DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 5 de xullo de 2024 Páx. 40703

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 28 de xuño de 2024 pola que se suprime a oficina de rexistro auxiliar do extinguido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellaría competente en materia de administracións e no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, dependente da Secretaría Xeral Técnica, entre as cales consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do citado Decreto 191/2011, do 22 de setembro, figura a oficina de rexistro do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

O 18 de xaneiro de 2024 o xerente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) remitiulle escrito á Secretaría Xeral Técnica desta consellería en que solicitaba a supresión da oficina auxiliar de rexistro do extinguido Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable de Galicia (Cixtec).

A supresión do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) mediante o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, e a integración das funcións e persoal na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) implican que calquera comunicación ou entrada de documentación sexa a través da oficina de rexistro do organismo de que agora depende. Desde este punto de vista e tendo en conta as competencias que desenvolvía o Cixtec, case exclusivamente internas, non procede que siga figurando a súa oficina de rexistro.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímense a oficina de rexistro auxiliar do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliares, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes