DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37558

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se adapta a inscrición que debe constar en todas as medidas de información e comunicación que se realicen ao abeiro da Orde do 15 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2024 (código de procedemento IF318A).

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 15 de novembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2024 (DOG núm. 228, do 30 de novembro) vén dar continuidade a unha liña de subvencións orientada a mellorar as capacidades profesionais e as habilidades técnicas do persoal que opera neste sector.

Trátase dunha liña de axudas que posibilita o desenvolvemento na nosa comunidade duns completos programas de formación, deseñados polas asociacións profesionais integradas no Comité Galego de Transporte por Estrada, o que se traduce nun sector máis preparado e, polo tanto, máis competitivo.

Ao abeiro da dita orde, mediante a Resolución da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 19 de febreiro de 2024, pola que se conceden as axudas solicitadas ao abeiro da Orde do 15 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2024 (DOG núm. 41, do 27 de febreiro), outorgáronse as subvencións ás entidades que figuran no seu anexo e polos importes nel indicados para executar o plan formativo de acordo coas condicións e para a relación de cursos subvencionables que foron comunicados polas ditas entidades.

A dita resolución reflicte que as entidades beneficiarias asumen as obrigas establecidas con carácter xeral nas bases reguladoras e na normativa de subvencións e, especificamente, as previstas no artigo 18 das bases.

Así, entre as obrigas que establece o artigo 18 da Orde do 15 de novembro de 2023 está a de facer constar na publicidade, así como na difusión e publicación de calquera material ou documento relacionado coa execución da formación que se destine ao público en xeral ou ás persoas participantes a inscrición: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia».

A inscrición debe constar en todas as medidas de información e comunicación que se realicen, así como en calquera documento relacionado coa execución da formación (carteis, manuais, contidos formativos, diapositivas,...). Tamén deberán incorporar o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo co publicado na web institucional da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion).

Así mesmo, a disposición derradeira primeira da Orde do 15 de novembro de 2023 faculta a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a súa correcta execución.

Por outra banda, o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), que establece a nova estrutura orgánica superior das consellerías, recolle a Dirección Xeral de Mobilidade como órgano de dirección dentro da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Xa que logo, cómpre adaptar a referida obriga a que fai referencia o artigo 18.2 da Orde do 15 de novembro de 2023 relativa á publicidade, difusión e comunicación, á nova estrutura dos órganos competentes no outorgamento das axudas, de xeito que a inscrición que debe constar na publicidade, na difusión e publicación de calquera material ou documento relacionado coa execución da formación que se destine ao público en xeral ou ás persoas participantes debe ser: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia».

A inscrición debe constar en todas as medidas de información e comunicación que se realicen, así como en calquera documento relacionado coa execución da formación (carteis, manuais, contidos formativos, diapositivas,...). Tamén deberán incorporar o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo co publicado na web institucional da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion).

Sen prexuízo do anterior, de xeito coherente co que establece a disposición transitoria quinta do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, as entidades beneficiarias poderán seguir empregando o material, impreso con antelación á comunicación desta resolución, do que dispoñan.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Adaptar a obriga de información sobre as axudas a que fai referencia o artigo 18.2 da Orde do 15 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2024 (DOG núm. 228, do 30 de novembro), que queda redactada nos seguintes termos: As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a facer constar na publicidade, así como na difusión e publicación de calquera material ou documento relacionado coa execución da formación que se destine ao público en xeral ou ás persoas participantes a inscrición: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

A inscrición debe constar en todas as medidas de información e comunicación que se realicen, así como en calquera documento relacionado coa execución da formación (carteis, manuais, contidos formativos, diapositivas,...). Tamén deberán incorporar o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo co publicado na web institucional da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion).

Sen prexuízo do anterior, as entidades beneficiarias poderán seguir empregando o material, impreso con antelación á comunicación desta resolución, do que dispoñan.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

Judit Fontela Baró
Directora xeral de Mobilidade