DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 39048

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación troncal 132/15 kV, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/144-4).

Feitos:

1. O 3.4.2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Dirección Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en adiante, dirección territorial) a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación troncal 132/15 kV, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/144-4.

Con esta solicitude xuntouse (ou completouse posteriormente) a documentación técnica seguinte:

• Proxecto de execución denominado subestación troncal 132/15 kV, ampliación de posición MT (pos. 726 Stand Alone), asinado o 11.3.2024 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con número 202401137 e data 12.3.2024; nel figura un orzamento total de 152.065,24 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo II do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Segundo consta no proxecto de execución, na subestación troncal, que está formada por un parque blindado de 132 kV en configuración dobre barra (realizado mediante celas con envolvente metálica e illamento en gas SF6 para interior) e por un grupo de cabinas de 15 kV dobre barra (con trinta posicións e realizado mediante celas con envolvente metálica e illamento en aire para interior), proxéctase a instalación dunha nova posición 15 kV mediante unha cela con tecnoloxía GIS en illamento SF6 dedicada para o novo servizo pos. 726 Stand-Alone.

2. O 28.5.2024 a dirección territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou os seguintes informes:

• Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 9.5.2024 polos servizos técnicos da dirección territorial.

• Informe favorable para a resolución do expediente, emitido o 27.5.2024 pola dirección territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA (a referida subestación dispón dunha potencia de transformación de 100 MVA: 2 trafos de 50 MVA cada un), de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14.4.2024), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24.4.2024), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27.5.2024).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente a unha nova posición de 15 kV na subestación troncal 132/15 kV, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado subestación troncal 132/15 kV, ampliación de posición MT (pos. 726 Stand Alone).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación troncal 132/15 kV, ampliación de posición MT (pos. 726 Stand Alone), asinado o 11.3.2024 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid) e visado por este colexio, con número 202401137 e data 12.3.2024; nel figura un orzamento total de 152.065,24 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas