DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35793

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO da aprobación das bases singulares para a xestión, por delegación do Concello de Arteixo, da inspección da taxa do 1,5 e dos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións, e a aceptación da dita delegación.

A Deputación Provincial da Coruña, na sesión plenaria ordinaria que tivo lugar o 1 de abril de 2024, adoptou o seguinte acordo:

«24. Aprobación das bases singulares para a xestión, por delegación do Concello de Arteixo, da inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de subministracións de interese xeral ou que afecten a xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza (taxa do 1,5) e dos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións e a aceptación da dita delegación.

1º) Aprobar as seguintes bases que regulan singularmente a delegación que o Concello de Arteixo realiza na Deputación das facultades en materia de inspección da taxa do 1,5 e dos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións:

«Bases singulares para a xestión, por delegación do Concello de Arteixo, da inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de subministracións de interese xeral ou que afecten a xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza (taxa do 1,5) e dos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións

Primeira. Obxecto da delegación

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa do Concello de Arteixo, as competencias en materia de inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de subministracións de interese xeral ou que afecten a xeneralidade ou unha parte importante da veciñanza (en diante, taxa do 1,5), regulada nos artigos 20 a 27 do TRLRFL, consistente no 1,5 por cento dos ingresos brutos de facturación.

Segunda. Alcance do exercicio das competencias delegadas

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias da inspección da taxa do 1,5.

Non obstante, o Concello de Arteixo colaborará coa Deputación realizando as seguintes actuacións:

O Concello de Arteixo colaborará coa Deputación da Coruña, directamente e/ou a través dos apoios externos contratados polo Concello. Para todas as tarefas de colaboración e apoio administrativo que non requiran a intervención de funcionario público, o Concello poderá recadar os apoios externos que lle solicite a Deputación Provincial a través de empresas colaboradoras ou outras fórmulas que considere. O resto, isto é, as que necesariamente deban ser desempeñadas por funcionario público, serán por conta da Unidade de Inspección da Deputación Provincial.

Este apoio externo poderá ser substituído pola colaboración que realice un funcionario municipal capacitado, técnico de Inspección Tributaria, segundo consta na relación de postos de traballo vixente.

Este apoio municipal, que colaborará en todo momento coa Unidade de Inspección da Deputación Provincial e sempre baixo a súa dirección, poderá, entre outras funcións:

□ Proporlle á Deputación as actuacións que se teñan que realizar para que esta, se o considera conveniente, as inclúa no plan de inspección e inicie o procedemento de inspección. Na proposta detallaranse os criterios tidos en conta.

□ Atender, recoller a documentación e informar os obrigados tributarios sobre as normas de aplicación do procedemento de inspección e sobre o alcance das obrigas e dereitos que delas deriven.

□ Proporlle á Deputación a documentación específica, tendo en conta o tipo de subministración obxecto das actuacións que se van realizar, que se debe incluír nos requirimentos.

□ Controlar os requirimentos non atendidos ou atendidos de forma incompleta ou incorrecta. Informará a Deputación para que, de ser o caso, esta desenvolva as actuacións que se estimen oportunas.

□ Proporlle á Deputación a nova documentación que sexa preciso requirir, tendo en conta a documentación xa achegada.

□ Compilar a documentación xeral de tipo técnico (lexislación, estudos, etc.), xurídico (lexislación, consultas, xurisprudencia, etc.), ou particular de tipo público (páxinas web, boletíns oficiais, etc.), necesaria para a instrución do expediente.

□ Realizar os labores de transformación, acumulación, combinación, relación, análise de datos, etc. dos datos contidos en ficheiros informáticos achegados ao expediente.

Para realizar estas tarefas, o Concello deberá contar cos programas necesarios (Excel, Access...) na versión máis axeitada.

□ A colaboración externa poderá incluír a elaboración de comunicacións, dilixencias, actas, informes ampliatorios, propostas de regularización, propostas de sanción e demais documentos integrantes do expediente inspector ou sancionador, para a súa sinatura, se procede, polos funcionarios actuarios pertencentes á Deputación Provincial.

□ Informar das actuacións realizadas, os feitos, a lexislación aplicable e as conclusións.

□ Colaborar coa Unidade de Inspección da Deputación Provincial, e baixo a dirección desta, na resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra os actos ditados en relación cos expedientes inspectores e sancionadores, nos termos establecidos no punto anterior.

□ Realizar todas as tarefas de tipo administrativo e informático (gravación de datos, confección de documentos, notificacións, etc.) relacionadas coas actuacións inspectoras e cos expedientes sancionadores derivados delas.

Para tal efecto, o Concello utilizará a aplicación informática que empregue a Deputación Provincial da Coruña, e deberá observar as instrucións de identificación e autenticación fixadas pola Deputación. Para iso, a Deputación porá á súa disposición a utilización da aplicación informática.

Terceira. Información da xestión da Deputación ao Concello

O Concello de Arteixo disporá, para estes efectos, de todas as posibilidades de consulta que permita a aplicación de xestión da Deputación, dentro do marco establecido pola lexislación xeral sobre protección de datos e a normativa específica que para o seu cumprimento teña aprobada a propia Deputación.

Cuarta. Tratamento dos datos de carácter persoal

Tanto o Concello de Arteixo como a Deputación Provincial da Coruña tratarán os datos de carácter persoal incluídos nos expedientes tramitados en execución desta delegación, de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (en diante, RXPD), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (en diante, LOPDGDD).

Tipoloxías de datos de carácter persoal: datos de carácter identificativo/datos de contacto/datos económico-financeiros.

Categorías de persoas interesadas: representantes das empresas explotadoras de subministracións/ clientes das empresas explotadoras de subministracións.

O Concello de Arteixo ten, en relación cos datos de carácter persoal incluídos nos expedientes tramitados en execución desta delegación, a consideración de responsable do tratamento para efectos do Regulamento xeral de protección de datos.

A Deputación Provincial da Coruña ten a consideración de encargada do tratamento para os efectos do Regulamento xeral de protección de datos, tal e como sinala a súa política de privacidade aprobada pola Resolución 38303/2018 (modificada pola Resolución 27803/2019), ao tratarse dun tratamento de datos que son facilitados polo Concello de Arteixo para o exercicio de actividades de asistencia e asesoramento en desenvolvemento das facultades delegadas en materia de inspección da taxa do 1,5. (https://sede.dacoruna.gal/sxc/es/portal_transparencia/relevancia_juridica/proteccion_Datos/ProteccionDatos.html). A Deputación da Coruña poderá recorrer a outros encargados sen contar coa autorización previa do responsable.

De conformidade cos artigos 28 e 33 da LOPDGDD, considéranse medidas técnicas e organizativas axeitadas para garantir e acreditar que o tratamento que vai realizar a Deputación Provincial da Coruña como encargada do tratamento é conforme co dito RGPD, coa LOPDGDD e demais normativa de aplicación, o cumprimento por parte desta da súa política de seguridade da información e as normas técnicas de seguridade e de uso que a desenvolven (https://sede.dacoruna.gal/sxc/es/sobrelasede/seguridad/), así como a súa política de privacidade, que son suficientes para combater os maiores riscos que se poidan producir ao tratarse dun tratamento dunha gran cantidade de datos persoais.

A Deputación da Coruña, como encargada do tratamento, asumirá, mediante a aceptación da delegación, todas as obrigacións establecidas no artigo 28.3 do RXPD.

Quinta. Taxa por prestación de servizos delegados

De acordo co previsto no punto d.3 do artigo 6 da Ordenanza fiscal número 5 da Deputación, as taxas que deberá aboar o Concello de Arteixo polas cantidades cobradas como consecuencia de liquidacións derivadas deste labor inspector e de recadación executiva serán as seguintes:

– 2,5 % do importe das cotas recadadas en período voluntario.

– 75 % do importe das recargas de constrinximento recadadas en período executivo.

– 50 % do importe das sancións que deriven da xestión e inspección da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no solo, subsolo ou voo das vías públicas, a favor de empresas explotadoras dos servizos de subministración de interese xeral, recadadas en período voluntario e executivo. No caso de que os anteriores importes se recaden en período executivo, cobrarase tamén o 75 % das recargas do período executivo.

Para os efectos de cuantificación da taxa que deberá aboar o Concello á Deputación, para a determinación do importe dos ingresos brutos recadados, fíxase un importe máximo de 60.000,00 euros por cada liquidación tal e como está previsto no parágrafo segundo do artigo 5.1 da Ordenanza fiscal número 5 da Deputación Provincial. No caso de revisión posterior deste límite máximo, aplicarase o que resulte da nova regulación.

Sexta. Vixencia da delegación

O prazo de vixencia da delegación de competencias regulada nestas bases será de dez anos, contados a partir da súa entrada en vigor.

Non obstante, poderase dar fin á dita delegación en calquera momento, por mutuo acordo das partes.

Sétima. Acordos de delegación e aceptación

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación das competencias e funcións que se detallan nestas bases será o seguinte:

1º. Acordo de delegación de competencias e aprobación destas bases, adoptado polo Pleno do Concello de Arteixo.

2º. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e traslado deste á Deputación, mediante certificación expedida polo/a secretario/a xeral do Concello de Arteixo.

3º. Acordo adoptado polo Pleno da Deputación en que aproba as bases e acepta a delegación nos termos destas.

4º. Publicación do acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Oitava. Entrada en vigor

A entrada en vigor da delegación producirase con efectos do primeiro día do mes seguinte á última publicación das previstas na base anterior.

Non obstante, esta entrada en vigor está condicionada a que o Concello asumise de xeito completo a aplicación informática de xestión de taxas de GTT facilitada pola Deputación, incluída a xestión voluntaria do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana e a taxa do 1,5.

Novena. Normativa de desenvolvemento

Habilítase a Presidencia da Deputación para ditar as normas necesarias para o adecuado desenvolvemento destas bases e para unha mellor execución das competencias obxecto de delegación».

2º) Aceptar a delegación acordada polo Concello de Arteixo, nas condicións establecidas no acordo e nas bases singulares para a xestión, por delegación do Concello de Arteixo, da inspección da taxa do 1,5.

3º) Publicar este acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento».

O anterior faise público para xeral coñecemento.

A Coruña, 8 de abril de 2024

O presidente da Deputación Provincial da Coruña

P.D. (RP 33475/2023)

José Ramón Rioboo Castro

Deputado delegado de Persoal

Amparo Taboada Gil

Secretaria xeral da Deputación

Provincial da Coruña