DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 1 de xullo de 2024 Páx. 40043

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2024 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 10 de agosto de 2023 presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, adoptado polo Padroado o 24 de maio de 2023.

Segundo. A Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 10 de marzo de 2020, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 793 e clasificada de interese para investigación e o desenvolvemento tecnolóxico mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 14 de outubro de 2020 (DOG núm. 218, do 29 de outubro). Por Resolución da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Consellería de Economía e Industria), do 26 de novembro do 2020 (DOG núm. 245, do 4 de decembro), foi declarada de interese galego, figurando inscrita no Rexistro de fundacións de interese galego co número 2020/10 e correspondendo á Consellería de Economía e Industria o exercicio das funcións de protectorado en relación coa dita fundación.

Terceiro. A Fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, difundir e promover as actividades de desenvolvemento tecnolóxico que leven á xeración de novos produtos e á mellora dos produtos existentes co obxectivo de crear tecido industrial e contribuír a que os técnicos galegos poidan desenvolver a súa profesión en Galicia en lugar de teren que emigrar.

Cuarto. O Padroado da Fundación, na súa reunión do 24 de maio de 2023, acordou a extinción da Fundación, por non poder realizar o fin fundacional.

Quinto. Logo de varios requirimentos de emenda, a Fundación completou a documentación necesaria para tramitar a súa solicitude o día 28 de maio de 2024. Así, no expediente tramitado consta a seguinte documentación:

– Certificado do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

– Memoria xustificativa da causa da extinción.

– As contas da Fundación na data do acordo de extinción.

– Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo Padroado da Fundación en virtude do disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), corresponde á Consellería de Economía e Industria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza o protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación e foi aprobado por acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde adoptado polo Padroado na súa reunión do 24 de maio de 2023.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria