DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 27 de xuño de 2024 Páx. 39667

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 11 de xuño de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro d'Almorzo e o de Coto de Trellerma, no concello de Toén.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro d’Almorzo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Toén, e o de Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, no concello de Toén, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 13.6.2023 a CMVMC da parroquia de Toén presentou un escrito (Rexel 2023/1746719), en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Trellerma.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Planos do deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Toén.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 3 de xullo de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro d’Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén, e o MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, desde o vértice 1 (o situado máis ao L) ata o vértice 5 (o situado máis ao O).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• O punto inicial da liña (vértice 1, Penedo do Vento) coincide co punto inicial da liña de deslindamento Trellerma-Moreiras e Trelle (vértice 1); esta última, recoñece e valida implicitamente a confluencia das tres citadas comunidades (Toén-Trellerma-Moreiras e Trelle) no punto en cuestión.

• O punto final da liña (vértice 5, Penedo do Piñeiral) coincide co punto inicial da liña de deslindamento parroquia de Toén-parroquia de Xestosa (vértice 1) e máis co punto inicial da liña Parroquia de Xestosa-Moreiras e Trelle (vértice 1); estas últimas, recoñecen e validan implicitamente a confluencia das catro citadas comunidades (Toén-Trellerma-Xestosa-Moreiras e Trelle) no punto en cuestión.

• Entre os puntos con pares de coordenadas X: 586.493 – Y: 4.683.339 e X: 585.672 – Y: 4.683.158, situados entre os vértices 1 (Penedo do Vento) e 4 (Marquiño) da conciliación, non hai veciñanza formal entre a parroquia de Toén e Trellerma; no seu lugar, enténdese que no dito tramo acaece unha situación propia do procedemento de revisión de esbozo, neste caso, de carácter parcial do MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro d’Almorzo, que deberá substanciarse nun expediente diferenciado.

• Entre os puntos de coordenadas X: 586.956 – Y: 4.683.347 (vértice 1, Penedo do Vento) e X: 586.493 – Y: 4.683.339, o deslindamento non vén definido pola liña recta que une os vértices, senón que se axusta a infraestruturas de carácter lineal citadas na propia acta do deslindamento, en concreto:

1. Entre os puntos X: 586.956 – Y: 4.683.347 e X: 586.566 – Y: 4.683.281, á marxe ou aresta N do camiño correspondente coa R.C. 32082A07009002, incluíndo un tramo non catastrado del entre os puntos X: 586.956 – Y: 4.683.347 e X: 586.837 – Y: 4.683.341.

2. Entre os puntos X: 586.566 – Y: 4.683.281 e X: 586.493 – Y: 4.683.339, á marxe NE dun camiño non catastrado, pero simplificando a traza dixital proposta pola comunidade coa definición dos seguintes vértices intermedios: X: 586.544 – Y: 4.683.289, X: 586.514 – Y: 4.683.312 e X: 586.513 – Y: 4.683.316.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación nos tramos comprendidos entre os puntos con pares de coordenadas X: 586.956 – Y: 4.683.347 (vértice 1, Penedo do Vento) e X: 586.493 – Y: 4.683.339; e entre os puntos 585.672 – Y: 4.683.158 e X: 584.663 – Y: 4.682.373 (vértice 5 e último, Penedo do Piñeiral), que deberá tramitarse o tramo intermedio a través do procedemento de revisión de esbozo.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xullo de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Val do Dorno, Montemiau, Costa dos Marcos, Costa do Muíño Novo e Outeiro d’Almorzo, pertencente á CMVMC da parroquia de Toén, e o MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense