DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 27 de xuño de 2024 Páx. 39670

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de xuño de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Comunal de Nocelo con Baldriz, e o de Coto das Mercedes, nos concellos de Sarreaus e Cualedro.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Nocelo con Baldriz, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Nocelo da Pena, e o de Coto das Mercedes, pertencente á CMVMC Nocelo da Pena e As Mercedes, nos concellos de Sarreaus e Cualedro, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Nocelo da Pena presentou un escrito (Rexel 2022/2411607) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Cualedro.

Segundo. Logo dun requirimento enviado o 20.4.2023, a mesma comunidade presentou un novo escrito (Rexel 2023/1354578 do 5.5.2023) con que achegou o resto da documentación preceptiva:

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Acta de deslindamento.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 11 de maio de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Comunal de Nocelo con Baldriz, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena, e o MVMC Coto das Mercedes, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes, desde o vértice 1 Penedo do Carro Volcado (o situado máis ao O) ata o vértice 7 Alto de Montouto (o situado máis ao L).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación nos tramos formados polos vértices 1 ao 2 e 6 ao 7 indicados na acta de conciliación, tendo os vértices 3 ao 5 a condición de puntos auxiliares que definen a estrema dos terreos comunais coas propiedades particulares (tramo 2-6).

Cuarto. O 8.1.2024 tivo entrada unha solicitude (Rexel 2024/39790) presentada por José Alberto Freitas Chaves, autorizado para iso por Manuel Rodríguez Fernández quen, en representación de 24 veciños do lugar das Mercedes (comuneiros, á súa vez, da CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes), formula a súa oposición a unha proposta de deslindamento actualmente en trámite entre o MVMC Coto das Mercedes, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes, e o MVMC Comunal de Nocelo con Baldriz, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena. Coa solicitude, ademais do seu propio escrito, achega unha serie de documentos que avalarían a condición histórica do actual linde do MVMC Coto das Mercedes, o cal quedaría desvirtuado segundo a actual proposta ([…] provoca de facto unha diminución da superficie de Coto das Mercedes de aproximadamente 112 hectáreas).

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 11 de maio de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Comunal de Nocelo con Baldriz, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena, e o MVMC Coto das Mercedes, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes, desde o vértice 1 Penedo do Carro Volcado (o situado máis ao O) ata o vértice 7 Alto de Montouto (o situado máis ao L).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Nembargantes, posteriormente tivo entrada unha solicitude de oposición á proposta de deslindamento actualmente en trámite por parte de 24 veciños do lugar das Mercedes (comuneiros, á súa vez, da CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes).

Non obstante, o Xurado Provincial considera que procede desestimar as ditas alegacións, na medida en que a proposta de deslindamento cumpre todos os requisitos establecidos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que resulta conforme a normativa.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 14 de maio de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Comunal de Nocelo con Baldriz, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena, e o MVMC Coto das Mercedes, pertencente á CMVMC de Nocelo da Pena e As Mercedes, nos concellos de Sarreaus e Cualedro.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de xuño de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense