DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 38878

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 13 de xuño 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúelle a esta comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de servizos sociais a persoas con dependencia.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, reflicte no artigo 4.h) a autonomía persoal e a vida independente como un dos principios xerais dos servizos sociais, e establece a obriga dos poderes públicos de facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis convenientes e dos apoios necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen.

No marco do Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, entre elas, a atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia. Concretamente, a antedita consellería a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, correspóndenlle, entre outras, a función de ordenación, a planificación, a innovación estratéxica dos recursos sociosanitarios e a coordinación e a avaliación da súa actividade asistencial.

A Consellería de Política Social e Igualdade é consciente das especiais necesidades de atención e apoio que precisan as persoas diagnosticadas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos, unha enfermidade neurodexenerativa que deriva nunha gran dependencia. Así, promove, a través desta orde de convocatoria a concesión de axudas económicas coa finalidade de prestar apoio ás necesidades que van xurdindo na evolución da referida enfermidade e reforzar a cobertura existente na actualidade a través do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, tendo en conta a obriga dos poderes públicos de ofreceren os recursos de apoio á atención das persoas dependentes na etapa final do seu proceso vital.

A cobertura das necesidades que van xurdindo na evolución da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos fomentarase coa presente convocatoria pública de concesión de axudas económicas, a través dun procedemento baixo réxime de concorrencia non competitiva.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA) ou dos seus fenotipos, así como convocalas para o ano 2024.

2. O código de procedemento administrativo é BS215A.

Artigo 2. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das axudas económicas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4.

2. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data da súa presentación.

3. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Política Social e Igualdade acordará a inadmisión de novas solicitudes e publicará un anuncio no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da referida consellería, salvo que se produza un incremento de crédito de conformidade co disposto no artigo seguinte.

Artigo 3. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.370.385,75 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 38.05.312D.480.0 e 38.05.312D.780.0 (código de proxecto 2023 000138) da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe

38.05.312D.480.0

1.330.333,78 €

38.05.312D.780.0

1.040.051,97 €

2. De producirse un remanente de crédito nunha das referidas aplicacións orzamentarias no marco do mesmo programa reasignaranse as contías sobrantes, que se destinarán á aplicación orzamentaria a que se imputan os gastos que se van subvencionar nesta convocatoria, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. De conformidade co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o incremento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou dunha transferencia de crédito se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias das axudas económicas

1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter cumpridos os 18 anos.

b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 6 meses con anterioridade á presente convocatoria das axudas.

c) Estar diagnosticadas da enfermidade da ELA ou calquera dos seus fenotipos.

d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitado o seu recoñecemento con anterioridade á presentación da solicitude.

2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 5. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables os seguintes gastos de investimento, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) A adquisición de produtos de apoio necesarios por mor da ELA ou dos seus fenotipos destinados, segundo a clasificación da NORMA ISO 9999:2022:

1º. Ao tratamento médico personalizado, que inclúen, entre outros, produtos destinados a mellorar, controlar ou manter a condición médica da persoa con ELA ou dos seus fenotipos, tales como equipos de inhalación, humificadores, tensiómetros, pulsiómetros, dosificadores, dispensadores e trituradores de medicamentos, produtos de apoio para prever as úlceras por presión como os coxíns antiescaras, de aire, orteses.

Exclúense produtos de apoio usados exclusivamente polos profesionais sanitarios, así como os medicamentos.

2º. Ao adestramento e á aprendizaxe de capacidades, que inclúen dispositivos destinados a mellorar as capacidades físicas, mentais e sociais para persoas con ELA ou dos seus fenotipos, como exercitadores de pernas e brazos, pedalieres activos ou pasivos, exercitadores de dedos, exercitadores respiratorios/incentivadores.

3º. Á mobilidade persoal, que inclúe produtos de apoio para camiñar, transferir, xirar e elevar, como andadores, bastóns, táboas de transferencias, bipedestadores, guindastres, arneses, sofás elevadores, accesorios para cadeiras de rodas, sistemas de dirección e control para cadeiras de rodas, sistemas de propulsión para cadeiras de rodas, patinetes, triciclos, entre outros.

4º. Ao aseo, coidado e protección persoal, que inclúen produtos de apoio aptos para persoas con ELA ou dos seus fenotipos para vestirse e espirse, para a protección corporal, para a hixiene persoal e coidado de traqueotomías, ostomías e incontinencia, coma abotoadores, tiradores para cremalleiras, perchas de apoio para vestirse, calzadores, almofadiñas e outros accesorios para prever as contusións ou lesións na pel nas axudas para camiñar, medias antiedema, cremas destinadas ao tratamento de úlceras por presión, cremas destinadas ao tratamento/mellora de afeccións derivadas do uso de absorbentes, esponxas xabonosas, empapadores e absorbentes, soportes para baño ou/e ducha, alzas, pinzas, cepillos eléctricos, produtos adaptados para lavar e peitear o cabelo, capas e ponchos exteriores, roupa adaptada, produtos de apoio para flotar, alfombras antideslizantes.

Non se subvencionarán os produtos ordinarios de hixiene, que non sexan susceptibles de seren considerados produtos de apoio destinados a persoas con ELA ou dos seus fenotipos, como os xampús, os xeles, a pasta dental, as cremas faciais e hidratantes.

5º. As actividades domésticas, que inclúen, entre outros, os utensilios para comer e beber como vaixelas e cubertarías adaptadas, os produtos para a preparación de alimentos como as táboas, as balanzas con voz, as tesoiras con apertura automática, os produtos de apoio para a limpeza do fogar como os aspiradores automáticos, os recolledores adaptados, os escorredoiros automáticos e os abretapóns.

6º. O mobiliario e pequenas adaptacións para vivendas, que inclúen os produtos que permiten que as persoas con ELA ou dos seus fenotipos alcancen un maior grado de comodidade, funcionalidade, facilidades de desprazamento e a realización de actividades dentro da súa vivenda, como as mesas e cadeiras regulables, as camas articuladas, os respaldos posturais, os pasamáns, as barras de apoio, os dispositivos para a apertura e peche de ventás, as portas e cortinas, entre outros.

7º. A comunicación e información, que inclúen produtos de apoio para axudar as persoas a recibir, enviar, producir e procesar a información en diferentes formatos, como os dispositivos para ver, oír, ler, escribir, telefonar, sinalizar e alertar e a tecnoloxía da información, entre outros, os dispositivos de alarma de emerxencia persoal, os sistemas de control e localización, os timbres, os avisadores, os infravermellos para o control da televisión e outros dispositivos, sofware para a comunicación.

8º. A manipulación de obxectos e dispositivos, que inclúen produtos que faciliten todo tipo de accións que poidan necesitar as persoas con ELA ou con calquera dos seus fenotipos, para manipular os obxectos: tomar, mover, deter ou situar como pulsadores, asas para envases, pinzas, mangos, soportes para papel, soportes para pulsadores, joystick para teclados numéricos.

9º. O lecer e a recreación, que inclúen dispositivos que favorezan a participación nas actividades de lecer e tempo libre, deportes, tales como as cadeiras anfibias, os guindastres de piscina, os triciclos asistidos, as pasapáxinas, os carros para correr, entre outros.

Para seren subvencionables os produtos de apoio deberán ser axeitados, necesarios e destinarse ás persoas que sofren ELA ou calquera dos seus fenotipos.

b) A adaptación funcional do fogar e da súa contorna, no caso de non estaren incluídos na letra anterior. Serán subvencionables as obras de reforma da vivenda necesarias para a mellora da accesibilidade, modificacións ou adecuación de espazos, as instalacións e os equipamentos que rodean a persoa beneficiaria, co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúense a adaptación do interior da vivenda, dos accesos a esta e das zonas de uso común comunitario, no caso de habelas, e a mellora e a avaliación do ambiente/contorna.

En particular, serán subvencionables a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas que incorporen mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, a instalación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como os sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, a instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos, sistemas antideslizantes, a instalación domótica e outros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal das persoas con ELA ou calquera dos seus fenotipos, así como as intervencións necesarias para garantir e/ou mellorar a accesibilidade da vivenda.

Non se considerarán subvencionables as obras de reforma da vivenda meramente estéticas nin destinadas a fins distintos dos recollidos neste punto.

c) A adquisición de vehículo adaptado ou a adaptación deste.

2. Serán subvencionables os seguintes gastos ordinarios, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou a mutualidade correspondente:

a) Os servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria polos profesionais habilitados:

1º. A fisioterapia manual.

2º. A fisioterapia respiratoria.

3º. A terapia ocupacional.

4º. A logopedia.

5º. A psicoloxía.

6º. A neurorrehabilitación.

7º. Os servizos de asistencia persoal/coidador profesional, o servizo de axuda no fogar, o servizo de atención diúrna e atención residencial, sempre que sexan de carácter privado.

Non se admitirán como gastos subvencionables os servizos distintos dos recollidos neste punto.

b) O transporte para a asistencia aos servizos referenciados na letra a) do número anterior e a centros asistenciais.

3. Non serán subvencionables:

a) Os produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da consellería competente en materia de saúde pública, incluído na Orde do 28 de maio de 2013, pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, financiados polo Servizo Galego de Saúde.

b) A participación económica das persoas usuarias no financiamento do custo dos servizos do sistema da promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia derivada do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamiento do seu custo.

c) Os medicamentos, os gastos de farmacia e parafarmacia que non poidan ser considerados produtos de apoio nos termos previstos no artigo 5.1.

d) Os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, os impostos e/ou taxas derivadas da obtención de licenzas municipais.

4. Non se concederá a axuda para o transporte, no caso de que a persoa solicitante sexa usuaria de praza de atención residencial ou dun centro de atención diúrna e xa conte con servizo de transporte subvencionado.

5. Os gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 29 de novembro de 2024 e estar efectivamente pagados pola persoa interesada con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 16.

6. Non se admitirán como gastos subvencionables os pagados por terceiros.

No caso de falecemento da persoa beneficiaria con posterioridade á resolución de concesión, só se considerarán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao falecemento do interesado.

7. A axuda consistirá nunha achega, que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria.

Para tal efecto, as persoas solicitantes indicarán no anexo I as contías e o destino das axudas solicitadas.

Unha vez resolta a concesión, non se admitirán cambios respecto das categorías das axudas concedidas, polo que non serán subvencionables as desviacións producidas nestas.

A contía de axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 17.

Artigo 6. Compatibilidade da axuda

1. A obtención desta axuda é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe do gasto subvencionado.

2. En todo caso, a obtención desta axuda é incompatible:

a) Coas axudas técnicas e produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da consellería competente en materia de saúde pública financiados polo Servizo Galego de Saúde.

b) Coas axudas para o transporte no caso de ser unha persoa usuaria dun centro de atención diúrna ou residencial e o centro conte con servizo de transporte subvencionado.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro de 2024.

Cando o ultimo día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) A documentación acreditativa da representación, de ser o caso. A representación poderá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) O certificado ou o informe médico oficial acreditativo de estar diagnosticado/da coa enfermidade da ELA ou calquera dos seus fenotipos.

c) No caso de solicitar axudas para a adaptación da vivenda, unha memoria descritiva das adaptacións que se van realizar e a xustificación da súa necesidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante unha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante.

d) Consulta do grao e nivel de dependencia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

h) Consulta de inhabilitacións vixentes para obter subvencións do solicitante rexistradas na Base de datos nacional de subvencións no período solicitado.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se esta non atende o requirimento efectuado, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 12.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta Cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares ou rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será a subdirección xeral con competencias nas áreas de atención sociosanitaria e innovación asistencial, quen elevará a súa proposta de resolución ao órgano competente para resolver, en aplicación do procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución do procedemento seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e emitirá unha proposta de resolución de concesión das axudas en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

3. Correspóndelle á persoa titular da dirección xeral con competencias nas áreas de maiores e atención sociosanitaria, por delegación da conselleira de Política Social e Igualdade e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a concesión das axudas económicas mediante a correspondente resolución. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo dun mes contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitar.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por seren un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos derivadas da presente orde, practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optaren pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produce o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación se que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa. Se non o fose, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas:

a) A destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

b) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

d) A someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

e) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 16. Período subvencionable e prazo de xustificación da axuda

1. O período da actividade subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 8 de decembro de 2024.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade ao remate da data de finalización do período de xustificación establecido no número seguinte.

3. A data límite para presentar a documentación xustificativa será o 9 de decembro de 2024.

Artigo 17. Xustificación da axuda

1. As solicitudes do pagamento deberán ser efectuadas pola persoa beneficiaria de acordo co previsto no artigo 7 e con anterioridade a que rematen as datas límite a que se refire o artigo 16, mediante a presentación do anexo II.

As solicitudes de pagamento e a documentación xustificativa presentaranse de conformidade co establecido no artigo 11.

2. Xunto coa solicitude de pagamento final (anexo II), a persoa beneficiaria debe presentar unha relación clasificada dos gastos, con identificación da persoa acredora e o documento, o importe e a data de emisión e de pagamento, así como a seguinte documentación:

a) No caso de gastos de investimento:

1º. No caso de adquisición de produtos de apoio do artigo 5.1.a):

1º.1. A copia das facturas ou dos documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

1º.2. Os xustificantes bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas achegadas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e dos apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para os gastos inferiores a 1.000 euros conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º. No caso de gastos de adaptación da vivenda do artigo 5.1.b):

2º.1. A copia das facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

2º.2. Os xustificantes bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas achegadas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e dos apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para os gastos inferiores a 1.000 euros conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º.3. O xustificación da propiedade da vivenda coa copia da escritura notarial de propiedade ou calquera outro medio válido en dereito ou a xustificación do seu uso coa copia do contrato de arrendamento e a autorización da persoa propietaria do inmoble para facer as obras de adaptación.

No caso de que a vivenda pertenza ao cónxuxe ou á parella de feito ou familiar da persoa beneficiaria das axudas, ademais de acreditar o título sobre a vivenda, deberase acreditar a convivencia da persoa beneficiaria no domicilio e achegar a autorización da persoa propietaria do inmoble para facer as obras de adaptación.

2º.4. A memoria descritiva da adaptación realizada.

3º. No caso de adquisición de vehículo adaptado ou adaptación de vehículo de motor:

3º.1. A copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

3º.2. Os Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas achegadas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3º.3. Un xustificante do permiso de circulación do vehículo.

3º.4. Unha declaración responsable da afectación do vehículo, que se atopa ao seu nome e é utilizado para o seu uso exclusivo, nos termos previstos no anexo II.

b) No caso de gastos ordinarios:

1º No caso de servizos asistenciais complementarios do artigo 5.2.a):

1º.1. A copia das facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

1º.2. Os xustificantes bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas achegadas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para os gastos inferiores a 1.000 euros conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a persoa beneficiaria das axudas contrate directamente o coidador profesional/asistente persoal, deberá achegar as copias do contrato de traballo, das nóminas da persoa traballadora e os comprobantes bancarios do pagamento destas, así como dos gastos derivados da cotización da Seguridade Social.

2º. No caso de transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais do artigo 5.2.b):

2º.1. A copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

2º.2. Os xustificantes bancarios que acrediten o pagamento pola persoa beneficiaria das facturas achegadas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro.

2º.3. A declaración responsable de asistencia polo período que se concede a axuda, asinada pola dirección do centro ou servizo asistencial a onde acuda a persoa beneficiaria.

3. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

En todo caso, as facturas deberá ter unha explicación detallada do gasto en relación coa acción subvencionada, así como o prezo unitario, e conterán os datos identificativos de quen a expide (o nome, os apelidos, a denominación ou razón social, NIF e o enderezo), así como do/da destinatario/a, que deberá ser a persoa beneficiaria das axudas, e incluirán o IVE correspondente ou o imposto equivalente.

4. No caso do falecemento da persoa beneficiaria previa á xustificación da axuda, deberase pór en coñecemento do órgano tramitador das axudas. Neste caso, quen teña a representación da persoa beneficiaria deberá remitir a documentación xustificativa recollida neste artigo, acompañada de:

a) O certificado de defunción da persoa beneficiaria.

b) A declaración responsable debidamente asinada polas/os herdeiras/os na que manifesten que coñecen a existencia do procedemento, o importe concedido das axudas e na que prestan consentimento para o pagamento, tras a verificación da documentación xustificativa achega. Igualmente indicarán a persoa que actuará en representación da masa hereditaria.

5. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, dará lugar á perda do dereito e, tras a resolución, procederase á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Pagamento da axuda

1. No caso de gastos de investimento previstos no número 1 do artigo 5, as persoas beneficiarias poderán solicitar un pagamento de ata o 50 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión.

2. No caso de gastos correntes previstos no número 2 do artigo 5, as persoas beneficiarias poderán solicitar un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión.

3. O importe restante que corresponda para completar o pagamento realizarase tras a xustificación definitiva da subvención, logo da solicitude da persoa beneficiaria (anexo II).

Artigo 19. Reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 15, e concretamente:

a) O incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no establecido nesta orde.

b) A obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou a ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

d) O incumprimento das condicións, as obrigas e as incompatibilidades previstas nesta orde.

2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Calidade, Humanización e Xestión da Información, e a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do teléfono 012.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da dirección xeral con competencias nas áreas de Maiores e Atención Sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigacións e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da dirección xeral con competencias nas áreas de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file