DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38537

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI435D).

BDNS (Identif.): 768996.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:

– Modalidade A: promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, desde a data da súa cualificación definitiva.

– Modalidade B: promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, quince anos. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse as persoas beneficiarias de entre as sinaladas no punto 1 deste ordinal.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia están contidas na resolución de convocatoria.

Cuarto. Determinación e contía das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite, nos seguintes termos:

a) Na modalidade A concederase unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou da vivenda como dos espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 50.000 euros por vivenda. Se a axuda se solicita soamente para unha parte das vivendas dunha promoción, o importe máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou das vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.

En ningún caso se computará como superficie de espazos comúns a destinada a portais, relanzos e/ou escaleiras.

b) No suposto da modalidade B concederase ás persoas beneficiarias unha axuda proporcional á superficie útil da vivenda de ata un máximo de 500 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 40.000 euros por vivenda.

2. O investimento da actuación, para os efectos da determinación da axuda deste programa, estará constituída por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos os tributos das actuacións, o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación non se admitirá a inclusión do custo do solo.

Quinto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 14.760.000 euros, distribuídos entre as dúas modalidades, da seguinte forma:

a) Para a modalidade A, correspóndelle un importe de 7.560.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.770.1, que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2024: 1.000.000 de euros.

2025: 3.100.000 euros.

2026: 2.500.000 euros.

2027: 960.000 euros.

b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 7.200.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.770.2 que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2024: 1.000.000 de euros.

2025: 3.100.000 euros.

2026: 2.500.000 euros.

2027: 600.000 euros.

2. O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares.

– Na modalidade B, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024. Non obstante o anterior, se antes da finalización do dito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo