DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 38913

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 17 de xuño de 2024 pola que se fai público o incremento do crédito previsto na Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

A Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B), publicada no Diario Oficial de Galicia número 8, do 11 de xaneiro de 2024, establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 31.494.071 €, que se imputará á aplicación orzamentaria 11.02.312B.480.13 distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2024

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

Ano 2028

4.951.471 €

13.368.700 €

8.742.600 €

4.371.300 €

60.000 €

A devandita orde establece ademais que o crédito final resultante destinado a estas axudas se poderá incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 27 de decembro de 2023 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementala para atender todas as solicitudes presentadas ao existir crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 38.02.312B.480.13, que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitarlle á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que comporta a crianza e o coidado dos fillos e das fillas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da Tarxeta Benvida, nos supostos de xestación, nacemento, adopción, garda con fins adoptivos ou acollemento familiar permanente no ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 38.02.312B.480.13 e na anualidade 2024, é de 4.000.000 de euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade