DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36138

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

BDNS (Identif.): 767513.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que estean dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria e que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas bases.

4. Para os efectos das bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar, para estes efectos, a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

Segundo. Obxecto e réxime

1. O obxecto é a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en empresas turísticas.

2. Pódense diferenciar as seguintes tipoloxías de proxectos subvencionables:

A. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, co obxectivo de reducir a demanda enerxética en calefacción e climatización dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a mellora da eficiencia enerxética da súa envolvente térmica no seu conxunto ou nalgún dos elementos que a compoñen.

B. Mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, reguladas polo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).

B.1. Substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou parte do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía solar térmica para a produción de auga quente sanitaria, calefacción, refrixeración ou climatización de piscinas.

B.2. Substitución de enerxía convencional por enerxía xeotérmica, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico mediante o uso da enerxía xeotérmica para un ou varios dos seguintes usos: calefacción, climatización, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

B.3. Substitución de enerxía convencional por biomasa nas instalacións térmicas, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso de biomasa como combustible para calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas.

B.4. Mellora da eficiencia enerxética dos sistemas de xeración non incluídos nas anteriores, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía das instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación, produción de auga quente sanitaria ou climatización de piscinas de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante actuacións no sistema de xeración térmica non incluídas nos apartados B.1 a B.3.

C. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade de orixe renovable, incluídas as instalacións de almacenamento de enerxía.

D. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.

E. Renovación de electrodomésticos, co obxectivo de reducir o consumo eléctrico debido aos electrodomésticos e armarios de conservación profesionais utilizados nos inmobles de uso turístico.

F. Sistemas de automatización e control, co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a instalación e xestión dun sistema de automatización e control global das instalacións consumidoras e/ou produtoras de enerxía, así como outras actuacións nos equipamentos dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e emisión.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 30 de abril de 2025. Non serán subvencionables proxectos xa iniciados na data de presentación da solicitude de axuda.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).

Cuarto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 10.148.812,62 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.3, proxecto 2022 00004, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025.

2. As subvencións financiaranse co seguinte detalle:

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

7.000.000,00 €

3.148.812,62 €

10.148.812,62 €

3. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento I4. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia