e direccións xerais, seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Neste sentido, a substitución asumiraa o titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle ao primeiro, de ser o caso, substituír o último.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nas persoas titulares dos departamentos territoriais serán desempeñadas polas persoas titulares das xefaturas de servizo dos respectivos departamentos territoriais, segundo a orde de prelación establecida no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Sexto. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Sétimo. Revogación

Quedan sen efecto as delegacións de competencias contidas na Orde do 29 de xullo de 2022 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Diario Oficial de Galicia núm. 151, do 9 de agosto, corrección de erros DOG núm. 178, do 19 de setembro), no que se refire aos ámbitos de lingua, cultura, e patrimonio cultural, e as contidas na Orde do 3 de marzo de 2016 sobre delegación de competencias nos órganos de dirección e nos/nas xefes/as das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude (DOG núm. 54, do 18 de marzo), no que se refire ao ámbito de xuventude.

Oitavo. Eficacia da delegación

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude