DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 38906

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 13 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

BDNS (Identif.): 769716.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter cumpridos os 18 anos.

b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 6 meses con anterioridade á presente convocatoria das axudas.

c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA) ou calquera dos seus fenotipos.

d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitado o seu recoñecemento con anterioridade á presentación da solicitude.

2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA ou dos seus fenotipos, así como convocalas para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica ou dos seus fenotipos, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS215A).

Cuarto. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables os seguintes gastos de investimento, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Adquisición de produtos de apoio necesarios por mor da ELA ou dos seus fenotipos destinados, segundo a clasificación da NORMA ISO 9999:2022:

1º. A tratamento médico personalizado que inclúen, entre outros, produtos destinados a mellorar, controlar ou manter a condición médica da persoa con ELA ou dos seus fenotipos, tales como equipamentos de inhalación, humificadores, tensiómetros, pulsiómetros, dosificadores dispensadores e trituradores de medicamentos, produtos de apoio para prever as úlceras por presión como os coxíns antiescaras, de aire, orteses.

Exclúense produtos de apoio usados exclusivamente por profesionais sanitarios, así como os medicamentos.

2º. A adestramento e aprendizaxe de capacidades, que inclúen dispositivos destinados a mellorar as capacidades físicas, mentais e sociais para persoas con ELA ou dos seus fenotipos, como exercitadores de pernas e brazos, pedaliers activos ou pasivos, exercitadores de dedos, exercitadores respiratorios/incentivadores.

3º. A mobilidade persoal, que inclúen produtos de apoio para camiñar, transferir, xirar e elevar coma andadores, bastóns, táboas de transferencias, bipedestadores, guindastres, arneses, sofás elevadores, accesorios para cadeiras de rodas, sistemas de dirección e control para cadeira de rodas, sistemas de propulsión para cadeiras de rodas, patinetes, triciclos, entre outros.

4º. A aseo, coidado e protección persoal, que inclúen produtos de apoio aptos para persoas con ELA ou dos seus fenotipos para vestirse e espirse, para a protección corporal, para a hixiene persoal e o coidado de traqueotomías, ostomías e incontinencia, como abotoadores, tiradores para cremalleiras, perchas de apoio para vestirse, calzadores, almofadiñas e outros accesorios para prever contusións ou lesións na pel nas axudas para camiñar, medias antiedema, cremas destinadas ao tratamento de úlceras por presión, cremas destinadas ao tratamento/mellora de afeccións derivadas do uso de absorbentes, esponxas xabonosas, empapadores e absorbentes, soportes para baño ou/e ducha, alzas, pinzas, cepillos eléctricos, produtos adaptados para lavar e peitear o cabelo, capas e ponchos exteriores, roupa adaptada, produtos de apoio para flotar, alfombras antideslizantes.

Non se subvencionarán produtos ordinarios de hixiene, que non sexan susceptibles de seren considerados produtos de apoio destinados a persoas con ELA ou dos seus fenotipos, como xampús, xeles, pasta dental, cremas faciais e hidratantes.

5º. A actividades domésticas, que inclúen, entre outras, produtos para comer e beber, como vaixelas e cubertarías adaptadas, produtos para a preparación de alimentos, como táboas, balanzas con voz, tesoiras con apertura automática, produtos de apoio para a limpeza do fogar, como aspiradores automáticos, recolledores adaptados, escorredoiros automáticos, abretapóns.

6º. A mobiliario e pequenas adaptacións para vivendas, que inclúen produtos que permiten que as persoas con ELA ou dos seus fenotipos alcancen un maior grao de comodidade, funcionalidade, facilidades de desprazamento e realización de actividades dentro da súa vivenda coma mesas e cadeiras regulables, camas articuladas, respaldos posturais, pasamáns, barras de apoio, dispositivos para a apertura e peche de ventás, portas e cortinas, entre outros.

7º. A comunicación e información, que inclúen produtos de apoio para axudar as persoas a recibir, enviar, producir e procesar información en diferentes formatos, como dispositivos para ver, oír, ler, escribir, telefonar, sinalizar e alertar, e tecnoloxía da información, entre outros, dispositivos de alarma de emerxencia persoal, sistemas de control e localización, timbres, avisadores, infravermellos para o control da televisión e outros dispositivos, sofware para a comunicación.

8º. A manipulación de obxectos e dispositivos, que inclúen produtos que faciliten todo tipo de accións que poidan necesitar a persoas con ELA ou con calquera dos seus fenotipos para manipular obxectos: tomar, mover, deter ou relocalizar, como pulsadores, asas para envases, pinzas, mangos, soportes para papel, soportes para pulsadores, joystick para teclados numéricos.

9º. A lecer e recreación, que inclúen dispositivos que favorezan a participación nas actividades de ocio e tempo libre, deportes, tales como cadeiras anfibias, guindastres de piscina, triciclos asistidos, pasapáxinas, carros para correr, entre outros.

Para seren subvencionables os produtos de apoio deberán ser axeitados, necesarios e destinarse ás persoas que sofren ELA ou calquera dos seus fenotipos.

b) A adaptación funcional do fogar e a súa contorna, no caso de non estaren incluídos na letra anterior. Serán subvencionables as obras de reforma da vivenda necesarias para a mellora da accesibilidade, modificacións ou adecuación de espazos, instalacións e equipamentos que rodean a persoa beneficiaria co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúense a adaptación do interior da vivenda, dos accesos a esta e das zonas de uso común comunitario no caso de habelas e a mellora e a avaliación do ambiente/contorna.

En particular serán subvencionables a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas que incorporen mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, a instalación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, as instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos, sistemas antideslizantes, instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal das persoas con ELA ou calquera dos seus fenotipos, así como as intervencións necesarias para garantir e/ou mellorar a accesibilidade da vivenda.

Non se considerarán subvencionables as obras de reforma da vivenda meramente estéticas nin destinadas a fins distintos dos recollidos neste punto.

c) Adquisición de vehículo adaptado ou a súa adaptación.

2. Serán subvencionables os seguintes gastos correntes, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados:

1º. Fisioterapia manual.

2º. Fisioterapia respiratoria.

3º. Terapia ocupacional.

4º. Logopedia.

5º. Psicoloxía.

6º Neurorrehabilitación.

7º. Servizos de asistencia persoal/coidador profesional, servizo de axuda no fogar, servizo de atención diúrna e atención residencial, sempre que sexan de carácter privado.

Non se admitirán como gastos subvencionables os servizos distintos dos recollidos neste punto.

b) Transporte para a asistencia aos servizos referenciados na letra a) do número anterior e a centros asistenciais.

3. Non serán subvencionables:

a) Os produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da Consellería competente en materia de saúde pública incluído na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, financiados polo Servizo Galego de Saúde.

b) A participación económica das persoas usuarias no financiamento do custo dos servizos do sistema da promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia derivada do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

c) Medicamentos, gastos de farmacia e parafarmacia que non poidan ser considerados produtos de apoio nos termos previstos no artigo 5.1 da convocatoria.

d) Os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, os impostos e/ou taxas derivadas da obtención de licenzas municipais.

4. Non se concederá a axuda para o transporte no caso de que a persoa solicitante sexa usuaria de praza de atención residencial ou de centro de atención diúrna e xa conte con servizo de transporte subvencionado.

5. Os gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 29 de novembro de 2024 e estar efectivamente pagados pola persoa interesada con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 16 da convocatoria.

6. Non se admitirán como gastos subvencionables os pagados por terceiros.

No caso de falecemento da persoa beneficiaria con posterioridade á resolución de concesión, só se considerarán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao falecemento do interesado.

7. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria.

Para tal efecto, as persoas solicitantes indicarán no anexo I da convocatoria as contías e destino das axudas solicitadas.

Unha vez resolta a concesión, non se admitirán cambios respecto das categorías das axudas concedidas, polo que non serán subvencionables as desviacións producidas nelas.

A contía de axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 17 da convocatoria.

Quinto. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 2.370.385,75 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 38.05.312D.480.0 e 38.05.312D.780.0 (código de proxecto 2023 000138) da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe

38.05.312D.480.0

1.330.333,78 €

38.05.312D.780.0

1.040.051,97 €

2. De producirse remanente de crédito nunha das referidas aplicacións orzamentarias no marco do mesmo programa, reasignaranse as contías sobrantes, que se destinarán á aplicación orzamentaria á que se imputan os gastos que se van subvencionar nesta convocatoria, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. De conformidade co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o incremento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou dunha transferencia de crédito se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da dita lei.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro de 2024.

Cando o ultimo día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade