DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 1 de xullo de 2024 Páx. 40219

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Estrada

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para parcelas residenciais do ámbito SUD-R06-avenida de Marín.

O Concello Pleno, na súa sesión do 4 de abril de 2024, aprobou definitivamente o estudo de detalle para parcelas residenciais do ámbito SUD-R06-avenida de Marín, redactado e asinado dixitalmente polo arquitecto Alejandro Trigo Castro con data do 31 de xaneiro de 2024 (sen visado colexial).

Xustificación da integración no estudo de detalle dos aspectos ambientais. Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do estudo de detalle:

«4. As infraestruturas e os vectores ambientais do modelo territorial

4.9. Determinacións relativas á xestión de residuos

Determinacións excluíntes

4.9.5. En coherencia coas restantes determinacións, os instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico incorporarán as accións e determinacións necesarias para impulsar a integración dos obxectivos e medidas previstas sobre o metabolismo urbano do ciclo dos materiais e residuos, tendentes tanto á redución do consumo de materiais como á redución na produción de residuos:

a) Empregar materiais locais tradicionais na construción (naturais, renovables) e evitar materiais de alto impacto ambiental.

b) Reducir os movementos de terras e incluír medidas de xestión dos movementos de terras e das súas verteduras.

c) Reducir, en xeral, o consumo de materiais na edificación, incrementar o uso de materiais renovables ou con menor consumo enerxético na súa fabricación e posta en obra, ou reciclados ou reutilizados.

d) Establecer medidas para fomentar o emprego de materiais reciclados ou reciclables e técnicas construtivas que posibiliten a reciclaxe/desmontaxe, así como a coordinación coa regulamentación da produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

e) Dimensionar e situar adecuadamente os espazos necesarios para os sistemas de recollida selectiva de residuos.

O estudo de detalle, nas súas regulacións normativas, pretende reducir os movementos de terras, mediante a limitación das alturas das contencións permitidas para regularizar a topografía dos soares.

No resto de determinacións non especificadas nesta memoria, o estudo de detalle adhírese ás disposicións para ese efecto establecidas no número 1.3.3 da memoria do Plan parcial que desenvolve e que, en todo caso, non se modifican».

Enderezo electrónico en que figura o contido íntegro do estudo de detalle á disposición do público: www.aestrada.gal

Xustificación de como se tomaron en consideración os resultados da información pública: non se formularon alegacións, reclamacións nin suxestións.

Razóns da elección da alternativa seleccionada en relación coas alternativas consideradas: números 1.1, 1.4 e concordantes do estudo de detalle.

A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do estudo de detalle aprobado quedan condicionadas á súa publicación de conformidade co establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), á inscrición do instrumento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da LSG, e ao que dispoña para tal efecto a lexislación vixente en materia de réxime local (artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, entrada en vigor, logo de cumprimento dos trámites preceptivos e logo de transcorrer quince (15) días hábiles desde a publicación completa do texto no Boletín Oficial da provincia).

O estudo de detalle aprobado de xeito definitivo, como instrumento de planeamento urbanístico de desenvolvemento do Plan xeral de ordenación municipal, será inmediatamente executivo tras a súa entrada en vigor segundo o disposto no artigo 82 da LSG.

Os instrumentos de planeamento son disposicións de carácter xeral, polo que a súa aprobación definitiva non é obxecto de recurso en vía administrativa, unicamente a través do correspondente recurso contencioso-administrativo, nos termos previstos na lexislación aplicable.

O que se publica para os efectos previstos no artigo 82.2 da LSG e no 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, aprobatorio do Regulamento daquela.

A Estrada, 22 de abril de 2024

Gonzalo Louzao Dono
Alcalde presidente