DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38126

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de xuño de 2024 pola que se modifica a Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio.

Mediante a Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 30 de decembro de 1993 (DOG do 18 de xaneiro de 1994) recoñeceuse, con base na normativa española daquel momento, a denominación específica Ternera Gallega e nomeouse o seu consello regulador provisional. Logo, mediante a Orde do 3 de novembro de 1994 da mesma consellería, aprobouse o seu primeiro regulamento (DOG do 21 de novembro).

Posteriormente, unha vez que se fixo unha regulación a nivel europeo sobre as denominacións de orixe protexidas (DOP) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP), Ternera Gallega inscribiuse no Rexistro europeo das DOP e IXP alimentarias mediante o Regulamento (CE) nº 2400/96 da Comisión, do 17 de decembro de 1996 (DOCE do 18 de decembro), de xeito que foi unha das primeiras indicacións xeográficas inscritas no dito rexistro.

Nos anos posteriores, a IXP Ternera Gallega tivo unha evolución moi positiva, ata converterse no referente estatal no que a carnes de vacún de calidade se refire, de xeito que o produto certificado acadou no ano 2022 un valor no mercado próximo aos 140 millóns de euros, o que representa máis do 58 % do valor das carnes de vacún con indicación xeográfica de España.

O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, no seu papel de liderado do sector da carne de vacún en Galicia, promoveu nos últimos anos a inscrición dunha nova indicación xeográfica protexida que servise para dar valor á carne procedente do vacún maior, vacas e bois, xa que a certificación baixo a denominación Ternera Gallega non é aplicable á carne destes animais.

A tramitación da inscrición desta nova indicación xeográfica iniciouse propoñendo como nome Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e con esa denominación remitiuse o expediente inicial á Comisión Europea. Por outra parte, de acordo coa normativa comunitaria sobre denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario, unha vez rematados os trámites no Estado membro e recibido o expediente de rexistro pola Comisión Europea, as autoridades nacionais poden dar unha protección transitoria á denominación no mercado dese Estado membro mentres non se completa a tramitación a nivel da Unión para acadar unha protección en todo o territorio desta. Con base nisto aprobouse a Orde da Consellería do Medio Rural do 19 de xuño de 2017, pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia, orde que se publicou no DOG do 30 de junio e no BOE do 1 de xullo.

A xestión desta nova indicación xeográfica protexida encargóuselle á entidade promotora, o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, para o que se aprobou a Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu Consello regulador común e se nomea o Consello regulador provisorio, que se publicou no mesmo DOG do 30 de xuño 2017 no que se publicara a orde coa citada protección nacional transitoria. Este novo regulamento cambiou a designación do consello regulador, que mudou o nome a Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, entidade que pasou a xestionar as dúas indicacións xeográficas protexidas.

Porén, no proceso de tramitación ante a Comisión Europea do rexistro da nova indicación xeográfica, houbo dificultades técnicas para que a denominación a inscribir fose Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia, polo que durante este proceso de tramitación houbo que cambiar esa denominación e substituíla por Vaca Gallega-Buey Gallego. Coherentemente con isto, houbo que modificar tamén a orde pola que se daba a protección nacional transitoria para que esta protección transitoria fose para esta última denominación, o que se fixo mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 5 de xuño de 2018 (DOG do 12 de xuño de 2018 e BOE do 9 de xullo). Finalmente, a indicación xeográfica protexida Vaca Gallega-Buey Gallego inscribiuse no Rexistro europeo mediante o Regulamento de execución (UE) nº 2022/1861 da Comisión, do 29 de setembro de 2022 (DOUE do 6 de outubro).

A citada Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o regulamento destas dúas indicacións xeográficas e do seu Consello regulador común, que ten multitude de referencias á denominación Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia, nunca foi modificada para corrixir esta incoherencia, sendo este un dos obxectivos desta disposición.

Por outra parte, a nova denominación coa que o consello regulador vén operando no mercado non ten arraigado entre a cidadanía. As persoas consumidoras e as entidades operadoras no mercado seguen a identificar o consello regulador coa indicación xeográfica principal, Ternera Gallega, que na denominación actual deste organismo non está presente. Por iso, o pleno do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, na súa sesión do día 28.9.2023, acordou solicitar a modificación do dito regulamento para que a denominación do Consello regulador pasase a ser «Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego». Esta modificación é o outro obxectivo desta orde.

Segundo o anterior, logo da proposta do Consello regulador e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio

Un. O título, a parte expositiva e o artigo 1 da Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio, quedan modificados no sentido de substituír as expresións «Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia» e «Vaca e Boi de Galicia por Vaca Gallega-Buey Gallego».

Dous. No anexo da Orde do 23 de xuño de 2017, que contén o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu consello regulador común, Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, modifícanse: o título do dito anexo, o título do seu capítulo III, o título do seu anexo no que figuran os logotipos das dúas indicacións xeográficas e os artigos 1; 2.1 e 4; 3; 4; 24; 25; 26.5; 29.6; 31; 34.3; 35.2; 36.2; 37.2; 38.2 e 4; 39.1; 40; 41.3; 42; 43.1; 46; 47.1; 48.1 e 2; 49.1; 50.1, 4 e 9; 51.2 e 4; 52.1 e 2; 54.1; 55.1; 59.4 e 5; 60.1; 61.2; 62.1, 5 e 6; 63.1 e 4; 64.1; 65.2; 66; 68; 69 e 80; no sentido de substituír a expresión «Vaca e Boi de Galicia» por «Vaca Gallega-Buey Gallego».

Tres. Modifícase o anexo ao Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu consello regulador común para substituír o logotipo desta última indicación xeográfica protexida polo que figura como anexo desta orde, mantendo a vixencia do outro logotipo, referido á indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Catro. A parte expositiva e os artigos 1 e 2 da Orde do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio, modifícanse no sentido de substituír a expresión «Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia» por «Consello regulador das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego».

Cinco. Modifícase o anexo da Orde do 23 de xuño de 2017, que contén o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu Consello regulador común, Consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, de xeito que tanto no seu título como nos artigos 3; 21; 40; 43.1 e 3; 45.1, 3.b) e 7; 46; 48.1.c); 50.1; 53.1; 59.1; 62.5; 63.2; 65.1; 66; 69.1 e 5; 71.1; 76.1; 77; 78.2; 79.1 e 2, substitúese a expresión «Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia» por «Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Gallega-Buey Gallego».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Logotipo da indicación xeográfica protexida Vaca Gallega-Buey Gallego

missing image file