DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35707

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorga a autorización administrativa do desmantelamento dunha planta de coxeración existente e a autorización administrativa de construción da modificación resultante que Forestal del Atlántico, S.A. promove no concello de Mugardos (A Coruña).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Forestal del Atlántico, S.A. en relación coa autorización administrativa do desmantelamento dunha planta de coxeración existente e a autorización administrativa de construción da modificación resultante, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3 de novembro de 1994, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar administrativamente a Forestal del Atlántico, S.A. unha planta de coxeración no concello de Mugardos (A Coruña), e outorgarlle a condición de autoxerador eléctrico.

Segundo. O 4 de decembro de 1996, a Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar administrativamente a Forestal del Atlántico, S.A. a ampliación da planta de coxeración citada no antecedente de feito primeiro e incluíla no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994.

Terceiro. O 26 de xuño de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu aprobar o proxecto de execución da planta de coxeración de referencia, tendo as seguintes características básicas:

– Catro motores de combustión interna, alimentados por fuel óleo, de 6.590 kW de potencia c/u.

– Catro xeradores síncronos trifásicos, de 6.200 kVA de potencia nominal c/u, tensión de xeración 6 kV e cos phi=1.

– Un centro de transformación de potencia á intemperie de r/t 132/6 kV cunha potencia de 24,8 MVA.

– Aparellaxe de protección, sinalización e medida e interconexión coa rede de distribución de enerxía eléctrica.

Cuarto. O 19 de abril de 1999, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, outorgándolle o número de rexistro RE-99-17.

Quinto. O 9 de xuño de 2010, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autorizar administrativamente, aprobar o proxecto de execución e incluír no réxime especial de produción de enerxía eléctrica unha modificación substancial da instalación de coxeración que Forestal del Atlántico, S.A. posúe no concello de Mugardos (A Coruña) coas seguintes características técnicas:

– Substitución de caldeiras de recuperación de calor.

– Instalación de dúas unidades de absorción.

– Sistema de intercambio aire-auga, para quentamento das naves de papel e urea.

– Renovación de sistemas de control.

Sexto. O 23 de xaneiro de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu realizar a inscrición definitiva no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da modificación substancial da planta de coxeración de referencia mencionada no antecedente de feito quinto.

Sétimo. O 27 de outubro de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de declaración do proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, no concello de Mugardos (A Coruña), como proxecto industrial estratéxico (PIE) de acordo co recollido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, do cal forma parte a modificación da planta de coxeración de referencia.

Oitavo. O 1 de xuño de 2023, Forestal del Atlántico, S.A. presentou ante a Secretaría Xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación documentación destinada a dar continuidade ao proxecto Triskelion, así como para efectuar o seu sometemento a información pública, entre a cal se atopa o proxecto denominado proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A.

Noveno. Mediante Anuncio do 6 de xuño de 2023, a Secretaría Xeral de Industria someteu a información pública a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de outubro de 2022, que se implantará no concello de Mugardos (A Coruña), incluíndo o proxecto de cambio de combustible e modificación de referencia, que se publicou o 21 de xuño de 2023 no Diario Oficial de Galicia núm. 117.

Así mesmo, a citada información pública estivo exposta ao público no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Non consta a presentación dentro do prazo establecido de ningunha alegación contraria ao proxecto tal como recolle o certificado emitido o 3 de maio de 2024 pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria.

Décimo. O 14 de agosto de 2023, o Concello de Mugardos (A Coruña) certificou que o anuncio relativo á información pública citada no antecedente de feito noveno publicouse entre o 22 de xuño de 2023 e o 3 de agosto de 2023 tanto no taboleiro físico de edictos como no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello sen que conste a presentación de ningunha alegación.

Décimo primeiro. O 29 de setembro de 2023, a Secretaría Xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu á Xefatura Territorial da Coruña da citada consellería, co fin de iniciar os trámites para a autorización administrativa previa e de construción de determinadas infraestruturas incluídas no proxecto Triskelion, entre outros documentos o proxecto de cambio de combustible e modificación da planta de coxeración.

Décimo segundo. O 20 de outubro de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe no cal se solicitou que se resolvan unha serie de cuestións pendentes detalladas no citado informe.

Décimo terceiro. O 7 de novembro de 2023 e o 22 de decembro de 2023, a empresa solicitante presentou documentación complementaria co fin de dar cumprimento ao recollido no informe citado no antecedente de feito décimo segundo, incluíndo un novo proxecto de execución denominado modificado do proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A.

Décimo cuarto. O 29 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial da Coruña informou favorablemente desde o punto de vista técnico o proxecto citado no antecedente de feito décimo terceiro, condicionado a que o promotor achegue unha serie de documentos debidamente asinados.

Décimo quinto. O 8 de xaneiro de 2024, a empresa solicitante presentou documentación complementaria co fin de dar cumprimento ao recollido no informe favorable condicionado citado no antecedente de feito décimo cuarto.

Décimo sexto. O 15 de xaneiro de 2024, a Xefatura Territorial da Coruña informou favorablemente dende o punto de vista técnico ao proxecto de execución.

Décimo sétimo. O 21 de xaneiro de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativo ao proxecto Triskelion, do cal forma parte a modificación da planta de coxeración de referencia de acordo co proxecto denominado modificado do proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A., que se fixo pública mediante o Anuncio do 31 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto Triskelion, planta de produción de metanol, no concello de Mugardos (A Coruña) (expediente 2022/0046) publicado no DOG núm. 31, do 13 de febreiro de 2024.

Décimo oitavo. O 13 de xaneiro de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu modificar, por modificación substancial, a autorización ambiental integrada núm. 2006/0349_NAA/IPPC_168 outorgada a Forestal del Atlántico, S.A. para incluír o proxecto denominado Triskelion, planta de produción de metanol verde, do cal forma parte a modificación da planta de coxeración de referencia que se localizará nas súas instalacións do concello de Mugardos (A Coruña).

Décimo noveno. O 15 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a documentación correspondente á tramitación do proxecto de modificación da planta de coxeración de referencia co fin de obter a autorización administrativa de construción.

Vixésimo. O 19 de febreiro de 2024 e o 30 de abril de 2024, requírese á Secretaría Xeral de Industria a achega por parte da empresa solicitante de documentación complementaria necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A documentación requirida presentouse o 22 de febreiro de 2024, o 20 de marzo de 2024 e o 7 de maio de 2024.

Vixésimo primeiro. O 22 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria da Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) unha separata do proxecto de modificación da coxeración de referencia co fin de que esta emita informe previo sobre a autorización de peche de acordo co recollido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Non se recibiu resposta no prazo establecido polo que se entende a súa conformidade co proxecto de modificación.

Vixésimo segundo. O 6 de marzo de 2022, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de modificación da planta de coxeración, facendo constar que a actuación non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda na seguridade do sistema na rede de transporte. Así mesmo, o 19 de marzo de 2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. informou sobre a modificación da planta de coxeración considerando que esta cumpre cos criterios para considerar que unha instalación de xeración de electricidade é a mesma para os efectos dos permisos de acceso e conexión concedidos, recollidos no anexo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas contempladas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado; correspóndelle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e co Decreto 49/2024, do 22 de abril, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa de construción á sociedade Forestal del Atlántico, S.A. para o desmantelamento dunha planta de coxeración existente situada no concello de Mugardos (A Coruña) segundo o proxecto denominado modificado de proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A., asinado o 6 de novembro de 2023 polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro, colexiado núm. 871 do ICOIIG, así como o anexo ao citado proxecto denominado anexo ao proxecto de cambio de combustible e modificación de potencia da planta de coxeración de Forestal del Atlántico, S.A. asinado polo mencionado enxeñeiro o 2 de xaneiro de 2024.

Os datos principais da actuación son:

Desmantelamento de todas as actuais instalacións existentes na nave industrial do edificio de motores, no depósito de auga e na cuberta de bombas. Está prevista a demolición das tres anteriormente indicadas edificacións. As principais instalacións eléctricas para desmantelar son:

– Catro motores xeradores diésel Deutz tipo BV16M640 alimentado a fuel óleo.

– Catro xeradores síncronos trifásicos, de 6.200 kW de potencia nominal cada un e tensión de xeración 6 kV.

– Rede de alta tensión de 6 kV desde os equipos motor-xerador ata as celas do centro de transformación 6 kV. Embarrados 1 e 2.

– Servizos auxiliares e sistemas de alimentación de combustible.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción á sociedade Forestal del Atlántico, S.A. para o a modificación resultante da planta de coxeración existente situada segundo o proxecto citado na parte dispositiva primeira da presente resolución.

Os datos principais da actuación son:

Montaxe na nova nave industrial do edificio de motores e nos seus arredores das seguintes instalacións eléctricas:

– 2 motores xeradores de gas natural marca Bergen Engines B36:45 V20 AG 1 (ou similar) alimentados a gas natural.

– 2 xeradores síncronos trifásicos de 11.760 kW de potencia nominal cada un e tensión de xeración 6 kV.

– Centro de transformación S.S.A.A. (novo) para os servizos auxiliares da nave de coxeración, relación de transformación 6/0,4 kV e de 1.600 kVA de potencia.

– LMTS de alta tensión, de 6 kV, desde os equipos motor-xerador ata as celas do centro de transformación 6 kV. Embarrados 1 e 2 (existente) e desde este ata o centro de transformación S.S.A.A. (novo) de 120 m de lonxitude, condutores tipo RHZ1 20L 12/20 kV Al de 240 e 400 mm2.

– Instalación de baixa tensión para a iluminación e a alimentación aos servizos auxiliares.

Substitución de equipos dos sistemas de refrixeración e recuperación de calor disipado polos motores, como por exemplo de caldeiras de recuperación. Manteranse os equipos de absorción para a produción de auga fría a partir do circuíto de refrixeración dos motores.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos proxectos de execución referidos na parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria previamente a autorización desta dirección xeral. Pola súa banda, a Dirección Territorial de Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Dirección Territorial da Consellería de Economía e Industria Coruña, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Forestal del Atlántico, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior o promotor deberá solicitar a modificación da inscrición da instalación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de dezaoito meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas