DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38501

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI435D).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten en marcha varios programas dirixidos ao acceso á vivenda para os colectivos con maiores necesidades, todos eles recollidos no Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, constituíndo un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido para o período 2021-2025 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as diferentes solucións habitacionais figuran, tanto o fomento da promoción de vivendas públicas e privadas como a aprobación de programas de axudas dirixidas ao acceso á vivenda en propiedade e/ou en alugueiro, chegando, incluso, neste último caso a cubrir o 100 % da renda aos colectivos máis vulnerables.

Cómpre agora seguir afondando no incremento do parque de vivendas destinadas ao alugueiro, especialmente nas localidades con maior demanda, coa mesma limitación de prezo que as vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral, a través de axudas á promoción destas vivendas.

Neste sentido, para evitar a dispersión das axudas faise preciso incluír nunhas únicas bases reguladoras tanto as axudas autonómicas como as do programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, regulado no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (Boletín Oficial del Estado núm. 16, do 19 de xaneiro).

De acordo con este marco normativo, esta resolución establece as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xa que a maioría dos solicitantes serán persoas obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración; no resto de supostos, a complexidade do programa e das actuacións subvencionadas exixe a necesaria participación de persoal cualificado que, de conformidade coa lexislación vixente, está obrigado a relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 5 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:

– Modalidade A: promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, desde a data da súa cualificación definitiva.

– Modalidade B: promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, quince anos. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia: conxunto de persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e do resto das persoas integrantes da súa unidade de convivencia: o domicilio en que constan empadroados todos eles.

d) Vivenda protexida: interpretarase de conformidade co artigo 45 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

e) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, no que sexa de aplicación, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Sexto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse as persoas beneficiarias de entre as sinaladas no punto 1 deste ordinal.

Sétimo. Requisitos das vivendas e das promocións

1. As vivendas que se promovan con cargo a calquera das dúas modalidades previstas neste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Destinarse ao alugueiro accesible ou á cesión de uso polo prazo indicado, segundo a súa modalidade, no ordinal primeiro, e deberá constar esta vinculación de destino, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade. No suposto de que se trate de vivendas protexidas, con independencia da modalidade da que se trate, A ou B, deberán destinarse ao alugueiro, conforme o establecido na súa cualificación.

b) Deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

c) Deberán situarse en localidades que teñan inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cando menos cinco unidades de convivencia por cada vivenda para a cal se solicita financiamento.

2. As promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir coas normativa de accesibilidade e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

3. Estas axudas poderán solicitarse para a totalidade das vivendas dunha mesma promoción ou para unha parte delas, ben que, en todo caso, será requisito necesario para obter a axuda que a promoción teña un mínimo de cinco vivendas que cumpran as condicións deste programa.

Oitavo. Requisitos das persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas e dos contratos de alugueiro ou de cesión

1. As vivendas financiadas con cargo á modalidade A, salvo que se trate de vivendas protexidas, so poderán ser alugadas ou cedidas en uso a persoas cuxas rendas anuais, incluíndo as de todas as persoas que constitúan a súa unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM no momento da formalización do contrato de alugueiro ou de cesión de que se trate. Para tal fin, o cómputo de ingresos e o IPREM de referencia será o correspondente ao último exercicio vencido na data de subscrición do contrato.

2. As vivendas financiadas con cargo á modalidade B, así como as da modalidade A, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, só poderán ser alugadas a persoas que cumpran os requisitos de acceso e co procedemento previsto pola normativa de aplicación, en función do réxime previsto na súa cualificación.

3. Os contratos que deberán conter as cláusulas relativas ás obrigas que resulten da concesión destas axudas segundo o disposto na resolución e, de ser o caso, no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

4. Os contratos de alugueiro das vivendas financiadas con cargo á modalidade A, cando non se trate de vivendas protexidas, deberán someterse á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda.

5. Os contratos da modalidade B e os da modalidade A, cando se trate de vivendas protexidas, deberán cumprir a normativa reguladora das vivendas protexidas.

Noveno. Condicións do alugueiro ou da cesión de uso

1. O alugueiro ou o prezo da cesión de uso das vivendas da modalidade A, cando non se trate de vivendas protexidas, deberá cumprir os seguintes requisitos no momento da formalización do contrato:

a) Será proporcional a súa superficie útil, incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación, de ser o caso. O reparto desta parte proporcional realizarase en función da superficie privativa de cada aloxamento ou vivenda.

No suposto de que se inclúan espazos comúns e de interrelación, poderá incrementarse este importe co prezo proporcional da superficie destes sen que poida superar oito euros mensuais por metro cadrado de superficie útil de vivenda, incluída a parte proporcional de superficie dos espazos comúns e de interrelación.

En ningún caso se computará como superficie de espazos comúns a destinada a portais, relanzos e/ou escaleiras.

b) Non poderá superar o prezo de renda por metro cadrado das vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral que corresponda á zona xeográfica en que estea a vivenda.

2. O alugueiro das vivendas da modalidade A, no suposto de que sexan protexidas, e da modalidade B, terá como límite o prezo máximo aplicable ás vivendas que se cualifiquen de acordo co previsto na súa normativa reguladora.

Neste caso non se poderá percibir ningunha renda polo uso dos espazos comúns ou de interrelación por encima do prezo máximo previsto na cualificación das vivendas.

3. Ademais da renda inicial ou revisada que lle corresponda, a persoa arrendadora ou cedente, segundo sexa o caso, poderá percibir o custo real dos servizos que utilice a persoa arrendataria ou, de ser o caso, cesionaria, e se satisfagan pola persoa arrendadora ou cedente, así como as demais repercusións autorizadas pola lexislación aplicable ou cuxa repercusión sexa acordada na cesión en uso.

4. No contrato que se formalice concretarase a actualización do prezo, de conformidade coa lexislación específica de aplicación.

Décimo. Determinación e contía das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite, nos seguintes termos:

a) Na modalidade A concederase unha axuda proporcional á superficie útil, tanto privativa do aloxamento ou da vivenda como dos espazos comúns e de interrelación, de ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 50.000 euros por vivenda. Se a axuda se solicita soamente para unha parte das vivendas dunha promoción, o importe máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil aplicarase á superficie privativa dos aloxamentos ou das vivendas obxecto da axuda e á parte proporcional da superficie útil de espazos comúns e de interrelación.

En ningún caso se computará como superficie de espazos comúns a destinada a portais, relanzos e/ou escaleiras.

b) No suposto da modalidade B concederase ás persoas beneficiarias unha axuda proporcional á superficie útil da vivenda de ata un máximo de 500 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 40.000 euros por vivenda.

2. O investimento da actuación, para os efectos da determinación da axuda deste programa, estará constituída por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos os tributos das actuacións, o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación non se admitirá a inclusión do custo do solo.

Décimo primeiro. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde se vai realizar a promoción. As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Compromiso de destinar todas as vivendas que se financien con cargo a este programa ao alugamento ou a cesión en uso durante un prazo mínimo de quince ou vinte anos, en función da modalidade de axuda, e de facer constar esta circunstancia en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo segundo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Documento acreditativo da dispoñibilidade do solo ou do inmoble que se rehabilitará, segundo sexa o caso.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, no suposto de actuacións de rehabilitación.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, en galego e, no suposto da modalidade A, tamén en castelán, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo ou edificio, de ser o caso, que habilite a execución da promoción.

– Número de vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugueiro ou cesión en uso, con indicación do número de vivendas para as cales se solicita a axuda.

– Descrición dos espazos comúns e de interrelación, de ser o caso.

– Orzamento detallado da actuación para a cal se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación, conforme os prazos establecidos nestas bases.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

f) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

g) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG da correspondente resolución de convocatoria, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

h) Licenza municipal de obras ou solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

i) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable en que se acredite que a fundación ten presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, os cales serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Décimo terceiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, se é o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) Número de identificación fiscal (NIF) da persoa ou entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

e) Certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT) acreditativa de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias, correspondente á persoa solicitante.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, correspondente á persoa solicitante.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente á persoa solicitante.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

j) Remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, no caso de que a persoa solicitante sexa un concello.

k) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, que se consultará cando se acheguen os correspondentes contratos.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando as persoas arrendatarias ou cesionarias en uso da vivenda e as persoas das súas unidades de convivencia fagan constar no anexo IV que lles é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou, se é o caso, así como das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

d) Consulta das prestacións de desemprego percibidos pola persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia das áreas provinciais do IGVS onde estea situada a promoción.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

Décimo sétimo. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de concesión inicial ou de renovación de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido en cada convocatoria, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Décimo oitavo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude da axuda.

2. A resolución estimatoria da axuda indicará a súa contía, as anualidades, o importe máximo do alugueiro ou da cesión de uso, así como a forma de xustificación da subvención e o prazo en que deberán executarse as obras. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa beneficiaria acepte as condicións do programa, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

No suposto da modalidade A, a resolución estimatoria quedará tamén condicionada á subscrición dun acordo da Comisión de Seguimento para dar cumprimento ao establecido nos artigos 81 e seguintes do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, e ao convenio subscrito o 7 de xullo de 2022 entre o Ministerio e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025. Para tal fin, unha vez ditada a resolución, o IGVS remitirá a proposta de actuación ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, acompañada da memoria programa presentada xunto coa solicitude, para os efectos da sinatura do citado acordo.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo noveno. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución, así como, no suposto da modalidade A, os exixidos no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Vixésimo. Modificación da resolución

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a comunicar de inmediato, mesmo durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.

A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días, contados desde o momento no que se produza a dita modificación.

Vixésimo primeiro. Prazo de execución das obras

1. As obras deberán realizarse no prazo máximo de trinta e seis meses desde a data de notificación da concesión da axuda. Non obstante, o citado prazo estenderse a trinta e oito meses cando se trate de promocións de máis de cincuenta aloxamentos ou vivendas.

Cando se trate de actuacións de rehabilitación, os prazos serán de trinta meses e trinta e dous meses, respectivamente.

2. Nos supostos en que a concesión da licenza municipal, ou a autorización administrativa de que se trate, se demore e non sexa concedida no prazo de doce meses desde a súa solicitude, os prazos sinalados no punto anterior poderán incrementarse polo tempo da demora e, como máximo ata doce meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias da correspondente resolución de convocatoria o permitan.

3. Os prazos sinalados neste ordinal poderán prorrogarse, por petición da persoa solicitante, por folgas que afecten o desenvolvemento das actuacións, razóns climatolóxicas que alteren calendarios de execución de obras ou calquera outra causa de forza maior debidamente acreditada, e polo tempo de atraso imputable ás ditas causas e sempre con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias da correspondente resolución de convocatoria.

A solicitude das prórrogas presentaranse a través do anexo II, acompañado da documentación acreditativa da circunstancia que motiva a solicitude.

4. No suposto de promoción de vivendas protexidas, os prazos serán os previstos pola normativa reguladora destas vivendas.

Vixésimo segundo. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán comunicar ao IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión ou na prórroga, de ser o caso.

2. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa beneficiaria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

3. No caso de que non se teña presentado a xustificación da anualidade no prazo correspondente nin tampouco se teña concedido unha prórroga ou un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que será notificado á persoa beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda emitirá un certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nestas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

Vixésimo terceiro. Prazo e presentación da documentación xustificativa

1. A comunicación do remate final ou parcial das obras deberá realizarse mediante a presentación do anexo III, nun prazo máximo de quince días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, final ou parcial, das obras obxecto de subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Licenza municipal de obras, no suposto de que non se achegase con anterioridade.

b) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

c) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

d) Memoria explicativa das obras realizadas, asinada, se fose o caso, por persoa técnica competente.

e) Fotografías que mostren as obras realizadas.

f) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) De ser o caso, documento acreditativo da constitución das garantías previstas no ordinal seguinte no caso de pagamentos á conta.

3. A comunicación do remate das obras, ademais da documentación sinalada no punto 2, deberá vir acompañada da seguinte documentación, no suposto de non tela achegado con anterioridade:

a) Certificado de fin de obra, en que se faga constar que as actuacións se realizaron conforme os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

b) Primeira ocupación do edificio, de ser o caso.

c) Certificado de eficiencia enerxética de edificio rematado, debidamente inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia, en que conste a cualificación de consumo enerxético mínima da letra A.

d) Copia da escritura de división horizontal da edificación.

e) Nota marxinal da inscrición no Rexistro da Propiedade do destino das vivendas a arrendamento ou cesión en uso durante un prazo mínimo de vinte anos, no caso da modalidade A, ou de quince anos, no caso da modalidade B.

f) Contratos de alugueiro ou cesión en uso, segundo proceda.

g) Anexo IV, de comprobación de datos das persoas arrendatarias ou cesionarias das vivendas e das persoas integrantes das súas unidades de convivencia. Deberán achegar, para estes efectos, tantos anexos IV como contratos de alugueiro ou cesión en uso se presenten na correspondente área provincial para a comprobación do cumprimento dos requisitos ou o seu visado, no suposto de vivendas protexidas.

Vixésimo cuarto. Pagamento da subvención. Pagamentos a conta

1. O pagamento, total ou parcial da subvención, requirirá que a persoa beneficiaria presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase ás persoas beneficiarias mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos na solicitude.

2. De conformidade co artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, que non poderá exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a constituír garantías, de acordo co artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que deberán cubrir o 110 % das cantidades que serán aboadas á conta. As ditas garantías serán constituídas na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito, que deberá alcanzar ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto na convocatoria. Quedan exentos da constitución de garantías as persoas beneficiarias que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Sen prexuízo dos pagamentos a conta, non se poderá pagar á persoa beneficiaria o último 20 % da axuda ata que as vivendas resultantes estean rematadas, un mínimo do 20 % estean ocupados/as en réxime de alugueiro ou cesión en uso e se producise a anotación rexistral da nota marxinal referida ao destino das vivendas, tendo como data límite para xustificar o cumprimento dos ditos requisitos o 30 de decembro da derradeira anualidade da convocatoria.

Vixésimo quinto. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ademais das recollidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

a) Executar a totalidade das actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento en que se identifiquen as persoas beneficiarias.

c) Destinar as vivendas a alugueiro ou cesión en uso durante un prazo mínimo de vinte anos, contado desde a primeira ocupación, no caso da modalidade A, e polo tempo previsto na cualificación das vivendas, no suposto de que se trate de vivendas protexidas, xa sexan da modalidade A ou B.

d) Alugar ou ceder en uso as vivendas a persoas cuxos ingresos, incluídos os das persoas que integran as súas unidades de convivencia, non superen o límite establecido nesta resolución ou, no caso de que se trate de vivendas protexidas, conforme o procedemento previsto para a súa adxudicación.

e) Alugar ou ceder en uso as vivendas sen exceder o prezo máximo fixado na resolución de concesión da subvención.

f) Presentar na correspondente área provincial do IGVS, para a comprobación do cumprimento dos requisitos, a totalidade dos contratos de alugueiro ou de cesión en uso das vivendas da modalidade A, as súas prórrogas e renovacións, mentres dure o prazo de destino ao alugueiro ou á cesión de uso, xunto co anexo IV.

No suposto de que se trate de vivendas protexidas, tanto da modalidade A como da B, os contratos, prórrogas e renovacións deberán ser presentados, para o seu visado, na correspondente área provincial do IGVS, nos prazos previstos na normativa reguladora das vivendas protexidas.

g) Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan 2022-2025, polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana e a Xunta de Galicia, a través do IGVS, no caso da modalidade A e unicamente da Xunta de Galicia, a través do IGVS, no caso da modalidade B.

h) Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

i) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.

j) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

k) Cumprir as demais obrigas que se derivan das bases reguladoras e da resolución de convocatoria.

2. As persoas beneficiarias destas axudas non poderán concertar, en ningún caso, a execución total ou parcial das actuacións con persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no número sétimo do artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sexto. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención.

c) A non cualificación das vivendas protexidas, no suposto de que se constrúan en solo destinado a vivendas protexidas e, en todo caso, no caso de ter obtido as axudas da modalidade B.

d) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo sétimo. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas subvencións serán compatibles con calquera outra subvención ou axuda concedida para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas.

2. Estas axudas non son compatibles coas subvenciones que, para outros programas, existan no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, nin coas do programa de axuda á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, para promotores públicos e privados distintos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou entidade pública ou privada, supere o custo da actividade subvencionada.

Vixésimo oitavo. Transmisión da edificación

1. A transmisión da edificación que se tivese beneficiado das axudas deste programa só se poderá realizar unha vez finalizadas as obras.

2. A transmisión da edificación levará consigo, de forma automática para o adquirente, a asunción das obrigas correspondentes a este programa de axuda, e o título da transmisión deberá recoller de forma expresa a asunción por este das ditas obrigas.

3. O título da transmisión haberá de recoller tamén de forma expresa as consecuencias derivadas do incumprimento das ditas obrigas, incluíndo a devolución das subvencións recibidas por razón da edificación calquera que fose o perceptor, así como, de ser o caso, xuros, recargas e multas ou sancións que procedan.

Vixésimo noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas, interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para este procedemento administrativo tramitado polo IGVS. En todo caso, o IGVS poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Trixésimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Trixésimo primeiro. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Trixésimo segundo. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

III. Convocatoria

Trixésimo terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024. Non obstante o anterior, se antes da finalización do dito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Trixésimo cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 14.760.000 euros, distribuídos entre as dúas modalidades, da seguinte forma:

a) Para a modalidade A, correspóndelle un importe de 7.560.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.770.1, que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2024: 1.000.000 de euros.

2025: 3.100.000 euros.

2026: 2.500.000 euros.

2027: 960.000 euros.

b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 7.200.000 euros, con cargo á aplicación 06.81.451B.770.2. que se distribuirán nas seguintes anualidades:

2024: 1.000.000 de euros.

2025: 3.100.000 euros.

2026: 2.500.000 euros.

2027: 600.000 euros.

2. O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares.

– Na modalidade B, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo quinto. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse das axudas recollidas nesta convocatoria as entidades privadas, salvo as que non teñan ánimo de lucro. Así mesmo, poderán beneficiarse as empresas promotoras de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

IV. Eficacia

Trixésimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá eficacia a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file