DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38642

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2024, da Dirección Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica no concello de Sober (expediente IN407A 2023/99-2).

Examinado o expediente instruído a instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida América, 38, 28028 Madrid, aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 5 de abril de 2023, a citada empresa solicitou a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA REG802 no tramo entre os apoios nº 35-A29 e nº 35-A36-CT (Sober), no concello de Sober, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante o Acordo desta dirección territorial do 18 de outubro de 2023. Este acordo foi publicado no xornal La Voz de Galicia do 1 de novembro de 2023 e no DOG do 13 de novembro de 2023, no taboleiro de anuncios da citada dirección territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sober. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta dirección territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta dirección territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 49/2024, do 22 de abril (DOG nº 81, do 24 de abril), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que, consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta dirección territorial

RESOLVE:

Primeiro. Conceder a autorización administrativa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA REG802 no tramo entre os apoios nº 35-A29 e nº 35-A36-CT (Sober), no concello de Sober, coas seguintes características técnicas principais:

– Substitución do centro de transformación de caseta (CT) Pinol por un novo CT intemperie sobre apoio de celosía metálica de tipo C-14/3000, de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400 V. Demolición da caseta do CT existente.

– Reforma da LMTA REG802 de derivación ao CT Pinol (27C393), a 20 kV, no tramo comprendido entre o apoio núm. 35-A30 e o apoio núm. 35-A35 sobre o que se sitúa o CTI proxectado, coa substitución dos apoios de formigón existentes por outros de celosía metálica e cambio do condutor LA-30 actual a LA-56, cunha lonxitude de 632 m.

Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica denominada regulamentación LMTA REG802 no tramo entre os apoios nº 35-A29 e nº 35-A36-CT (Sober).

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificarán individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 1 de novembro de 2023 e no DOG do 13 de novembro de 2023, expostas no taboleiro de anuncios desta dirección territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Sober. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta dirección territorial da Consellería de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto de regulamentación LMTA REG802 no tramo entre os apoios nº 35-A29 e nº 35-A36-CT (Sober), presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.

Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establecen a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, intentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 3 de xuño de 2024

Gustavo J. Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo

ANEXO I

Relación de bens e dereitos afectados polo proxecto de regulamentación LMTA REG802 no tramo entre os apoios nº 35-A29 e nº 35-A36-CT (Sober)

Concello: Sober (Lugo).

Expediente: IN407A 2023/99-2.

Nº predio

Polígono

Parcela

Lugar

Cultivo

Propietarios

Apoio (nº)

Apoio (m2)

Afeccións
(ml. aér.)

Afeccións
(m2 aér.)

6

42

347

Campo

Pradaría

Hros. de Carmen Álvarez Guitián

35-A35CT

10.0

2.0

6.0