DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 39082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición presentado contra o acordo de revisión de esbozo do monte veciñal de Bustelo, no concello de Negueira de Muñiz (expediente 39_73/2020_66).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 4 de xuño de 2024 figura o seguinte acordo:

Monte Bustelo, pertencente aos veciños de Bustelo, da parroquia de Negueira, no concello de Negueira de Muñiz. Expediente: Negueira/39_73/2020_66.

O 20 de decembro de 2021 o Xurado ditou a resolución de aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal de Bustelo. O acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 4 de febreiro de 2022.

O 11 de febreiro de 2022, ante o Rexistro da Oficina Comarcal de Sarria, Manuel Cancio López e Luís Río Muíña, no seu nome e en representación doutros copropietarios, presentaron un recurso de reposición contra o acordo de revisión de esbozo no cal argumentan que afecta o monte privado de Negueira de Muñiz. O recurso foille remitido á comunidade de Bustelo para que alegasen o que considerasen conveniente.

O 22 de setembro de 2022 o Xurado ditou unha resolución pola cal se estimou o recurso presentado pero, involuntariamente, non se tiveron en conta as alegacións presentadas o 21 de xuño de 2022 pola comunidade do MVMC Bustelo. Isto deu lugar a unha solicitude de revisión de oficio por parte da dita comunidade.

O 17 de marzo de 2023 o Xurado acordou o inicio da revisión de oficio da Resolución do 22 de setembro de 2022, ao darse a causa de nulidade recollida no artigo 47.1.e) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante a Resolución do conselleiro do Medio Rural, do 11 de outubro de 2023, quedou anulada a Resolución do 22 de setembro de 2022 ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común pola que se estimaba o recurso de reposición presentado o 11 de febreiro de 2022. Así mesmo, ordenou retrotraer as actuacións ao momento anterior á dita resolución, para os efectos de que se continúe coa instrución do procedemento de revisión de esbozo e se resolva sobre o recurso de reposición presentado.

En cumprimento da Resolución do 11 de outubro de 2023, retrotraese o expediente e procede ditar resolución do recurso de reposición contra a revisión do esbozo aprobada polo Acordo do Xurado do 20 de decembro de 2021.

Unha vez examinado o recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 11 de xuño de 2024

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo