DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 25 de xuño de 2024 Páx. 39081

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xuño de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra o acordo de revisión de esbozo do monte veciñal de Paradaseca, concello de Quiroga (expediente 56_76/2022_195).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 4 de xuño de 2024 figura o seguinte acordo:

Monte Paradaseca, pertencente aos veciños da parroquia de Paradaseca, no concello de Quiroga. Expediente: Quiroga/56_76/2022_195.

O 11 de marzo de 2024 o Xurado ditou a resolución pola que aprobou a revisión do esbozo do MVMC Paradaseca por instancia da comunidade propietaria do monte. Este acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 16 de abril de 2024.

O 13 de maio de 2024 tivo entrada un recurso de reposición presentado pola comunidade propietaria do MVMC Paradapiñol e Rugando, estremeiro co MVMC de Paradaseca. En síntese, expoñen que o esbozo resultante do MVMC Paradaseca inclúe terreos que pertencen ao de Paradapiñol e Rugando e non se axusta ao procedemento descrito na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

Unha vez examinado o recurso de reposición, o Xurado, por unanimidade, acorda inadmitilo por non ser o solicitado nel obxecto do acto contra o cal se recorre, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 11 de xuño de 2024

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo