DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 27 de xuño de 2024 Páx. 39664

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento do monte da Comunidade de Mirandela, no concello de Castroverde (expediente 89_79/5DES_2020).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 4 de xuño de 2024, figura o seguinte acordo:

MVMC Serra de Mirandela, Paleira, Arriba de Salvaráns e Caxigueira (expediente 89/79), pertencente aos veciños da parroquia de Mirandela, no concello de Castroverde.

O 21 de agosto de 2023, a Comunidade de Mirandela presentou unha proposta de deslindamento do seu monte, respecto de propiedades particulares, coa cal solicitaba o inicio do correspondente procedemento, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. A este procedemento manténselle o número de expediente 5DES_2020, asignado con antelación a esta solicitude.

O 31 de agosto de 2023, o Servizo de Montes emitiu un informe favorable sobre a proposta formulada.

O 21 de setembro de 2023 publicouse no DOG o anuncio polo que se fixo pública a proposta de deslindamento e se abría o prazo de alegacións para o expediente 5DES_2020. Así mesmo, o anuncio foi publicado no Concello de Castroverde e na web da Consellería do Medio Rural.

O 7 de decembro de 2023, a Comunidade de Mirandela presentou una proposta tras a consideración das alegacións presentadas. O 14 de decembro de 2023, o Servizo de Montes emitiu un novo informe favorable sobre o deslindamento solicitado.

O 4 de marzo de 2024 tivo entrada a proposta definitiva da liña de deslindamento, nos termos requiridos no citado artigo 54.

O 15 de marzo de 2024, o Servizo de Montes emitiu un informe no cal se especifican as modificacións que se producen como consecuencia do deslindamento. Segundo a nova cartografía, o monte de Serra de Mirandela, Paleira, Arriba de Salvaráns e Caxigueira pasa a ter unha superficie de 42,70 hectáreas.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola Asemblea Xeral, darase traslado ao Xurado Provincial dos acordos acadados. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento.

En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento e que se proceda a realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe elaborado polo Servizo de Montes.

O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, corresponde ao monte veciñal tras o deslindamento aprobado.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interporse recurso potestativo de reposición, ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 12 de xuño de 2024

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO

Plano do MVMC tras o deslindamento

missing image file