DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 39052

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024, da Dirección Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de Vilariño de Conso (expediente IN407A 2023/171-3).

Unha vez examinado o expediente instruído por solicitude de Red Eléctrica de España, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que se describe a seguir:

Solicitante: Red Eléctrica de España, S.A.

Domicilio social: paseo Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas, Madrid.

Denominación: ampliación da subestación Conso, 220 kV.

Situación: concello de Vilariño de Conso.

Orzamento: 1.281.334 €.

Características principais do proxecto, que foi asinado o 4.10.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau, colexiado número 11.729 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COEIM):

• Ampliación da subestación Conso, no parque de 220 kV, coa construción e equipamento dunha nova posición, denominada EvRE, con tecnoloxía AIS, cunha instalación convencional exterior e configuración de dobre barra.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta dirección territorial do 11 de xaneiro de 2024, que foi inserido no DOG do 22 de febreiro e no xornal La Región de Ourense do 22 de febreiro. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

Para cumprir co trámite previsto no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, solicitouse informe á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que se pronunciou de xeito favorable no informe emitido o 12 de xaneiro de 2024.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada persoa interesada se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, arriba sinalado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 13 de xuño de 2024

Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense