DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36195

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2024 pola que se convoca concurso de méritos para a adscrición a un posto vacante nesta institución.

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, convócase concurso de méritos para a cobertura, mediante adscrición, dun posto vacante do corpo administrativo, grupo C, incluído na relación de postos de traballo do Valedor do Pobo que se detalla no anexo I, conforme as seguintes

Bases

1. Normas xerais.

A esta convocatoria seranlle de aplicación a Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, o Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobado pola Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia con data do 16 de xaneiro de 2018 e publicado pola Resolución do 22 de xaneiro, a Resolución do Valedor do Pobo, do 28 de novembro de 2023, pola que se aproban as bases xerais para as convocatorias para a adscrición, polo sistema de concurso de méritos, de persoal das administracións públicas, a postos de traballo vacantes na relación de postos de traballo da institución (BOPG nº 614, do 19 de decembro), e a súa normativa complementaria e supletoria.

O posto está dotado coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos da institución do ano en curso.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Xerais.

Para seren admitidas, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal funcionario de carreira de calquera Administración pública, pertencente ao corpo administrativo (grupo C1/C-12).

1 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

d) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera Administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso.

3. Valoración de méritos.

Os méritos alegados deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de cada convocatoria.

Os méritos serán valorados conforme os seguintes criterios:

3.1. Antigüidade e experiencia profesional por servizos prestados en administracións públicas ou órganos constitucionais ou estatutarios.

A antigüidade valorarase por anos de servizo. Diferenciarase a puntuación en función dos corpos ou escalas en que se prestou o servizo, atendendo ao seguinte baremo:

a) 0,40 puntos por ano completo de servizos prestados como persoal funcionario en corpos ou escalas do mesmo nivel de titulación ou superior que aquel en que se encontre clasificado o posto a que se opta.

b) 0,20 puntos por ano completo de servizos prestados como persoal funcionario en corpos ou escalas de inferior nivel de titulación que aquel en que se encontre clasificado o posto a que se opta.

Esta puntuación asignarase porcentualmente aos períodos inferiores a un (1) ano cunha duración mínima dun (1) mes.

A puntuación máxima por antigüidade será de 12 puntos.

3.2. Cursos de formación e perfeccionamento.

Serán valorados como mérito os cursos de formación impartidos ou recibidos cunha duración mínima de 8 horas e organizados ou promovidos polo Valedor do Pobo, polas escolas oficiais de formación do Estado, das comunidades autónomas, cursos organizados e/ou impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e os cursos organizados e/ou impartidos polas organizacións sindicais, sempre que estean homologados ou acreditados polos órganos de formación das administracións públicas, atendendo á seguinte distribución:

a) Cursos sobre réxime xurídico, actividade contable e actividade financeira das administracións públicas e órganos constitucionais e estatutarios, xestión e contratación administrativa, persoal, políticas públicas e procedementos comunitarios (UE), administración electrónica, informática, protección de datos, calidade administrativa, atención á cidadanía, arquivo, linguaxe administrativa, comunicación, organización do traballo, mellora de habilidades e coñecementos transversais: 0,01 puntos por cada hora de formación, ata un máximo de 2 puntos por curso.

Puntuación máxima nesta epígrafe: 4 puntos.

b) Cursos en materia de igualdade e violencia de xénero: 0,01 puntos por cada hora de formación, ata un máximo de 2 puntos por curso.

Puntuación máxima nesta epígrafe: 3 puntos.

c) Cursos en materia de transparencia, prevención de riscos laborais, seguridade e saúde laboral: 0,01 puntos por cada hora de formación, ata un máximo de 2 puntos por curso.

Puntuación máxima nesta epígrafe: 2 puntos.

d) Por estar en posesión de título de coñecementos dunha lingua estranxeira, acreditada segundo o Marco europeo común de referencia para as linguas (MERC): 0,5 puntos para a titulación máxima que se posúa en cada idioma.

Puntuación máxima nesta epígrafe: 1 punto.

Os cursos unicamente poderán ser valorados nunha epígrafe.

Para os efectos de puntuación nesta epígrafe, valoraranse as probas de avaliación de carácter libre organizadas por escolas oficiais de formación do Estado e das comunidades autónomas, ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos por elas.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares, módulos ou partes integrantes dun curso, materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica, cursos de doutoramento e cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

Non se valorarán cursos en que non figure o número de horas de duración, cursos sobre normativa que estea derrogada tres anos antes da data da publicación desta convocatoria, nin cursos sobre aplicacións ou sistemas informáticos que pola súa obsolescencia deixaron de ser utilizados nas administracións públicas ou nos órganos constitucionais e estatutarios.

A puntuación máxima por cursos de formación e perfeccionamento será de 10 puntos.

3.3. Grao persoal.

Polo nivel 10 de grao consolidado, recoñecido e formalizado: 1 punto. Por cada unidade de nivel que exceda 10: 0,15 puntos.

No suposto de que as persoas concursantes non teñan recoñecido ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10, outorgaráselles 0,5 puntos.

A puntuación máxima na epígrafe de grao persoal será de 4 puntos.

3.4. Grao de coñecemento do idioma galego.

Valorarase a formación especializada en idioma galego, coa seguinte cualificación:

a) Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 1,5 puntos.

b) Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

A puntuación máxima no grao de coñecemento do idioma galego será de 3 puntos.

3.5. Traballo desenvolvido.

Só se computará o traballo desenvolvido coa condición de funcionario/a nos distintos subgrupos.

A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo deste ou diferente nivel de destino como consecuencia de aplicar a seguinte fórmula:

Traballo desenvolvido = (T1×P1 + T2×P2 + ... + Tn×Pn)

Onde:

• T1 é o tempo total de traballo desenvolvido nun nivel de destino concreto (i) expresado en meses (teranse en conta meses de 30 días).

• P1 é a puntuación asignada ao nivel de destino (i) segundo o seguinte criterio:

– Polo nivel de destino 10: 0,001 puntos.

– Por cada unidade de nivel de destino que exceda 10: 0,001 puntos.

A puntuación máxima na epígrafe de traballo desenvolvido será de 2 puntos.

3.6. Exercicio de dereitos de conciliación.

Valorarase o exercicio dos dereitos de conciliación exercidos nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria deste concurso do seguinte xeito:

1. Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,20 puntos.

2. Permiso como proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, garda co fin de adopción, adopción ou acollemento dun fillo: 0,20 puntos.

3. Redución de xornada por exercicio de dereitos de conciliación: 0,02 puntos/mes.

4. Excedencia para coidado de fillos/as e familiares: 0,04 puntos/mes.

5. Ter a cargo menores de doce anos e persoas dependentes ou con discapacidade: 0,5 puntos.

6. Para acceder aos postos situados na localidade onde radique o posto de traballo do cónxuxe ou parella de feito, sempre que o solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade: 0,5 puntos.

7. Para acceder aos postos situados na localidade onde radique o centro de estudos ou escola infantil en que estean matriculados un ou máis fillos ou fillas menores de dezaseis anos, sempre que a persoa solicitante non teña destino definitivo nesa mesma localidade: 0,5 puntos.

A puntuación das alíneas 6 e 7 outorgarase con carácter alternativo e nunca acumulativo.

Para a valoración do exercicio de dereitos de conciliación, os meses computaranse por días naturais de 30 días e a puntuación máxima desta epígrafe será de 2 puntos.

3.7. Titulacións académicas.

a) Por ter unha titulación académica non universitaria superior ao título académico exixido para o ingreso no corpo de funcionarios a que pertenza o posto a que se opte: 0,25 puntos.

b) Por ter unha titulación académica universitaria superior ao título académico exixido para o ingreso no corpo de funcionarios a que pertenza o posto a que se opte: 0,5 puntos.

Non se valorarán títulos académicos imprescindibles para a consecución doutros de nivel superior que se aleguen como méritos, nin se valorarán os títulos académicos exixidos para o ingreso no corpo de funcionarios correspondente.

A puntuación máxima na epígrafe de titulacións académicas será de 1 punto.

4. Presentación de solicitudes.

4.1. Prazo de presentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Forma de presentación.

As solicitudes presentaranse exclusivamente mediante a cobertura do formulario de solicitude en formato electrónico que figura na páxina web da institución para esta convocatoria.

As persoas interesadas en participar no procedemento de provisión do posto convocado deberán acceder ao formulario electrónico de participación, cubrir todos os datos que aparecen nel e, posteriormente, validalos, confirmalos, imprimir o formulario e presentalo asinado no Rexistro da institución do Valedor do Pobo ou en calquera dos lugares que establece o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, seguindo as instrucións que lles proporcionará o sistema.

Non será admitida a concurso ningunha solicitude que sexa presentada por calquera outro medio que o indicado anteriormente. As solicitudes que sexan validadas no formulario electrónico da institución, e que non se presenten dentro de prazo, no Rexistro da institución ou nos lugares indicados na Lei 39/2015, serán excluídas do procedemento de provisión dos postos convocados.

Coa presentación da solicitude, as persoas participantes declaran, baixo a súa responsabilidade, que son certos todos os datos que fan constar.

Na solicitude faranse constar os datos persoais e os datos administrativos referentes á situación actual da persoa participante no concurso, e os méritos que posúa e que desexe que lle sexan valorados, consonte o establecido nas bases de cada convocatoria.

Na solicitude de participación deberá incorporar o seu enderezo de correo electrónico de contacto.

Unha vez transcorrido o prazo de presentación, as solicitudes formuladas serán vinculantes para os peticionarios.

Todos os méritos alegados deberán ser acreditados, no momento en que a persoa resulte adxudicataria da praza, mediante a presentación de certificacións ou títulos orixinais ou fotocopias compulsadas dos méritos alegados na solicitude. Non será necesaria a presentación dos méritos alegados e que xa se encontren en poder da institución, que serán certificados pola Vicesecretaría Xeral.

5. Comunicacións coas persoas solicitantes.

Na solicitude de participación deberá incorporar un enderezo de correo electrónico e un número de teléfono válidos de contacto.

Todas as comunicacións referidas ao procedemento de concurso, agás a presentación da documentación en orixinal ou copia compulsada que se lles requira ás persoas solicitantes, se realizarán exclusivamente a través do correo electrónico indicado na solicitude.

Para o suposto de que na documentación presentada existan defectos reparables, daráselle á persoa interesada un prazo de cinco días hábiles para corrixilos.

6. Listaxe de persoas admitidas e excluídas.

Expirado o prazo de presentación das solicitudes de participación no concurso, a valedora do Pobo ditará resolución que se publicará na páxina web da institución, na cal se declarará aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas.

As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

Transcorrido o dito prazo, a valedora do pobo ditará resolución en que aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Contra a dita resolución poderase interpor, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso potestativo de reposición, ante o Valedor do Pobo, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. Comisión de Avaliación de méritos.

Para a valoración do cumprimento dos requisitos e dos méritos achegados polas persoas solicitantes ao concurso, constituirase unha Comisión de Avaliación, nomeada pola valedora do pobo, coa seguinte composición:

• Presidencia: a persoa responsable da Vicesecretaría Xeral da institución.

• Vogal: unha persoa funcionaria que designará o persoal funcionario adscrito á institución, que conte, cando menos, co mesmo nivel de titulación exixido para o ingreso no corpo correspondente ao posto ofertado. Na súa falta, elixirase unha persoa funcionaria que cumpra con estes requisitos, elixida ao chou de entre o persoal que se presente para este efecto.

• Secretaría: o/a xefe/a da Sección de Apoio e Transparencia.

Así mesmo, nomearanse suplentes para o caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Os membros da Comisión de Avaliación publicaranse na web da institución no momento da convocatoria e estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Os membros da Comisión de Avaliación deberán absterse, ou poderán ser recusados polos aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público. Cando se produza esta situación e, consecuentemente, a vacante dun membro da Comisión de Valoración titular, o seu suplente cubrirá o dito posto, e o/a presidente/a designará un novo suplente. O/a presidente/a solicitará dos membros da Comisión declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas nos artigos citados ou nas previstas nestas bases.

A Comisión non se poderá constituír nin poderá actuar sen a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, e, en todo caso, será necesaria a presenza do/da presidente/a e do/da secretario/a.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes. Por cada sesión da Comisión levantarase a acta, coa sinatura do/da secretario/a e o visto e prace do/da presidente/a. Para o non disposto na convocatoria, o funcionamento da Comisión rexerase polo disposto na sección 3ª Órganos colexiados das distintas administracións públicas, do capítulo II da citada Lei 40/2015.

A Comisión de Avaliación terá facultades de interpretar e resolver as dúbidas que xurdan na interpretación e aplicación das bases da convocatoria e para determinar a actuación procedente nos casos non previstos. Así mesmo, poderá solicitar o asesoramento de expertos que colaboren na valoración dos méritos, os cales actuarán con voz pero sen voto.

8. Puntuación dos méritos achegados polas persoas solicitantes.

Os méritos serán puntuados por medios electrónicos, en función dos datos introducidos polas persoas solicitantes no formulario electrónico habilitado para este concurso na páxina web da institución. Unha vez enviada a solicitude, non se poderá engadir ou eliminar ningún dato.

A puntuación obtida como resultado da declaración realizada por cada unha das persoas participantes será publicada na páxina web da institución.

As persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para pór en coñecemento da institución calquera discordancia entre a puntuación obtida como consecuencia da súa declaración e a publicada na web da institución.

Rematado o citado prazo, e de se constatar algún erro, publicarase na páxina web do Valedor do Pobo a puntuación declarada polas persoas participantes, coas correccións que procedan.

9. Comprobación dos requisitos e méritos alegados.

Publicada a puntuación declarada polas persoas participantes, coas correccións que procedan, a Comisión de Avaliación requiriralle mediante correo electrónico a documentación acreditativa dos méritos alegados á persoa solicitante que obtivo a maior puntuación declarada.

O prazo para a súa presentación será de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da remisión pola Comisión do correo electrónico ao enderezo indicado pola persoa solicitante.

Todas as condicións e os méritos alegados deberán ser acreditados mediante a presentación de certificacións, títulos orixinais ou fotocopias compulsadas. Para o suposto de que na documentación presentada existan defectos reparables, daráselle á persoa interesada un prazo de cinco días hábiles para corrixilos.

Os datos reflectidos na solicitude electrónica de participación no procedemento serán os únicos que se terán en conta para a valoración. Calquera dato omitido non poderá ser invocado para os efectos de futuras reclamacións, nin se poderán considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

Os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso.

Recibida a documentación, a Comisión comprobará a documentación presentada e modificará, se procede, a puntuación declarada que lle corresponda de acordo coa convocatoria.

De corrixirse, minorándose a puntuación da persoa que presentou a documentación, solicitaráselle, se procede, a documentación á persoa que obtivo a maior puntuación de acordo coa puntuación corrixida, e así sucesivamente ata que a persoa que obtivo a maior puntuación teña acreditados documentalmente os méritos alegados.

10. Empate na puntuación.

En caso de empate nas puntuacións, outorgaráselle o posto á persoa que acredite maior experiencia en postos pertencentes á institución do Valedor do Pobo ou institucións similares.

De persistir o empate, acudirase para dirimilo á maior puntuación obtida nos méritos segundo a orde establecida nos diferentes puntos do artigo 3.

En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

11. Resolución provisional do concurso.

A Comisión de Avaliación, unha vez comprobada a acreditación documental da persoa con maior puntuación, remitiralle proposta de resolución provisional do concurso á valedora do pobo, na cal figurará a puntuación obtida, por orde decrecente, polas persoas das cales se comprobou a documentación acreditativa dos méritos alegados, e a puntuación declarada, por orde decrecente, polas persoas solicitantes ás cales non se lles solicitou a presentación de documentación acreditativa.

Á vista da proposta, a valedora do pobo ditará a resolución provisional do concurso que se publicará na páxina web da institución.

As persoas aspirantes disporán dun prazo de cinco hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para presentaren as alegacións ou documentación que xulguen que mellor convén ao seu dereito.

A Comisión de Avaliación resolverá as alegacións presentadas e modificará, de ser o caso, a puntuación que corresponda, e comunicarállelo mediante correo electrónico ás persoas alegantes.

12. Resolución definitiva do concurso.

Resoltas as alegacións, a Comisión de Avaliación elevará á valedora do pobo proposta de resolución definitiva do concurso a favor da persoa que obtivo a mellor puntuación para a praza convocada.

A valedora do pobo, vista a proposta formulada, ditará resolución definitiva en favor daquela persoa aspirante que obtivo a maior puntuación.

A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web da institución, e contra ela poderase interpor, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

13. Toma de posesión do posto adxudicado para a adscrición á institución.

O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se o posto de orixe radica na localidade de Santiago de Compostela ou en concellos xeograficamente limítrofes con este, ou de sete días se radica en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

O cómputo dos prazos de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, fosen concedidos ao/aos interesado/s. Nos supostos de baixa temporal ou transitoria, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta.

14. Recursos.

Contra a resolución pola que se resolve o concurso de méritos, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante o Valedor do Pobo, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

ANEXO

Nº orde

Unidade orgánica

Denominación

Nivel C.D.

C. específico (€/ano)

Grupo

Corpo

Tipo de posto

Forma provisión

Observacións

16

Servizos adtvos.

Administrativo/a AGPI

20

18.010,86 €

C3 (C-14)

Administrativo

N

C

Persoal funcionario (*)

Observacións

(*) Coñecementos de informática a nivel usuario

3 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

4 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.