DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 12 de xuño de 2024 Páx. 35624

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 15 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT811C).

BDNS (Identif.): 763045.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía abandonado que proveña dalgún dos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, ademais de cumprirse con respecto ao animal obxecto de adopción os requisitos establecidos no artigo 24.2 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinadas a fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT811C).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 15 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para fomentar a adopción de animais domésticos de compañía abandonados acollidos nos centros de recollida autorizados da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT811C).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de cento vinte e cinco mil euros (125.000 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2024.

Sexto. Outros datos

Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde os custos derivados da identificación, esterilización, desparasitación e vacinación, segundo proceda, que o propio centro de recollida ou un centro veterinario colaborador deste poida repercutir sobre quen adopte un animal doméstico de compañía abandonado acollido nun dos centros de recollida autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático