DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de maio de 2024 polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2013/113-4).

En cumprimento do disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de maio de 2024 polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2013/113-4), que se recolle como anexo I desta resolución.

Contra o dito Acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO I

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de maio de 2024
polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción
e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade
con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións de transporte
secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría
e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos
municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove
Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2013/113-4)

Feitos:

1. O 24.4.2013, Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE ou promotor) presentou ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) a solicitude de autorización administrativa previa, de aprobación do proxecto de execución (actualmente, autorización administrativa de construción) e de declaración de utilidade pública, en concreto, para as instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2013/113-4.

Estas instalacións forman parte dun proxecto global correspondente á interconexión norte con Portugal, promovido por REE, e que está conformado polas seguintes instalacións de transporte de enerxía eléctrica (8), segundo a competencia administrativa para a súa autorización:

• Instalacións de transporte primario, de competencia estatal (5):

– Parque de 400 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 400 kV D/C Fontefría-fronteira portuguesa.

– Subestación de transporte de Beariz 400 kV.

– LAT 400 kV Beariz-Fontefría.

– LAT 400 kV E/S en Beariz da LAT 400 kV Cartelle-Mesón do Vento.

• Instalacións de transporte secundario, de competencia autonómica (3):

– Parque de 220 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 220 kV Pazos-Fontefría.

– LAT 220 kV E/S en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído.

A dita solicitude acompañouse da preceptiva documentación técnica: proxecto de execución, separatas técnicas para as entidades afectadas, relación de bens e dereitos afectados (en diante, RBDA) e o estudo de impacto ambiental conxunto (EIA) para o conxunto de instalacións que conforman o proxecto global da interconexión Norte con Portugal.

Segundo consta no proxecto de execución presentado titulado proxecto de execución das liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV (illadas a 400 kV) Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da L/Pazos-Suído, asinado o 18.2.2013 polo enxeñeiro industrial Ángel Gallego de Monte, colexiado núm. 5.302 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid –COIIM–, e visado por este colexio con núm. 201300513 e data 20.2.2013), proxéctase a instalación das seguintes liñas eléctricas aéreas a 220 kV (cunha lonxitude total de 1,87 km):

• LAT 220 kV Pazos-Fontefría, en dobre circuíto dúplex:

– Tramo I (proxectado): discorre polo termo municipal de Covelo, con orixe na subestación Fontefría e final no apoio núm. 42 das LAT Cartelle-Pazos e Suído-Pazos, e cunha lonxitude de 0,761 km.

– Tramo II (existente): aproveitarase o tramo das LAT Cartelle-Pazos e Suído-Pazos comprendido entre os seus apoios compartidos núm. 42 e 94.

– Tramo III (un circuíto existente e outro proxectado): para un circuíto, aproveitarase o tramo da LAT Cartelle-Pazos comprendido entre o seu apoio núm. 94 e a subestación Pazos, e, para o segundo circuíto, proxéctase un novo tramo que discorre polo termo municipal de Pazos de Borbén, con orixe no citado apoio núm. 94 e final na subestación Pazos, cun apoio intermedio núm. 95, e cunha lonxitude de 0,075 km.

• Entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, en dobre circuíto dúplex:

– Tramo único: discorre polo termo municipal de Covelo, con orixe no apoio núm. 40 das LAT Cartelle-Pazos e Suído-Pazos e final na subestación Fontefría, e cunha lonxitude de 1,034 km.

2. O 10.6.2013, a xefatura territorial solicitou informe á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo (en diante, DXPEM estatal) con respecto da referida instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica (LAT 220 kV Pazos-Fontefría e entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído), en cumprimento do exixido no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (actualmente, artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico), e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. A este respecto, a DXPEM estatal remitiulle á xefatura territorial, O 25.9.2013, os dous informes seguintes:

• Informe sobre a LAT 220 kV Pazos-Fontefría, no que se conclúe o seguinte: «[...] consideramos que esta instalación atópase planificada. Cabe destacar que a instalación obxecto do presente informe é necesaria para a futura conexión con Portugal. Como consecuencia do anteriormente exposto, esta dirección xeral informa favorablemente para os efectos previstos no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, respecto á instalación anteriormente sinalada».

• Informe sobre a entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, no que se conclúe o seguinte: «[...] O programa anual aprobado mediante a Orde ITC/2906/2010, do 8 de novembro, inclúe a liña Suído-Cartelle 220 kV na subestación do Covelo 220 kV. Tendo en conta o cambio de denominación do Covelo por Fontefría e a topoloxía da rede, esta actuación sería asimilable á que nos ocupa. Porén, o proxecto de execución mostra que o tramo Suído (apoio 40, liña Cartelle-Pazos)-Fontefría está proxectado como dobre circuíto, feito que non aparece recollido nin na planificación dos sectores de electricidade e gas 2008-2016 nin en ningún dos programas anuais aprobados ata a data. Por iso, consideramos que esta actuación non se atopa planificada. Como consecuencia do anteriormente exposto, esta dirección xeral informa desfavorablemente para os efectos previstos no artigo 36.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, respecto da instalación anteriormente sinalada».

3. O 28.6.2013, a xefatura territorial ditou a seguinte resolución de información pública: «Resolución do 28 de xuño de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se somete a información pública a petición de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública das instalacións eléctricas parque 220 kV da nova subestación de transporte de Fontefría (expediente IN407A 2013/112-4) e liñas aéreas de transporte Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da LAT Pazos-Suído (expediente IN407A 2013/113-4) e o estudo de impacto ambiental conxunto para as citadas instalacións. Concellos afectados: Covelo e Pazos de Borbén».

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 137, do 19.7.2013), no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP núm. 149, do 6.8.2013) e no xornal Faro de Vigo (do 23.7.2013) e tamén estivo exposta (con acceso á documentación técnica) nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Covelo e Pazos de Borbén), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Así mesmo, a xefatura territorial efectuou as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, ás persoas que figuran como titulares de parcelas afectadas na RBDA publicada.

Durante o período de información pública presentáronse varios escritos de alegacións, a respecto das instalacións do expediente IN407A 2013/113-4, dos que se deu traslado a REE quen presentou a súa contestación aos ditos escritos. A continuación recóllense as persoas alegantes e un resumo das súas alegacións:

a) Concello de Covelo:

• Debería facerse unha avaliación ambiental conxunta cos parques eólicos existentes e proxectados para a zona.

• Informan sobre os hábitats e especies de interese comunitario afectados polo proxecto. Así mesmo, mostran a súa preocupación porque os terreos proxectados para a construción da subestación de Fontefría e as liñas de interconexión de entrada e saída de Fontefría á fronteira portuguesa son espazos declarados como áreas prioritarias para a avifauna.

• Consideran preocupante e dun alto grao de impacto ambiental a localización elixida para a construción da subestación no macizo de Fontefría, caracterizado polas súas turbeiras elevadas activas, e pola riqueza do seu patrimonio histórico neolítico (dolmens), xacementos arqueolóxicos romanos e castrexos.

• Consideran preocupante o impacto que o proxecto pode ter sobre a economía local, advertindo das afeccións económicas: afeccións indirectas, como por exemplo a perda de calidade da paisaxe polo impacto visual, que agravará o problema de despoboación na zona, e afeccións directas, como por exemplo a limitación a novas opcións de desenvolvemento económico como poden ser a restauración de vivendas no rural, turismo, rutas no medio rural, etc.

• A documentación achegada infravalora os recursos naturais, patrimoniais e paisaxísticos do seu concello en favor da execución dos proxectos de xeración e transporte de enerxía eléctrica. Trátase dun concello que apostou polo desenvolvemento sostible e, a concentración nel de máis parques eólicos, infravalorando os referidos recursos, resulta altamente prexudicial para os intereses dos seus veciños e do conxunto do municipio.

• A modo de resumo, indican que un repaso sobre os valores de conservación natural e patrimonial que atesoura por exemplo o macizo de Fontefría, desaconsellarían a execución na zona dunha explotación industrial enerxética, non obstante, e como probablemente, a execución e posta en explotación das instalacións industriais de tendidos e subestacións de transformación primará sobre a protección do seu patrimonio natural e cultural, solicitan como criterio de mínimos:

«a. Implementación dun procedemento de avaliación ambiental estratéxica para o conxunto das infraestruturas industriais de produción enerxética que afectan ao extremo sur da dorsal galega.

b. Seguimento exhaustivo en campo da localización dos postes e movemento de terras asociados ás liñas, por ser susceptible de afectar especies e hábitats de conservación prioritaria e non correctamente identificados no estudo de impacto baseado na identificación meramente cartográfica das comunidades vexetais.

c. Traslado da subestación proxectada no macizo de Fontefría a un polígono industrial (p. ex.: polígonos industriais de Arbo) ou, na súa falta, a unha ladeira do macizo de Fontefría, fóra do ámbito de protección de turbeiras e necrópole megalítica (campo de dolmens).

d. Protección estrita da turbeira de Pontepiñeiros mediante a reordenación da rede de pistas e cortafogos, dada a ampliación e sobredimensionamento de pistas que se van construír para a execución tanto do novo parque eólico como da subestación de Red Eléctrica.

e. Protección estrita da Necrópole Megalítica de Fontefría mediante o balizado e sinalización exhaustiva dos túmulos durante a fase de execución dos traballos. Posta en valor deste xacemento arqueolóxico como medida compensatoria dun proxecto tan agresivo.

f. Seguimento exhaustivo e implementación de medidas correctoras dos impactos dos novos tendidos na avifauna, nomeadamente tartaraña cincenta (Circus pygargus), aguia cobreira europea (Circaetus gallicus) e bufo real (Bubo bobo)».

b) Unión Fenosa Distribución, S.A. (actualmente, UFD Distribución Electricidad, S.A.): a respecto da parcela da RBDA núm. 1 no concello de Pazos de Borbén, para a que figuran como propietarios Gas Natural SDG, S.A. (mercantil do mesmo grupo que UFD) e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Nespereira, indica que o titular é esta comunidade de montes mentres que UFD posúe sobre unha parte desta parcela (65.000 m2, onde se localiza a SE de Pazos de Borbén) un dereito real de superficie.

c) Confederación Hidrográfica Miño-Sil: di que a parcela da RBDA núm. 3 correspóndese cunha parcela pola que discorre o regato Barranca de Moure, sendo polo tanto de dominio público, razón pola que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil non estaría afectada polo procedemento expropiatorio (recordan que desde ese organismo xa outorgaron a preceptiva autorización).

d) CMVMC de Godóns: di ser a titular dunha parcela que figura na RBDA a nome do Concello de Covelo (referencia catastral: 36013A03400249).

e) CMVMC de San Salvador de Prado: di ser a titular de dúas parcelas que figuran na RBDA con titular descoñecido (referencia catastral: 36013A10001769 e 36013A09901041).

4. A principios de xullo de 2013 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución das instalacións do expediente IN407A 2013/113-4, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas por el: Servizo de Patrimonio Cultural, Servizo de Urbanismo, Servizo de Montes, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Concello de Covelo e Concello de Pazos de Borbén.

Dos informes emitidos por estas entidades, cuxas conclusións se resumen a continuación, a xefatura territorial deu traslado a REE, quen presentou a súa conformidade con eles:

• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, emitido o 24.10.2013, de carácter favorable, pero exixindo a presentación por REE, para a súa autorización con carácter previo ao inicio das obras, dun proxecto de intervención arqueolóxica.

• Informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emitido o 6.8.2013, do que se desprende a necesidade de respectar os criterios orientativos fundamentais para a ordenación dos tendidos eléctricos recollidos na determinación 4.7.10 das Directrices de ordenación do territorio (Decreto 19/2011, do 10 de febreiro).

• Informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra, emitido o 7.7.2013, no que se relacionan os MVMC afectados (o informe recolle os MVMC afectados polas LAT Beariz-Fontefría e Fontefría-Portugal e pola SE Fontefría).

• Informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con rexistro de saída do 30.7.2013, recollendo o condicionado a ter en conta.

• Informe de AESA, emitido o 7.8.2013, no que informan da necesidade de comprobar que as ditas liñas eléctricas non sexan obstáculo á navegación aérea, requirindo, se é o caso, o seu acordo favorable; e Acordo de AESA, ditado o 5.9.2024, polo que se autorizan as instalacións proxectadas.

• Certificación da Secretaría-interventora do Concello de Covelo, emitida o 7.10.2013, do Acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local o 4.10.2013, recollendo o condicionado a ter en conta segundo o PXOM de Covelo.

• Informe do arquitecto técnico municipal do Concello de Pazos de Borbén, emitido o 26.7.2013, no que se recolle o condicionado a ter en conta.

Así mesmo, a respecto do EIA conxunto, a xefatura territorial solicitou informe ás seguintes entidades, dando traslado dos informes emitidos a REE, quen presentou as súas contestacións aos ditos informes:

• Concellos afectados da provincia de Pontevedra: A Cañiza, A Lama, As Neves, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela e Salvaterra de Miño.

• Concellos afectados da provincia de Ourense: Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Carballiño, O Irixo, Padrenda, Ribadavia e San Amaro.

• Entidades preceptivas: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Deputación Provincial de Ourense, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Subdirección Xeral de Medio Natural.

• Outras entidades afectadas: Puentengasa, S.L., parque eólico O Sobredo, S.L., parque eólico Chan do Eixo, S.L. e Alto da Telleira, S.L.

5. O 21.4.2014, a xefatura territorial, unha vez rematada a súa instrución, deu traslado do expediente IN407A 2013/113-4, así como da tramitación ambiental asociada ao EIA conxunto, á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos de solicitar a formulación da declaración de impacto ambiental (DIA autonómica) e posteriormente resolver os expedientes. A xefatura territorial incorporou ao dito expediente as seguintes certificacións/informes:

• Certificación do seu Servizo de Enerxía e Minas, do 16.4.2014, no que se indica o seguinte: «[...] non hai dereitos mineiros existentes (exclúense os dereitos mineiros caducados) que poidan resultar afectados polos proxectos [...] 2) Liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV (illadas a 400 kV) Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da liña Pazos-Suído».

• Informe dos seus servizos técnicos, do 28.6.2013, no que se informa de xeito favorable, no que atinxe aos requisitos técnicos e legais para a súa execución, o proxecto de execución da instalación eléctrica correspondente ao expediente IN407A 2013/113-4.

6. O 28.5.2014, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas deu traslado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (en diante, órgano ambiental autonómico) da documentación integrante da tramitación ambiental asociada ao EIA (interconexión norte con Portugal), para os efectos da formulación da DIA dos tres proxectos de instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, de competencia autonómica (expedientes IN407A 2013/112-4 e IN407A 2013/113-4).

O órgano ambiental autonómico emitiu, o 9.6.2014, informe ao respecto no que conclúe o seguinte: «[...] os proxectos referidos non se atopan comprendidos nos supostos do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. Polo tanto, considérase que non procede formular declaración de impacto ambiental sobre eles. Non obstante, tendo en conta que os citados proxectos forman parte do eixe interconexión España-Portugal norte, e que o resto de proxectos que forman parte do eixe están sendo sometidos a avaliación de impacto ambiental polo Estado, considérase que as medidas que se impoñan na futura declaración de impacto ambiental sexan tidas en conta, no que proceda, na execución dos proxectos de competencia autonómica».

7. O 26.4.2022, publicouse no Boletín Oficial del Estado (en diante, BOE) (núm. 99) a Resolución do 8 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (en diante, órgano ambiental estatal), pola que se formulou declaración de impacto ambiental do proxecto «interconexión norte con Portugal» (subestacións de Covelo e Beariz e liñas asociadas a 400 kV Fontefría-fronteira portuguesa).

Nesta DIA estatal recóllense unha serie de observacións que se deberán atender con carácter previo á aprobación dos proxectos de competencia estatal. Non obstante, con base no disposto no informe do órgano ambiental autonómico do 9.6.2014, estas observacións tamén son extensibles aos proxectos de competencia autonómica. En consecuencia, o 27.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN; actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas –DXPEM–) cursou o correspondente requirimento de documentación a REE, para que atendese as referidas observacións, que se detallan a continuación (con indicación da epígrafe da DIA en que veñen recollidas):

• D.4 Paisaxe: os proxectos deberán integrar as medidas indicadas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia no seu informe do 24.9.2013, as cales estaban reflectidas no estudo de impacto e integración paisaxística; a actualización ambiental datada en 2021 remitirase ao IET e solicitarase a emisión do informe de impacto e integración paisaxística, cuxas consideracións, de ser o caso, pasarán a formar parte do proxecto; deberase elaborar un proxecto de revexetación e de restauración das zonas afectadas polas obras e accesos que non sexan necesarios durante a explotación das instalacións proxectadas.

• D.6 Patrimonio cultural: trasladarase o estudo documental de afección ao patrimonio cultural existente no ámbito do proxecto, de novembro de 2021, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; cada unha das medidas establecidas no estudo de impacto ambiental, no resto de información facilitada polo promotor e neste punto, deberán estar definidas e orzamentadas nos proxectos ou nunha addenda a estes, previamente á súa aprobación.

• E.5 Xerais: o promotor remitirá á DXPERN o Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA) definitivo (deberá especificar o seu cronograma e o seu plan de financiamento).

REE contestou ao dito requirimento, o 22.11.2022, o 7.3.2023 e o 22.8.2023, achegando a documentación xustificativa do cumprimento das referidas observacións para os proxectos de competencia autonómica. Entre esta documentación, atópase unha addenda ao proxecto de execución das instalacións do expediente IN407A 2013/113-4 (coa definición e orzamentación das medidas establecidas no EIA).

8. En canto á concorrencia da utilidade pública das instalacións do expediente IN407A 2013/113-4 (LAT 220 kV Pazos-Fontefría e da entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído) coas utilidades públicas doutros aproveitamentos, indicar o seguinte:

• Dereitos mineiros:

– Segundo certificación do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 16.4.2014, non hai dereitos mineiros afectados.

– Segundo nova certificación deste servizo, emitida o 29.12.2022 por petición da DXPERN, segue sen haber dereitos mineiros afectados.

• Montes veciñais en man común (MVMC):

– Segundo informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra, do 7.7.2013, hai varios montes veciñais en man común (MVMC) afectados (o informe recolle os MVMC afectados polas LAT Beariz-Fontefría e Fontefría-Portugal e pola SE Fontefría).

– O 27.5.2022, a DXPERN cursou requirimento a REE para que presentase a solicitude de compatibilidade/prevalencia da utilidade pública das infraestruturas eléctricas sobre os MVMC afectados, para os efectos de cumprir cos trámites establecidos no artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– O 9.11.2022, REE contestou indicando a necesidade de realizar o devandito trámite coas comunidades dos MVMC que figuran como titulares de parcelas afectadas na RBDA (MVMC de Godóns e MVMC de Maceira no concello de Covelo; e MVMC de Nespereira no concello de Pazos de Borbén).

En consecuencia, polo que respecta aos MVMC afectados, a DXPERN realizou os trámites previstos no artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. A este respecto:

• O 15.11.2022, concedeulle audiencia aos MVMC afectados: Godóns, Maceira e Nespereira.

• O 21.12.2020, dos escritos dos MVMC que contestaron (Godóns e Maceira), deulle traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a estes o 20.6.2023.

• O 4.10.2023 solicitoulle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informe sobre a compatibilidade da infraestrutura eléctrica proxectada e os MVMC afectados.

• O 5.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu á DXPERN o informe do Servizo de Propiedade Forestal, do 21.12.2023, no que se informa favorablemente sobre a compatibilidade das instalacións eléctricas proxectadas e os MVMC afectados, sempre que se cumpra o condicionado imposto.

• O 14.2.2023 deulle traslado deste informe da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal ao promotor, quen presentou a súa conformidade con el o 6.3.2024.

9. O 22.8.2023, REE presentou ante a DXPERN a addenda ao proxecto de execución das liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV (illadas a 400 kV) Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da L/Pazos-Suído, asinada o 19.7.2023 pola enxeñeira técnica industrial María Belén García Santos (colexiada núm. 26.693 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid –COITIM–) e visado por este colexio con núm. 2308335/01 e data do 20.7.2023. Segundo o disposto nesta addenda:

• Modifícase a configuración da entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV, pasando a ser en simple circuíto dúplex, con orixe no apoio núm. 40 da LAT Suído-Pazos e final na subestación Fontefría, e cunha lonxitude de 1,034 km, co obxecto de adaptala á solución técnica prevista na planificación da rede de transporte.

• Incorpórase a definición e presupostación daquelas medidas que resultan de aplicación, de conformidade co exixido na epígrafe D.6 (Patrimonio Cultural) da DIA estatal.

• Xustifícase que a addenda non supón modificación substancial ao proxecto inicial, conforme o establecido, tanto no artigo 115 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, como na Instrución 2/2000, do 26 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre a tramitación administrativa de modificacións de instalacións eléctricas de alta tensión de transporte, distribución ou instalación de conexión de xeradores (DOG núm. 193, do 23 de setembro).

• En cumprimento do exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, declárase que o proxecto de execución cumpre con toda a normativa que lle é de aplicación.

10. O 29.8.2023, a DXPERN, en relación coa entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, solicitoulle novo informe á DXPEM estatal, quen emitiu informe o 14.9.2023, no que se conclúe o seguinte: «[...] as actuacións obxecto deste informe están recollidas no documento Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobado mediante Acordo do Consello de Ministros do 22 de marzo de 2022 (BOE do 19.4.2022). [...] esta dirección xeral informe favorablemente para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000 e no artigo 16.1.a) da Circular 5/2019, do 5 de decembro, respecto á instalación anteriormente sinalada».

11. O 19.4.2024, o promotor presentou a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio.

12. No expediente consta o informe emitido o 8.5.2024 polos servizos técnicos da DXPEM sobre a tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción e das declaracións da utilidade pública, en concreto, así como da compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído (expediente IN407A 2013/113-4).

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A Consellería de Economía e Industria é competente para facer esta proposta, conforme o establecido no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e o Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, no seu artigo 53, relativo á concorrencia de utilidade ou intereses públicos con MVMC, en cuxa epígrafe 3 dispón que nos casos previstos neste artigo a utilidade pública do proxecto e a eventual compatibilidade ou prevalencia serán declaradas polo Consello da Xunta de Galicia.

3. A LAT 220 kV Pazos-Fontefría e a entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído resultan vinculantes para REE por estar programadas nos seguintes documentos:

• Planificación dos sectores de electricidade e gas 2008-2016. Desenvolvemento das redes de transporte, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 30.5.2008, e redefinido mediante a Orde ITC/2906/2010, do 8 de novembro, pola que se aproba o programa anual de instalacións e actuacións de carácter excepcional das redes de transporte de enerxía eléctrica e gas natural.

• Planificación enerxética. Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2015-2020, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 16.10.2015 (BOE núm. 254, do 23 de outubro).

• Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 22.3.2022 (BOE núm. 93, do 19 de abril).

4. Á vista dos escritos de alegacións presentados, das contestacións de REE a estes e do resto de documentación que obra no expediente, cómpre indicar o seguinte:

• O órgano ambiental estatal formulou a declaración de impacto ambiental do proxecto interconexión norte con Portugal (no que está integrado a LAT 220 kV Pazos-Fontefría e a entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído) en que se establecen as condicións ambientais, incluídas as medidas preventivas, correctoras e compensatorias, que resultan da avaliación ambiental efectuada, nas que se debe desenvolver o proxecto, para asegurar a axeitada protección do ambiente e os recursos naturais. Neste documento fixáronse unha serie de medidas adicionais como resposta ás alegacións e informes recibidos no procedemento e á análise técnica realizado polo órgano ambiental, no que se analizaron os impactos significativos sobre os distintos elementos ambientais.

• As alegacións presentadas polo Concello de Covelo durante a información pública do expediente IN407A 2013/113-4, quen presentou tamén alegacións na información pública do procedemento de tramitación da DIA estatal, foron avaliadas neste documento.

• En canto á observación feita por UFD a respecto da parcela da RBDA núm. 1 do concello de Pazos de Borbén, cómpre indicar que o promotor tomou razón destas, recollendo na RBDA que a CMVMC de Nespereira posúe a titularidade da dita parcela e que Naturgy Energy Group, S.A. (sociedade do mesmo grupo que UFD) posúe un dereito real sobre esta.

• En canto á observación feita pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil respecto da parcela da RBDA núm. 3, cómpre indicar que o promotor tomou razón dela e que mantén a parcela na RBDA para os efectos do disposto nos puntos 2 e 3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

• Polo que respecta ás alegacións feitas polas comunidades de MVMC de Godóns e San Salvador de Prazo, reclamando a titularidade sobre tres parcelas identificadas coa súa referencia catastral, cómpre indicar que estas non forman parte da RBDA das instalacións de transporte de enerxía eléctrica obxecto do expediente IN407A 2013/113-4, senón que forman parte da RBDA do proxecto denominado Liña de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV Beariz-Fontefría, cuxa autorización é competencia do Estado.

5. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, recóllese a seguinte información contida na referida DIA:

• Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no medio ambiente: epígrafe C da DIA.

• Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: epígrafe D da DIA.

• Descrición das características do proxecto: epígrafe A da DIA.

• Medidas de seguimento e órgano encargado del: epígrafe E da DIA.

6. A respecto da concorrencia de utilidades públicas, entre as instalacións do expediente IN407A 203/113-4 e os MVMC afectados a que se fai referencia nos feitos, o 5.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu á DXPERN, como contestación á petición do informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos afectados (exixido no artigo 53.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro), o informe do Servizo de Propiedade Forestal, do 21.12.2023, no que se recolle, de xeito literal, o seguinte:

«[...]

As actuacións descritas no proxecto de execución consisten nunha nova ocupación destas superficies-37.011 m2 na CMVMC de Maceira, 57.571 m2 na CMVMC de Godóns e 1.024 m2 na CMVMC de Nespereira, o que condiciona a que se realice ante o Servizo de Montes un novo expediente de ocupación ou servidume.

[...]

Así, atendendo a todo o anteriormente exposto e revisada a documentación presentada do proxecto LAT 220 kV Pazos-Fontefría e entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, con base no cumprimento do artigo 53 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa, informo sobre a compatibilidade do aproveitamento afectado coa actuación proposta sen prexuízo doutros informes preceptivos, sempre que se cumpra o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cumprimento das distancias de plantación, así como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios de Galicia, sobre as distancias de protección previstas para manter as faixas.

De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para as instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove REE.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para as citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, integradas no proxecto de execución denominado proxecto de execución das liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV (illadas a 400 kV) Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da L/Pazos-Suído, asinado o 18.2.2013 polo enxeñeiro industrial Ángel Gallego de Monte (colexiado núm. 5.302 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), e visado por este colexio con núm. 201300513 e data do 20.2.2013, complementado coa addenda asinada o 19.7.2023 pola enxeñeira técnica industrial María Belén García Santos (colexiada núm. 26.693 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid) e visado por este colexio con núm. 2308335/01 e data do 20.7.2023.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, das citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Declarar a compatibilidade das citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica cos aproveitamentos forestais nos seguintes montes veciñais en man común (MVMC) da provincia de Pontevedra: MVMC de Godóns, MVMC de Maceira e MVMC de Nespereira.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución e na súa addenda, para as cales se outorga a autorización administrativa de construción.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento, deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial (anteriormente, xefatura territorial) poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. A empresa promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA estatal do proxecto interconexión norte con Portugal, formulada o 8.4.2022 polo órgano ambiental estatal, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

8. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida instalación eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

10. Como anexo a este acordo recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio, presentada polo promotor o 19.4.2024.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) polas instalacións de transporte secundario
de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída
en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra)

Par. prox.

Propietario

Referencia catastral

Pol.

Par.

Servidume voo
(m2)

Zona de seguridade
(m2)

Apoios

Sup. apoios e anel de terra (m2)

Sup. tala (m2)

Ocupación temporal (m2)

Acceso ao apoio

Servidume de paso (m2)

Natureza
do terreo

Concello de Covelo

1

CMVMC de Godóns

36013A08200007

82

7

47.551

10.020

T_40_Suído; T_41_Suído

298

86

5.103

T_39

7.262

Improdutivo

3

Confederación Hidrográfica del Miño-Sil

36013A08209003

82

9003

564

50

-

-

-

-

-

-

Hidrografía natural (río, regato)

4

CMVMC de Maceira

36013A08200006

82

6

9.937

3.372

T_40_Pazos; T_41_Pazos; T_42_Suído

534

514

4.681

T_40

3.204

Matogueira

6

CMVMC de Maceira

36013A08209005

82

9005

121

34

-

-

-

-

T_42

585

Vía de comunicación

7

CMVMC de Maceira

36013A08300420

83

420

18.484

5.063

T_42_Pazos

198

1.649

4.849

T_42

3.895

Improdutivo

7-2

Hros. de José Cortiñas Barco
María Argentina Benítez Sousa

36013A08300360

83

360

-

-

-

-

-

-

T_42

43

Matogueira

7-6

CMVMC de Maceira

36013A08309006

83

9006

-

-

-

-

-

-

T_42

333

Vía de comunicación

7-8

Hros. de Hortensia Alonso Gregores

36013A08300353

83

353

-

-

-

-

-

-

T_42

101

Piñeiral madeirable

7-13

CMVMC de Maceira

36013A08309007

83

9007

-

-

-

-

-

-

T_42

894

Vía de comunicación

Concello de Pazos de Borbén

1

Titular terreo: MVMC de Nespereira

Titular dereito real: Naturgy Energy Group, S.A.

36037A02101165

21

1165

388

636

-

-

313

3.214

-

-

Matogueira, pinos