DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 39034

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 3 de xuño de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de outorgamento da autorización administrativa previa para a transmisión a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A. de instalacións eléctricas nos concellos de Vimianzo e Muxía, para a integración na rede de distribución (expediente IN407A 2024/80-1).

Para os efectos do establecido nos artigos 53, 56, 57 e 59 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), nos artigos 133, 134 e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro), modificado polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño), e no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sométese ao trámite de información pública a solicitude de outorgamento da autorización administrativa previa para a transmisión a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A. de parte das instalacións autorizadas nos expedientes seguintes:

– Número de expediente: IN661A 2004/9-1. Denominación do proxecto: modificado parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fases).

Autorizado administrativamente, aprobado o seu proxecto de execución e recoñecida a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica por Resolución do 26.12.2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria (en diante, DXIEM) (DOG núm. 39, do 24.2.2012) (corrección de erros no DOG núm. 75, do 19.4.2012).

Declarada a utilidade pública, en concreto, pola Resolución do 8.6.2012, da DXIEM (DOG núm. 154, do 13 de agosto).

Autorizada a construción do proxecto modificado pola Resolución do 20.9.2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, DXEM) da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ampliada a declaración de utilidade pública, en concreto, pola Resolución do 29.5.2017, da DXEM (DOG núm. 108, do 8 de xuño).

Autorizada a explotación pola Resolución do 2.8.2018, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Recoñecida como non substancial, pola Resolución do 29.8.2019, da DXEM, unha modificación do proxecto do parque eólico Muxía I, consistente na substitución das torres meteorolóxicas autorizadas o 20.9.2016 (TM-MI-01 e TM-MI-02) e as súas infraestruturas asociadas, polas torres meteorolóxicas (TMP-Alt2 e TMP-Alt3) de 90 m de altura.

– Número de expediente: IN661A 2007/2-1. Denominación do proxecto: modificado parque eólico Muxía II.

Autorizado administrativamente, aprobado o seu proxecto de execución e recoñecida a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica pola Resolución do 23.7.2012, da DXIEM (DOG núm. 177, do 17 de setembro).

Declarada a utilidade pública, en concreto, pola Resolución do 5.9.2012, da DXIEM (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

Autorizada a construción do proxecto modificado pola Resolución do 20.9.2016, da DXEM.

Ampliada a declaración de utilidade pública, en concreto, pola Resolución do 29.5.2017, da DXEM (DOG núm. 108, do 8 de xuño).

Autorizada a explotación pola Resolución do 2.8.2018, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

– Número de expediente: IN407A 2007/396-1. Denominación do proxecto: LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II.

Autorizada administrativamente, aprobado o proxecto de execución e declarada a utilidade pública, en concreto, pola Resolución do 28.2.2013, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 67, do 8 de abril).

Modificada a declaración de utilidade pública, en concreto, por ampliación da relación de bens e dereitos afectados, pola Resolución do 7.7.2017, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 145, do 1 de agosto).

Autorizada a explotación pola Resolución do 2.8.2018 da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

1. Datos do expediente:

Promotora/titular: EDP Renovables España, S.L.U. (por absorción de Desarrollos Eólicos, S.A. e cambio de denominación social).

Concellos: Vimianzo e Muxía.

Número de expediente a que se incorpora a transmisión: IN407A 2024/80-1.

Denominación: LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación 66/20 kV Muxía (UFD).

Empresa distribuidora/xestora da rede de distribución beneficiaria da incorporación á rede de distribución das instalacións obxecto de transmisión: UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Solicitude de outorgamento da autorización administrativa previa para a transmisión a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A. de instalacións eléctricas nos concellos de Vimianzo e Muxía.

O 27.2.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou a solicitude de outorgamento da autorización administrativa para a transmisión da titularidade ao seu favor de parte das instalacións eléctricas descritas nas autorizacións administrativas e aprobacións dos proxectos de execución outorgadas a Desarrollos Eólicos, S.A. o 26.12.2011 e o 20.9.2016 para o parque eólico Muxía I (expediente IN661A 2004/9-1), o 23.7.2012 e o 20.9.2016 para o parque eólico Muxía II (expediente IN661A 2007/2-1) e o 28.2.2013 para a LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II (expediente IN407A 2007/396-1), acompañada do documento subscrito o 2.6.2021 por Rocío Sicre del Rosal, representante da sociedade EDP Renewables Europe, S.L., administradora única de EDP Renovables España, S.L.U. e o 28.5.2021 por Julio Gonzalo García, en nome e representación da empresa distribuidora UFD Distribución Electricidad, S.A.

3. Xustificación da solicitude de outorgamento da autorización administrativa previa para a transmisión a favor de UFD Distribución Electricidad, S.A. de instalacións eléctricas nos concellos de Vimianzo e Muxía:

UFD Distribución Electricidad, S.A. está a estender a súa rede de distribución no ámbito xeográfico dos concellos de Cee, Dumbría, Vimianzo, Muxía e Camariñas para aumentar a súa capacidade, mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica e atender o crecemento da demanda e facilitar a evacuación da xeración renovable, razón pola que xa construíu unha subestación eléctrica cun nivel de tensión 66/20 kV e 2 × 15 MVA de potencia, identificada como subestación Muxía (expediente IN407A 2020/55-1), que servirá de apoio ás subestacións existentes Vimianzo, Vilán e Pontella.

Esta nova subestación de UFD Distribución Electricidad, S.A. situouse a carón da subestación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II coa intención de aproveitar na medida do posible as actuais instalacións de evacuación da produción de enerxía eléctrica sen necesidade de duplicar infraestruturas, como suporía a construción dunha subestación independente para a distribución de enerxía eléctrica e de novas liñas de conexión desta subestación coa rede de distribución existente, de tal xeito que as instalacións obxecto de transmisión pasarían a formar parte da rede de distribución de enerxía eléctrica de UFD Distribución Electricidad, S.A., nos termos establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

4. Instalacións obxecto da transmisión. Características xerais:

– Liña eléctrica aéreo-soterrada de alta tensión de 66 kV (dous circuítos), incluída a fibra óptica, coa orixe na subestación PPEE Muxía e remate en posicións de liña da subestación Vimianzo (601 e 602) de conexión á rede de distribución, cunha lonxitude de 17.477 metros e que discorre polos concellos de Vimianzo e Muxía (expediente IN407A 2007/396-1).

– As posicións de liña 601 e 602 da subestación 66 kV Vimianzo.

– As posicións 603 (trafo 1) e 604 (trafo 2) de conexión a 66 kV dos parques eólicos Muxía I e Muxía II, respectivamente, as barras de 66 kV, a posición de medida en 66 kV e as posicións de interconexión, da subestación PPEE Muxía de 66 kV, autorizada nos expedientes IN661A 2004/9-1 (parque eólico Muxía I) e IN661A 2007/2-1 (parque eólico Muxía II).

Localización das instalacións: subestación Vimianzo (de UFD), subestación PPEE Muxía 66 kV (de EDP) e subestación 66/20 kV (de UFD). Concellos de Vimianzo e Muxía.

3. Alcance e efectos da transmisión.

As instalacións obxecto de transmisión pasarán a formar parte da rede de distribución de enerxía eléctrica de UFD Distribución Electricidad, S.A., nas condicións actuais de funcionamento, sen que resulten alteradas as afeccións físicas que figuran nas relacións de bens e dereitos afectados pola construción dos parques eólicos Muxía I e Muxía II e da LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II que foron atendidas nas declaracións de utilidade pública, en concreto, de cada unha das referidas instalacións nin as autorizacións outorgadas para os parques eólicos Muxía I e Muxía II.

Soamente resultarán modificados aqueles termos das autorizacións que afectan o réxime de explotación das instalacións obxecto da transmisión, que pasan de ser instalacións de produción de enerxía eléctrica a ser instalacións de distribución de enerxía eléctrica, e aqueles que afectan a conexión da LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II coa rede de distribución, pois pasará a conectarse na subestación 66/20 kV Muxía de UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2022/50-1).

As condicións de funcionamento das instalacións de referencia están acreditadas segundo os informes de inspección periódica seguintes:

a) LAT 66 kV subestación Vimianzo-subestación parques eólicos de Muxía, de evacuación dos parques eólicos Muxía I e Muxía II (expediente IN407A 2007/396-1): informe emitido o 14.10.2021 polo organismo de control Applus Norcontrol, S.L.U., con ditame favorable.

b) Subestación parques eólicos Muxía I e Muxía II (expediente IN661A 2004/9-1): informe emitido o 4.10.2021 polo organismo de control Applus Norcontrol, S.L.U., con ditame favorable.

c) Parque eólico Muxía I (expediente IN661A 2004/9-1): informe emitido o 4.10.2021 polo organismo de control Applus Norcontrol, S.L.U., con ditame favorable.

d) Parque eólico Muxía II (expediente IN661A 2007/2-1): informe emitido o 4.10.2021 polo organismo de control Applus Norcontrol, S.L.U., con ditame favorable.

3. Órgano substantivo:

Ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, da Consellería de Economía e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), o órgano substantivo competente para resolver a solicitude feita por UFD Distribución Electricidad, S.A. é a Dirección Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria.

4. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

Isto faise público para coñecemento xeral e das persoas titulares de bens e dereitos reais e/ou intereses económicos sobre os bens afectados pola transmisión.

Coa finalidade de poder consultar a documentación, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examinar o expediente no Servizo de Enerxía e Minas da Dirección Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (rúa Vicente Ferrer, núm. 2, 2º andar, 15071 A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, así como nos taboleiros de anuncios do Concello de Vimianzo e do Concello de Muxía.

Ademais, poderase consultar no Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-electricas-distribucion-e-transporte

De ser o caso, poderán presentar as alegacións ou observacións que consideren pertinentes no prazo de trinta (30) días contados a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Coruña, 3 de xuño de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña