DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38647

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á ampliación da Subestación de Boimente cun novo autotransformador 132/400 kV de 450 MVA e cunha nova posición de 132 kV, no concello de Viveiro (Lugo), e que promove Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (expediente IN407A 2023/152-2).

Feitos:

1. O 2.6.2023 Viesgo Distribución Electricidad, S.L. (en diante, Viesgo ou promotora) presentou, ante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial; actualmente, Dirección Territorial de Lugo; en diante, dirección territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á ampliación da Subestación de Boimente cun novo autotransformador 132/400 kV de 450 MVA e cunha nova posición de 132 kV, no concello de Viveiro (Lugo), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/152-2.

Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado ampliación da subestación eléctrica de Boimente 132 kV cun novo autotransformador 132/400 kV - 450 MVA e nova posición de 132 kV, asinado o 08.5.2023 polo enxeñeiro de minas Juan Pablo Gómez Goñi (colexiado nº 1.367 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste) e visado por este colexio con data do 9.5.2023; e no que figura un orzamento total de 5.249.879,03 euros.

• Declaración responsable do técnico proxectista, de data 22.5.2023, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• En relación coas entidades afectadas: Separata técnica para o Concello de Viveiro e solicitude de acceso e conexión para distribución á rede de transporte en Boimente 400 kV realizada por Viesgo a Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE).

Segundo consta no proxecto de execución, co obxecto de aumentar a fiabilidade da instalación, mellorar as condicións de seguridade e flexibilizar a operación e a evacuación eólica na zona, proxéctase a ampliación da subestación eléctrica de Boimente 132/400 kV, no seu parque de 132 kV. A respecto desta ampliación, cabe salientar o seguinte:

• A subestación eléctrica de Boimente 132/400 kV atópase no concello de Viveiro, o parque de 132 kV pertencente a Viesgo e o de 400 kV a REE, e dispón de dous transformadores 400/132 kV de 500 MVA. A ampliación proxectada afecta o parque de 132 kV, que dispón de configuración de dobre barra, con aparamenta convencional e con 15 posicións (9 de liña, 2 de transformador, 2 de encaixamento lonxitudinal e 2 de encaixamento transversal).

• A ampliación proxectada consiste na instalación dun novo autotransformador 132/400 kV de 450 MVA e dunha nova posición de transformador 132 kV. A saída en 400 kV deste autotransformador conectarase co parque anexo de 400 kV propiedade de REE. Toda a superficie afectada polo proxecto de ampliación é de Viesgo, e execútase dentro dos límites da subestación de 132 kV, agás a saída de 400 kV, que se instalará dentro dos actuais terreos da subestación de 400 kV de REE, quen cederá o espazo necesario.

2. O 8.6.2023 a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, a separata do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ao Concello de Viveiro, o cal non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 29.4.2024 a dirección territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou o informe emitido o 16.4.2024 polos seus servizos técnicos no que é informado favorablemente o proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14.4.2024), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24.4.2024), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27.5.2024).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á ampliación da Subestación de Boimente cun novo autotransformador 132/400 kV de 450 MVA e cunha nova posición de 132 kV, no concello de Viveiro (Lugo), e que promove Viesgo Distribución Eléctrica SL.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado ampliación da subestación eléctrica de Boimente 132 kV cun novo autotransformador 132/400 kV - 450 MVA e nova posición de 132 kV.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado ampliación da subestación eléctrica de Boimente 132 kV cun novo autotransformador 132/400 kV - 450 MVA e nova posición de 132 kV, asinado o 8.5.2023 polo enxeñeiro de minas Juan Pablo Gómez Goñi (colexiado nº 1.367 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste) e visado por este colexio con data do 9 de maio de 2023; e no que figura un orzamento total de 5.249.879,03 euros.

2. A empresa promotora (Viesgo) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

A este respecto, e polo que se refire á afección producida a bens e dereitos de REE, a promotora quedará obrigado ao cumprimento do condicionado que esta entidade estableza na súa resposta á solicitude de acceso e conexión para distribución á rede de transporte en Boimente 400 kV.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas