DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38124

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 18 de xuño de 2024 pola que se modifica a Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

O 6 de xuño publicouse, no Diario Oficial de Galicia, a Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

Co obxectivo de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, realizouse a convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva dirixidas a escolas de música de titularidade dos concellos e ás dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro.

Dada a posibilidade de incrementar o orzamento destinado ás citadas subvencións, o incremento das axudas permitirá un maior financiamento das escolas de música posibilitando a cobertura dun maior número de persoas usuarias.

Para poder tramitar un incremento do orzamento previsto na convocatoria realizada pola Orde do 29 de maio, resulta precisa a súa modificación ao abeiro do disposto no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Así mesmo, tamén procede a corrección de erros do punto 1 do artigo 1, no cal se indica que a convocatoria se realiza en réxime de concorrencia competitiva, aínda que nela non se establece unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas, sendo adxudicadas as contías correspondentes a cada centro en función do número de alumnas/os de cada un deles, polo que o procedemento de concesión establecido é o de concorrencia non competitiva, segundo se dispón no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Modificar a Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D), como segue:

Un. Suprímese «en réxime de concorrencia competitiva» do artigo 1.1, corrixindo o erro relativo á indicación do procedemento de concesión das subvencións da presente convocatoria.

Dous. Engádese o punto 3 ao artigo 3, coa seguinte redacción:

«3. O importe total máximo poderá ser ampliado ao abeiro do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional