DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35811

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 5 de xuño de 2024 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nos departamentos territoriais.

O Decreto 138/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Ao dito departamento correspóndenlle as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; a coordinación do sistema universitario; o fomento e vertebración das políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e o impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación e da coordinación de estratexias e programas de I+D+i para a transferencia do coñecemento; as competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia, e o Decreto 214/2003, do 20 de marzo, polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Formación Profesional.

Dado que a acción da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional leva consigo una concentración de funcións na súa persoa titular, é aconsellable, polo seu volume, acudir á delegación de competencias, coa finalidade de garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos implicados e procurar un funcionamento áxil e rápido dos distintos órganos, que redunde en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas como a tutela dos intereses públicos, de acordo cos principios informadores da actividade administrativa, e que a Constitución recolle no artigo 103.1.

Pola súa vez, o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das Consellerías da Xunta de Galicia, adscribe á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a Axencia Galega de Innovación, dispoñendo na súa disposición adicional décimo terceira que as referencias á Consellería de Economía e Industria contidas no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, incluídas as referencias realizadas nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que exercerá a presidencia da Axencia e as competencias previstas na normativa vixente como Consellería de adscrición.

A presidencia da Axencia Galega de Innovación correspóndelle á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A presente orde regula a delegación de competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e á titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, das secretarias xerais e direccións xerais e nos/nas directores/as territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das seguintes competencias:

1. Atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional como presidente da Axencia Galega de Innovación:

a) O desenvolvemento ordinario das relacións da Axencia Galega de Innovación cos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das restantes administracións públicas a que dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nos estatutos da Axencia, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro.

b) A resolución dos recursos de alzada interpostos contra os actos da Dirección da Axencia.

2. Atribuídas como titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:

a) As funcións que como órgano de contratación corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

b) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación cos encargos a medios propios, corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente.

c) Autorizar e dispoñer os gastos dos servizos da Consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

d) A aprobación das modificacións orzamentarias competencia da persoa titular da Consellería, as desconcentracións dos créditos nos departamentos territoriais, as modificacións dos proxectos de gastos entre créditos vinculantes e as redistribucións de crédito, así como a proposta das modificacións orzamentarias de competencia do Consello da Xunta ou da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) Resolver os recursos administrativos, a suspensión da execución dos actos impugnados en vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e a resolución de expedientes de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables que correspondan á persoa titular da Consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto de recurso ou reclamación.

f) A formalización de acordos e convenios en materias propias do seu ámbito competencial, sen prexuízo do establecido no punto sexto alínea b) desta orde.

g) A resolución dos pagamentos anticipados previstos nos convenios.

h) A resolución de autorización de sinatura dos convenios.

i) O exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería en materia de persoal non docente, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación e o nomeamento do persoal eventual, así como autorizar os actos de disposición de créditos, recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento de todo o persoal da Consellería.

j) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica e dos/das directores/as territoriais.

k) Autorizar a asistencia do persoal adscrito á Secretaria Xeral Técnica a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

l) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da Consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva da persoa titular da Consellería ou que estea atribuído ou delegado noutros órganos.

m) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

n) O exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería.

o) O exercicio das facultades que a normativa en materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia lle atribúe á persoa titular da Consellería, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

p) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e outras administracións públicas e presentar os recursos que, de ser o caso, procedan.

q) Dar resposta aos requirimentos e solicitudes formuladas polo Defensor del Pueblo e polo Valedor do Pobo, así como aos requirimentos de información que lle correspondan á persoa titular da Consellería procedentes doutros órganos estatutarios.

r) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Segundo. Delegacións nas persoas titulares das secretarías xerais e direccións xerais da Consellería

Deléganse nas persoas titulares das secretarías xerais e direccións xerais o exercicio das seguintes competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:

a) As atribuídas á persoa titular da Consellería pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, respecto dos contratos menores no ámbito das súas competencias, así como as facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio desta competencia.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control.

c) Autorizar os gastos e autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento das obrigas e proposta á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública a ordenación dos correspondentes pagamentos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia en relación cos créditos do capítulo 2 dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

d) O exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizar a asistencia do seu persoal adscrito a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

e) O exercicio da competencia para iniciar e resolver, nos seus respectivos ámbitos competenciais, o procedemento sancionador por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

f) A imposición ou as propostas de sanción, así como o inicio do procedemento sancionador e, de ser o caso, tanto a apertura do período de información ou actuacións previas como a adopción de calquera medida de carácter provisional que lle corresponda á persoa titular da Consellería.

g) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Terceiro. Delegacións específicas na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Ademais das indicadas no punto anterior, delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos o exercicio das seguintes competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:

a) As competencias que lle correspondan á persoa titular da Consellería en materia de persoal docente e non docente destinado en centros docentes, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación e o nomeamento do persoal eventual.

b) Asinar os concertos educativos aprobados pola Consellería.

c) As funcións relativas á homologación e á validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, asignadas á Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional polo Decreto 204/2008, do 28 de agosto.

d) Resolver os recursos de alzada que se interpoñan contra actos en materia de persoal ditados polos departamentos territoriais.

Cuarto. Delegacións nos/nas directores/as territoriais

Delégase nos directores e directoras territoriais da Consellería o exercicio das seguintes competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional:

a) Formalizar os contratos do profesorado de relixión e anexos aos contratos vixentes, os de carácter temporal do persoal non docente e os nomeamentos do persoal en prácticas, interino e substituto docente, para impartir ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) As funcións que como órgano de contratación corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente, nas contratacións do servizo relativo ás cafetarías escolares nos centros docentes públicos dependentes da Consellería.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo, ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do persoal da Consellería con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

d) Recoñecer os servizos previos, os trienios e os sexenios aos funcionarios docentes pertencentes a corpos ou escalas e ao profesorado de relixión adscritos ao seu ámbito territorial.

e) Respecto dos créditos desconcentrados, as funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da Consellería de acordo coa lexislación vixente.

f) Respecto dos créditos desconcentrados, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia.

g) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Quinto. Outras delegacións específicas

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares das secretarías e direccións xerais da Consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares das secretarias xerais e das direccións xerais da Consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos para xustificar, sen prexuízo das competencias dos departamentos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

Sexto. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, o conselleiro poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde e, así mesmo, poderá acordar a súa revogación.

c) Atribúeselle á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias atribuídas á persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non están expresamente delegadas noutros órganos da Consellería.

d) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan por medio desta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto das persoas titulares das secretarías xerais e direccións xerais da Consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, as persoas titulares das secretarías e direccións xerais, seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste sentido, a substitución asumiraa o titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, e correspóndelle ao primeiro, se é o caso, substituír o último.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nos/nas directores/as territoriais serán desempeñadas polas persoas titulares das xefaturas de servizo dos respectivos departamentos territoriais segundo a orde de prelación establecida no Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Sétimo. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Oitavo. Revogación

Quedan sen efecto as delegacións de competencias contidas na Orde do 29 de xullo de 2022 de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais desta consellería.

Noveno. Eficacia da delegación

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional