DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 18 de xuño de 2024 Páx. 37458

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO da Resolución do 30 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de maio de 2024 polo que se outorga a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2013/113-4).

De conformidade co disposto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con NIF A85309219 e domicilio no Paseo Conde de los Gaitanes 177, 28109 Alcobendas (Madrid).

Segundo. Características do proxecto

As instalacións forman parte dun proxecto global correspondente á interconexión norte con Portugal, promovido por REE, e que está conformado polas seguintes instalacións de transporte de enerxía eléctrica (8), segundo a competencia administrativa para a súa autorización:

• Instalacións de transporte primario, de competencia estatal (5):

– Parque de 400 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 400 kV D/C Fontefría-fronteira portuguesa.

– Subestación de transporte de Beariz 400 kV.

– LAT 400 kV Beariz-Fontefría.

– LAT 400 kV E/S en Beariz da LAT 400 kV Cartelle-Mesón do Vento.

• Instalacións de transporte secundario, de competencia autonómica (3):

– Parque de 220 kV da subestación de transporte de Fontefría 400/220 kV.

– LAT 220 kV Pazos-Fontefría.

– LAT 220 kV E/S en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído.

Segundo consta no proxecto de execución e na súa addenda, proxéctase a instalación das seguintes liñas eléctricas aéreas a 220 kV (cunha lonxitude total de 1,87 km):

• LAT 220 kV Pazos-Fontefría, en dobre circuíto dúplex:

– Tramo I (proxectado): discorre polo termo municipal de Covelo, con orixe na subestación Fontefría e final no apoio núm. 42 das LAT Cartelle-Pazos e Suído-Pazos, e cunha lonxitude de 0,761 km.

– Tramo II (existente): aproveitarase o tramo das LAT Cartelle-Pazos e Suído-Pazos comprendido entre os seus apoios compartidos núm. 42 e 94.

– Tramo III (un circuíto existente e outro proxectado): para un circuíto, aproveitarase o tramo da LAT Cartelle-Pazos comprendido entre o seu apoio núm. 94 e a subestación Pazos, e, para o segundo circuíto, proxéctase un novo tramo que discorre polo termo municipal de Pazos de Borbén, con orixe no citado apoio núm. 94 e final na subestación Pazos, cun apoio intermedio núm. 95, e cunha lonxitude de 0,075 km.

• Entrada/saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, en simple circuíto dúplex:

– Tramo único: discorre polo termo municipal de Covelo, con orixe no apoio núm. 40 da LAT Suído-Pazos e final na subestación Fontefría, e cunha lonxitude de 1,034 km.

Terceiro. Consideracións ambientais

Durante a instrución dos expedientes correspondentes ás instalacións de competencia autonómica (IN407A 2013/112-4 para a subestación e IN407A 2013/113-4 para as liñas), a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), deu traslado do estudo de impacto ambiental (EIA), realizado para o conxunto de instalacións que conforman o proxecto global da interconexión norte con Portugal, ás seguintes entidades:

• Concellos afectados da provincia de Pontevedra: A Cañiza, A Lama, As Neves, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela e Salvaterra de Miño.

• Concellos afectados da provincia de Ourense: Arnoia, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Carballiño, O Irixo, Padrenda, Ribadavia e San Amaro.

• Entidades preceptivas: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Deputación Provincial de Ourense, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Subdirección Xeral de Medio Natural.

• Outras entidades afectadas: Puentengasa, S.L., parque eólico O Sobredo, S.L., parque eólico Chan do Eixo, S.L. e Alto da Telleira, S.L.

Unha vez rematada a instrución dos expedientes relativos ás instalacións de competencia autonómica, deuse traslado á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (en diante, órgano ambiental autonómico) da documentación integrante da tramitación ambiental asociada ao EIA (interconexión norte con Portugal), para os efectos da formulación da declaración de impacto ambiental (DIA autonómica) dos tres proxectos de instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, de competencia autonómica.

O órgano ambiental autonómico emitiu, o 9.6.2014, informe ao respecto no que conclúe o seguinte: «[...] os proxectos referidos non se atopan comprendidos nos supostos do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. Polo tanto, considérase que non procede formular declaración de impacto ambiental sobre eles. Non obstante, tendo en conta que os citados proxectos forman parte do eixo interconexión España-Portugal norte, e que o resto de proxectos que forman parte do eixo están sendo sometidos a avaliación de impacto ambiental polo Estado, considérase que as medidas que se impoñan na futura declaración de impacto ambiental sexan tidas en conta, no que proceda, na execución dos proxectos de competencia autonómica».

O 26.4.2022, publicouse no Boletín Oficial del Estado (en diante, BOE) (núm. 99) a Resolución do 8 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (en diante, órgano ambiental estatal), pola que se formulou declaración de impacto ambiental do proxecto «interconexión norte con Portugal» (subestacións de Covelo e Beariz e liñas asociadas a 400 kV Fontefría-fronteira portuguesa).

Nesta DIA estatal recóllense unha serie de observacións que se deberán atender con carácter previo á aprobación dos proxectos de competencia estatal Non obstante, con base no disposto no informe do órgano ambiental autonómico do 9.6.2014, estas observacións tamén son extensibles aos proxectos de competencia autonómica. En consecuencia, o 27.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN; actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas –DXPEM–) cursou o correspondente requirimento de documentación a REE, para que atendese as referidas observacións, que se detallan a continuación (con indicación da epígrafe da DIA en que veñen recollidas):

• D.4 Paisaxe: os proxectos deberán integrar as medidas indicadas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia no seu informe do 24.9.2013, as cales estaban reflectidas no estudo de impacto e integración paisaxística; a actualización ambiental datada en 2021 remitirase ao IET e solicitarase a emisión do informe de impacto e integración paisaxística, cuxas consideracións, de ser o caso, pasarán a formar parte do proxecto; deberase elaborar un proxecto de revexetación e de restauración das zonas afectadas polas obras e accesos que non sexan necesarios durante a explotación das instalacións proxectadas.

• D.6 Patrimonio cultural: trasladarase o estudo documental de afección ao patrimonio cultural existente no ámbito do proxecto, de novembro de 2021, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; cada unha das medidas establecidas no estudo de impacto ambiental, no resto de información facilitada polo promotor e neste punto, deberán estar definidas e orzamentadas nos proxectos ou nunha addenda a estes, previamente á súa aprobación.

• E.5 Xerais: o promotor remitirá á DXPERN o Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA) definitivo (deberá especificar o seu cronograma e o seu plan de financiamento).

REE contestou ao dito requirimento, o 22.11.2022, o 7.3.2023 e o 22.8.2023, achegando a documentación xustificativa do cumprimento das referidas observacións para os proxectos de competencia autonómica.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para as instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondentes á LAT 220 kV Pazos-Fontefría e á Entrada/Saída en Fontefría da LAT 220 kV Pazos-Suído, nos termos municipais de Covelo e Pazos de Borbén (Pontevedra), e que promove REE.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para as citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, integradas no proxecto de execución denominado Proxecto de execución das liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV (illadas a 400 kV) Pazos-Fontefría e entrada e saída en Fontefría da L/Pazos-Suído, asinado o 18.2.2013 polo enxeñeiro industrial Ángel Gallego de Monte (colexiado núm. 5.302 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), e visado por este colexio con núm. 201300513 e data do 20.2.2013, complementado coa addenda asinada o 19.7.2023 pola enxeñeira técnica industrial María Belén García Santos (colexiada núm. 26.693 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Madrid) e visado por este colexio con núm. 2308335/01 e data do 20.7.2023.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, das citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa

4. Declarar a compatibilidade das citadas instalacións de transporte secundario de enerxía eléctrica cos aproveitamentos forestais nos seguintes montes veciñais en man común (MVMC) da provincia de Pontevedra: MVMC de Godóns, MVMC de Maceira e MVMC de Nespereira.

Quinto. Condicións

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución e na súa addenda, para as cales se outorga a autorización administrativa de construción.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento, deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial (anteriormente, xefatura territorial) poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. A empresa promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA estatal do proxecto interconexión norte con Portugal, formulada o 8.4.2022 polo órgano ambiental estatal, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

8. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida instalación eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

10. Como anexo a este acordo recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio, presentada polo promotor o 19.4.2024.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas