DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 1 de xullo de 2024 Páx. 40071

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2024 pola que se declaran as perdas de dereito ás axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023, cofinanciadas nun 80 % polo fondo Feader.

Mediante a Resolución do 15 de xaneiro de 2024 publícase a relación de solicitudes aprobadas e denegadas das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023, autofinancias ao 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

O artigo 26 da Orde do 15 de marzo de 2023 establece que as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior. Despois do prazo conferido, presentáronse unha serie de renuncias ás axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas. Unha vez analizadas as renuncias presentadas, procede declarar, de conformidade coa Instrución do 18 de abril de 2016 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural sobre a resolución de expedientes de subvención, a perda de dereito ao cobramento da axuda.

O artigo 26 da citada orde dispón que as resolucións poderán ser notificadas de acordo co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, polo que a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, de conformidade co artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aprobaron os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (de aquí en diante, Fogga), atribuíuse á Dirección do Fogga a potestade de resolver os procedementos de concesión de axudas que se tramiten no ámbito das súas competencias.

Logo da proposta de resolución da subdirectora xeral de Xestión da PAC e de acordo con o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as perdas de dereito ao cobramento das axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 para a campaña 2023, cofinanciadas nun 80 % polo fondo Feader.

Segundo. Facer pública na web do Fogga a relación das resolucións de perda de dereito ás axudas relativas ás intervencións ambientais e climáticas do plan estratéxico da PAC, ao abeiro da Orde do 15 de marzo de 2023.

As persoas interesadas poden acceder á web, na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campá-2023

Terceiro. Poñer ao dispor das persoas interesadas as resolucións completas de perda de dereito indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles «Sga@pp» dispoñible en Google Play ou en App Store, e no «Portal de axudas PAC» a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Cuarto. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a presidenta do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, conforme o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da citada lei.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria