DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36208

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2024 pola que se aproba a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, de varios postos de traballo desta institución.

Vista a proposta formulada polo xefe do Servizo de Administración e Persoal para a adscrición, polo sistema de libre designación, de varios postos na institución,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, dos postos que figuran a continuación, conforme as seguintes

Bases

Primeira. Apróbase a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, aos seguintes postos:

1. Subdirección Xeral da institución.

a) Grupo de titulación: A1 (A-12).

b) Nivel de complemento de destino: 30.

c) Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira ao grupo A (A1).

d) Titulación: licenciatura/grao en Dereito.

e) Funcións que se van desenvolver: as que se lle atribúen no Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 27 de maio de 2024 (Boletín Oficial do Parlamento de Galicia número 33, do 4 de xuño).

f) Centro directivo: Valedora do Pobo.

1 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. Xefatura de Área da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante (AGPI).

a) Grupo de titulación: B3 (A-24).

b) Nivel de complemento de destino: 26.

c) Administración: pertenza como persoal funcionario de carreira ao grupo B (A2), escala técnica de finanzas (ou escalas equivalentes).

d) Funcións que se van desenvolver: as que se lle atribúen no Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 27 de maio de 2024 (Boletín Oficial do Parlamento de Galicia número 33, do 4 de xuño).

Segunda. Poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario de carreira de calquera Administración pública pertencente ao grupo indicado do posto a que opta.

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral da Valedora do Pobo, rúa do Hórreo, 65, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución. As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, correspóndelle á valedora do pobo a resolución desta convocatoria.

3 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

4 Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Quinta. A resolución da convocatoria, coa adxudicación dos postos a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño, ou a súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou se non se presentase ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres (3) días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete (7) días se comporta cambio de residencia ou de vinte días (20) se comporta o reingreso ao servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte á súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor, potestativamente, recurso de reposición ante a valedora do pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

missing image file